HomeEn profundidadeO aproveitamento da resina, unha oportunidade laboral para o rural?

O aproveitamento da resina, unha oportunidade laboral para o rural?

Coñecemos a experiencia dun Técnico Forestal que traballa como resineiro profesional nunha parroquia do Concello de Pantón, concretamente no Monte Comunal de Ferroedo en Tuiriz.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Francisco José Domínguez Cerviño, orixinario de Bueu, é Técnico Forestal e resineiro profesional.

Desde hai tres anos é habitante da parroquia de Sta. María de Tuiriz, lugar onde tamén exerce a súa profesión no Monte Comunal do Ferroedo. Combina o seu traballo na empresa Foresin -consultoría e enxeñería ambiental-, con labores de investigación. Falamos con el.

Como acaba un rapaz orixinario de Bueu na aldea de Santa María de Tuiriz exercendo de resineiro?

Foi un percorrido bastante largo. Comezou cando cheguei a Lugo para estudiar na EPS e remata, polo de agora, no pobo de Tuiriz despois de cursar perito agrícola e pasar por distintos traballos practicamente en toda a comunidade galega. E nos últimos 6 anos batallando por conseguir demostrar que a resina é unha oportunidade laboral para o noso rural.

O labor de resineiro defínese como unha actividade sostible e de respecto ao medio que se pode realizar nos montes de Galiza. Pode contarnos en que consiste e cales son os usos para os que vai destinada?

Gústame máis denominalo traballador multifuncional. Porque igual que o noso monte ten multitude de oportunidades, a persoa que traballa nel tamén debería saber desempeñar ou aproveitar todas estas posibilidades, entre elas as laborais.

No caso da extracción da resina o que facemos é obter dunha maneira sostible e tradicional o produto que temos nos nosos piñeiros. Facemos unhas preparacións previas na época de parada vexetativa, e na época de produción practicamos unhas incisións, que xunto coa aplicación dunha pasta estimulante  axúdanos a conseguir a nosa materia prima, nalgúns lugares ben chamado “ouro verde”.

“Na actualidade a industria de cosmética e farmacéutica son as que demandan a maioría dos subprodutos que se producen”

Dos seus usos e compoñentes, cada ano aprendo algunha aplicación nova e tamén dos seus subprodutos que se obteñen de forma industrial nas sucesivas destilacións. Dende o emprego máis antigo coma o de prender o lume nas cociñas de leña, case en desuso, pasando polas épocas de grandes producións na zona de Castela onde boa parte ía destinada á “brea” dos barcos, como impermeabilizante da madeira.

Na actualidade a industria de cosmética e farmacéutica son as que demandan a maioría dos subprodutos que se producen, esencia de trementina para perfumes e cremas ao igual que en moitos produtos alimenticios, onde se usa para fixar aromas. Na parte farmacéutica úsanse subprodutos de segundas e terceiras destilacións que van destinados ultimamente ás coberturas de moitos medicamentos, ou como soporte de vacinas debido ao seu carácter orgánico ou comestible, entre outros usos. A colofonia, outro dos seus subprodutos é moi empregada para pegamentos, pinturas ou vernices.

En que medida considera que a profesión de resineiro é unha opción real que contribúe á revitalización das aldeas axudando a atraer veciñanza asociada á práctica desta actividade? Como se manifestou isto no caso concreto de Tuiriz?

Creo que esta pregunta resúmese na miña propia experiencia. O motivo do meu interese neste sector foi darme conta do abandono do monte en xeral que temos en Galicia, acordámonos del cando o cortamos ou cando arde desgraciadamente.

“Dinme conta, xunto cos meus compañeiros, que a extracción da resina podía ser unha escusa de entrada nas parcelas, e dende onde se podía comezar a propia xestión sustentable e multifuncional do monte”

Cando coñecín a extracción da resina pareceume que podía ser unha ferramenta para visitar algo máis o noso monte. A medida que fun avanzando e aprendendo dinme conta, xunto cos meus compañeiros, que a extracción da resina podía ser unha escusa de entrada nas parcelas, e dende onde se podía comezar a propia xestión sustentable e multifuncional do monte.

A maiores, e falando do caso particular de Tuiriz, como resineiros pensabamos que podiamos desempeñar unha actividade moi importante na defensa contra a lacra dos incendios, que foi unha das premisas máis interesantes que valoraron os comuneiros de Tuiriz. Como exemplo, tamén cabe citar a experiencia que tiven en Loiba, onde comecei o meu camiño como resineiro, e onde os propietarios non me cobraban o aluguer das súas parcelas porque chegáballes verme nos seus montes traballando, xa que dicían que había trinta anos que ninguén pisaba esas parcelas.

“… e falando do caso particular de Tuiriz, como resineiros pensabamos que podiamos desempeñar unha actividade moi importante na defensa contra a lacra dos incendios”

Tódolos veráns vemos perigar o noso patrimonio natural e cultural coa chegada dos incendios aos nosos montes. Como axuda a presenza dos resineiros a evitar estas catástrofes?

Dáse a casualidade que o primeiro ano de traballo en Tuiriz, sufrimos nos arredores un incendio forestal de 700 Ha que pasou a 3-4 quilómetros do noso monte, onde iniciamos o aproveitamento resineiro. Imaxinade a preocupación e nerviosismo polo que pasamos os tres resineiros vendo perigar todo o noso traballo, xunto coa preocupación conxunta dos nosos veciños. Ao final, chámalle prevención, acción directa ou disuasión, creo que podemos chegar a ser unha ferramenta máis na loita e concienciación neste gran problema que temos en Galicia.

