InicioEn profundidade“Cada vez temos máis trabas pero do mel pódese vivir”, David Veiga,...

“Cada vez temos máis trabas pero do mel pódese vivir”, David Veiga, apicultor

Este rapaz de Sarria cóntanos como se centrou na apicultura, e dende o 2017 vive só das abellas. Gran parte da súa produción vai para unha cooperativa e de cara a este ano pensa xa en crear a súa propia marca e tenda online.

Publicado o

- Advertisement -

David Veiga Gómez é un rapaz de Santa María do Vilar, en Sarria, que dende pequeno axudou na casa a coidar das abellas. “Meu pai tiña colmeas e sempre me gustaron, de botarlle a man foime gustando”, comenta.

Con estes antecedentes, David deulle unhas voltas e ao final decidiuse polo camiño da apicultura, deuse de alta no 2017 e hoxe conta con mais de catrocentas colmeas. O básico do oficio aprendeuno dos seus pais pero gústalle formarse continuamente, contándonos que a través da Cooperativa Erica Mel de Arzúa e da Asociación de Apicultores de Galicia  ten asistido a charlas e feito diferentes cursos en Galicia e incluso un en Madrid -de inseminación instrumental-.

Mel ‘das miñas colmeas’ feito por David Veiga / XdL

Falamos con este rapaz, que antes de chegar aos 30 anos viu que na apicultura podía atopar o seu medio de vida.

Pódese vivir da apicultura?

Si que se pode vivir, eu dende o 2017 vivo só disto. Cada vez temos máis trabas pero do mel pódese vivir. Hai moitos factores que inflúen para saír adiante, o cambio climático, a vespa asiática…

“Cada vez temos máis trabas pero do mel pódese vivir”

Que inimigos tedes logo, os apicultores?

A ver, os máis importantes son o cambio climático, a varroa, a velutina e os fitosanitarios.

Coméntanos como vos afectan cada un deles?

O cambio climático provoca que as floracións non sigan o seu curso normal. Vai frío fóra de tempo e acaba coas floracións. No caso da vespa asiática pois xa se sabe, comen as abellas e temos que combatelas, ‘trampear’ en primavera e axudarnos, entre outras cousas, tamén con ‘atraentes’ que nos facilita a Xunta. Outro inimigo é a varroa, un parásito moi pequeno que entra nas colmeas e vai debilitando ás abellas; tamén temos tratamentos pero é un dos males peores que temos, un mal que está presente en todo o mundo, non só aquí. En tamén temos problemas cos fitosanitarios, moita xente non sabe cando dar os sulfatos e ás veces dano en momentos de floración. Os sulfatos hai que saber dalos e non dalo por sistema, creo que non hai formación dabondo na xente… imos aprendendo algo cos carnets fitosanitarios pero queda moito camiño por andar neste sentido.

“Os sulfatos hai que saber dalos e non dalo por sistema”

É máis duro do que parece o traballo de apicultor?

A ver, leva traballo. Hai épocas de facer enxames, de dividir, trasladar colmeas, facer limpezas, castrar… Hai algún momento de tranquilidade, como pode ser antes de sacar o mel en agosto, pero cando tes moitas colmeas nótase. Eu empecei con 150 colmeas e agora que paso das 400 vexo que non se dá feito, hai moito traballo.

Traballando nas colmeas. Foto de David Veiga

Ademais do apreciado mel, das abellas tamén aproveitades o pole. Cóntanos.

Si, o pole é un ‘superalimento’, ten máis propiedades que o propio mel. Aquí non se coñece moito pero noutros países é moi apreciado. É o ‘polvillo das flores’ que levan as abellas nas patas cando van á colmea. Nós poñémoslle unhas trampas na entrada das colmeas e conseguimos que parte del quede nelas para despois recollelo.

“O pole é un ‘superalimento’, ten máis propiedades que o propio mel”

Ten que ser difícil conseguir cantidades del, non?

Cunha colmea forte, dunhas 60.000 abellas pódese sacar medio quilo de pole cada dous días.

Como foi o 2020?

Foi un ano malo, ás abellas vailles moi mal que haxa días bos e despois moitos malos. Os cambios bruscos de tempo vanlle fatal. E o ano pasado a arrincada da primavera foi moi inestable. As abellas crían co bo tempo, e se de golpe vén mal tempo non poden saír por alimento para alimentar a colmea.

“Ás abellas vailles moi mal que haxa días bos e despois moitos malos. Os cambios bruscos de tempo vanlle fatal”

Canto mel sacaches?

Uns 4.000 quilos. Parte del véndoo a tendas e clientes habituais e o resto vai para a cooperativa coa que traballo, Erica Mel de Arzúa.

Victor Veiga a pouco de comezar como apicultor (2018) / Foto: D. Veiga.

Onde tes as colmeas?

En varios concellos da zona sur de Lugo. Teño en Sarria, en Láncara, en Bóveda, no Incio e tamén na Pobra do Brollón. Son 9 colmeares en total.

Pensas en crear a túa marca?

Ata agora comercializo coa marca xenérica ‘das miñas colmeas’ pero estou valorando sacar unha marca propia e incluso web con tenda online. Xa teño unha lista de nomes pero non me acaba de convencer ningún (risas).

Un dos colmeares de Victor. Foto: D. Veiga.

ÚLTIMAS

Fin de semana de Fam Trip na Ruta do Viño da Ribeira Sacra

A Ruta do Viño da Ribeira Sacra celebra do 24 ao 26 de maio...

O alcalde de Bóveda na creacion da Comisión de Políticas de Auga, Medio Ambiente e Economía Circular

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, participou recentemente en Madrid na reunión da...

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...