Tanto as rozas que realizamos, a permanencia que nos obriga o desempeño do noso traballo diario no monte, coma a concienciación que facemos nas charlas e cursos que realizamos dende a asociación e a empresa na que traballo, supoñen unha gran acción; e non só contra o problema do lume, senón tamén para darnos conta do gran potencial que temos nos nosos montes e o infravalorado que o temos.

“… creo que podemos chegar a ser unha ferramenta máis na loita e concienciación neste gran problema que temos en Galicia”

Considera que as diferentes administracións deberían apostar pola implantación desta actividade dunha maneira firme?

Respecto da administración, é moi difícil valorala. Xa non por realizar traballos directamente para ela, senón que creo firmemente que somos nós os que temos que facer que a administración actúe/traballe. E poño un exemplo, dende a nosa asociación de resineiros sempre intentamos conseguir cousas de cara a este sector tan incipiente, e para os propios resineiros. Pero nunca imaxinariamos que gracias a percorrer case toda Galicia, e incluso Asturias, dando charlas e cursos formativos, chegariamos a colaborar en normalizar o sector e incluír o aproveitamento resineiro case ao nivel doutros aproveitamentos con moita máis presenza no forestal galego.

Preparando un piñeiro para o aproveitamento da resina. Foto: Fco J. D.

Que papel poden xogar as comunidades de montes e demais asociacións?

Xa vedes a importancia que pode chegar a ter unha asociación de tan só 14 persoas. No caso dos Montes Veciñais en Man Común creo que aínda é máis fundamental, xa que aparte do legado de responsabilidade que teñen sobre toda a herdanza anterior que trae consigo, poden ser un gran exemplo de boa xestión dos nosos montes. No caso que nos toca, sen Ferroedo non teríamos esa gran ocasión de demostrar que xa vivimos fundamentalmente da resina e deixando múltiples beneficios no lugar que nos ofrece esa oportunidade.

A parte do labor profesional existe un labor de investigación que axuda a evolucionar e asentar esta profesión a nivel galego. Que tipo de labores exerce vostede na profesión? Como se está conseguindo formar á xente para que se inicie nesta actividade?

Temos que pensar que en Galicia non existe unha ampla tradición resineira, como pode ser o caso de Castela. Cando comezamos este aproveitamento no noroeste da Península Ibérica collemos de referencia a metodoloxía que se levaba tantos anos traballando nas zonas onde levaban máis de 200 anos extraendo resina. Pero tíñamos claro que era preciso un axuste no método, que se adapte as diversas características da nosa contorna, como por exemplo as condicións edafoclimáticas ou a tradición forestal principalmente madereira.

“Temos que pensar que en Galicia non existe unha ampla tradición resineira, como pode ser o caso de Castela”

Dende a empresa teño a oportunidade de participar en parte dos estudos que se están levando a cabo en Galicia e que nos axuda a identificar modificacións na metodoloxía de extracción que nos axuda a obter mellores rendementos. Esta parte é imprescindible para que o sector continúe collendo forza e máis traballadores inicien a súa experiencia no rural.

No caso da formación estamos nuns momentos complicados debido ás restricións. Aínda así o ano pasado conseguimos realizar a maioría dos propostos polo AGACAL. O que fixemos en Monforte (Parcela de Tor) é outro dos exemplos desa gran importancia destes cursos gratuitos. Xa que nesta finca continúase o aproveitamento resineiro a cargo de dous alumnos do propio curso, o igual que no caso da Pontenova. Creo que son pequenas accións que axudan a impulsar e divulgar este sector dunha maneira moi directa e sinxela o mesmo tempo.

Cal é o consello que ofrecería vostede a aqueles/as que nestes momentos están pensando en introducir este aproveitamento nos seus montes?

O primeiro que aconsellamos sempre é que coñezan o seu monte, posto que como dicimos nos cursos “todos os piñeiros teñen resina, pero non todos os piñeiros son resinables”. É importante que os piñeiros mantiveran unha actividade silvícola activa para asegurar unha boa produción e coñecer os principais condicionantes que nos poden limitar o noso rendemento. Tamén sempre é recomendable saber o tempo que imos poder dedicar a este traballo; se vai ser un complemento a unha renda principal ou se imos ter dedicación completa, posto que iso vai condicionar o número de piñeiros que poidamos traballar.

“Todos os piñeiros teñen resina, pero non todos os piñeiros son resinables”

Tendo isto claro, só queda recomendar que veñan con moito ánimo. A pesar de que é un traballo que require de certo esforzos, como todos os ligados ao rural, é unha experiencia única da que cada día obteño grandes sorpresas positivas.

Como nos definiría a acollida que tivo na aldea de Tuiriz por parte da veciñanza, como novo veciño e como resineiro?

Sen palabras. Porque non chegan para contar tódolos detalles que tiveron os veciños de Tuiriz dende que chegamos hai 3 anos. Tanto aparecían na casa con ovos e un culeiro de patacas, como viñan buscarnos para arrincar o abono da cuadra e quedar a comer, por suposto probando o viño de cada, que é case sagrado. No meu propio caso non sei se será o mellor exemplo, xa o dirán os que veñan detrás, pero levo dous anos arranxando unha casa en Tuiriz coa idea de acabar por ser outro comuneiro máis, e disfrutar dun lugar tan bonito e acolledor.

ÚLTIMAS

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...