Home Terra de Lemos A Pobra do Brollón “Aos concellos que temos pouca poboación castígannos máis as restricións da pandemia”, asegura o alcalde da Pobra do Brollón

“Aos concellos que temos pouca poboación castígannos máis as restricións da pandemia”, asegura o alcalde da Pobra do Brollón

0
“Aos concellos que temos pouca poboación castígannos máis as restricións da pandemia”, asegura o alcalde da Pobra do Brollón
Xosé Lois Maceda

Como ten pasado en residencias e noutros concellos, o da Pobra do Brollón viviu a pandemia no 2020 case sen enterarse, pero no 2021 non dá abandonado o nivel medio de restricións. Falamos co alcalde, Xosé Lois Maceda, que segundo lle pregunto pola situación no concello asegura “A verdade é que hai que facer un master para irnos adaptando a algo tan dinámico como é esta pandemia”.

Cando comezou todo, o ano pasado, que pensaba?

Cando comezaron a falar dun coronavirus que circulaba polo mundo  quitábamoslle importancia, eu polo menos e son sanitario, pero parecía algo que non ía ter demasiada repercusión na saúde dos cidadáns. A medida que fomos vendo as consecuencia que estaba tendo na poboación e a medida que os científicos estaban vendo a importancia e a gravidade desta infección vírica, pasamos ao extremo contrario. Pasamos da relaxación a unha alerta máxima que xa chegou a un extremo de pavor, dun medo social a este tema que o levamos case ao extremo. 

Eu recordo que houbo unha época moi dura na que as  medidas que se tomaban eran súper extraordinarias, falabamos de tecnoloxía como as máquinas de ozono para desinfectar,… E sen embargo hai pouco tiñamos niveles superiores aos do inicio da pandemia a o levabamos doutro xeito. Esa alarma social desapareceu pero hai que seguir mantendo a tensión e seguirse coidando, pero non hai ese temor que existiu naqueles primeiros meses do confinamento da poboación.

Procuramos ser precavidos pero aquel temor tan grande xa non existe

Cando decretan a corentena que se pasa pola cabeza do alcalde? 

Aí dabámonos conta da gravidade que tiña o problema. Foi unha medida de choque para tratar de paliar do xeito máis rápido sen que se estendera o virus. No rural levámolo dun modo moi diferente a como o levaron as cidades. Aquí o que máis e o que menos vive en vivendas con espazo ao aire libre. O confinamento non foi o mesmo que se pode producir en calquera barrio, mesmamente de Lugo ou de Monforte, levouse un  pouco mellor. Como veterinario, neses primeiros meses eu tiña maiores na miña casa e non trabellei na clínica para evitar riscos de contaxio, levalo á miña casa e poder pasarllo aos meus pais… Iso é o nivel de medo que un tiña nese momento. Hoxe gardamos as medidas, procuramos ser precavidos pero aquel temor tan grande non existe.

No concello da Pobra do Brollón quedaron cousas por facer o ano pasado por culpa do coronavirus?

Si, si, toda a actividade cultural que aquí tiña unha importancia relevante, suspendeuse absolutamente toda. Foi onde máis o notamos. Esas actividades que fomentan a presencia de xente, de reunión social. Todas esas actividades suspendéronse absolutamente.

Este tipo de situación amosa ese espírito de colaboración que levamos dentro e de loita

Desde o punto de vista do alcalde, desde que comezou a pandemia, cal foi o mellor e o peor momento no concello da Pobra do Brollón?

O peor momento foi o do confinamento domiciliario con esa situación de temor na veciñanza e non tiñamos casos, pero era esa situación de preocupación. O mellor, que este tipo de situación amosa ese espírito de colaboración que levamos dentro e de loita, fronte a un problema onde creo que todos os veciños nos volvemos a unir para facer fronte común. Creo que ese valor que está agochado na sociedade de traballar en comunidade e unir esforzos para vencer a dificultade volveu a poñerse de manifesto na nosa sociedade e eu entendo que ese é un valor que está aí agochando e sempre está; e emerxe cando a sociedade necesita poñelo en marcha. Iso é o máis importante para min.

Xosé Lois Maceda Vilariño, reelixido Alcalde da Pobra do Brollón. Foto: Prensa Concello

Ao comezo daba a impresión de que o coronavirus ía ter incidencia nos núcleos urbanos grandes e que co rural ía portarse bastante ben. Teño a sensación tamén de que o concello estivo ben durante o ano pasado e sen embargo este ano si que ten máis limitacións que outros concellos da contorna. Que pasa?

Eu creo que a mala sorte. Sempre poño como exemplo cando falaban de que en Portugal se estaban facendo ben as cousas e acabaron por estar moi fastidiados. Ao final estamos loitando cun virus que non entende de fronteiras, que non entende de moitas cousas… Entón se a situación de produce por mala sorte nun momento dado no que se fan as cousas RIGUROSAMENTE ben pois pode dar lugar a que se produzan estas cuestións. Teño que sinalar que con 10 casos tivemos peche perimetral. Eran casos que estaban en dúas familias. Aos concellos que temos pouca poboación castíganos máis este tipo de situación, cando tiñamos 2 focos en dúas familias perfectamente illados nun pobo que era a Labrada, moi alonxado do núcleo onde hai máis movemento social. Cando se interpreta en base a datos e non se teñen en conta outras cuestións epidemiolóxicas como son estas, pasa isto e creo que se xerou unha alarma social importante sendo menos grave do que parecía. Para avalar isto que digo, fíxose un cribado masivo no que non apareceu nin un só positivo. Polo tanto, non había circulación vírica. No rural grazas á dispersión hai menos contacto social e a aparición de brotes ou focos fainos fácilmente controlables e por iso non ten tanto impacto no rural. 

Eu trasladei a quen correspondía que se prestase atención ao número de habitantes; non é o mesmo tratar á Pobra do Brollón ou Negueira de Muñiz con 200 habitantes que a Vigo, A Coruña ou Lugo.

Falta a relación social que creo que nun ser humano é fundamental

Que cambiou a pandemia na rutina diaria do alcalde?

Cambiaron cousas, hai que adaptarse ás circunstancias e restricións que loxicamente afectan á túa vida social de relación e se eres alcalde aínda hai que ser máis rigorosos e facelo con exemplaridade. Non saes a cear, no me tomo as miñas cañas, que si que me gustaba. Hai unha serie de costumes que cambian e que cambiei posiblemente por un estilo de vida máis san. Adícome máis ao deporte e fago unha vida máis san. Pero falta a relación social que creo que nun ser humano é fundamental.

En Monforte e Sarria preguntamos se temían polo futuro da hostalería e do comercio, no seu concello, na Pobra do Brollón que sector ve o alcalde máis afectado e por qué?

Os dous sectores están fondadamente afectados, hai xente que probablemente tivera que pecha negocios, créase desemprego, a situación económica na que vai quedar este país tamén entendo que vai impedir que a xente consuma e creo que ás veces do primeiro que prescinde é precisamente da hostalería. Que vai a pasar con toda a xente hoxe amparada polo paraugas dos ertes cando estas axudas desaparezan? O nivel de desemprego vai ser grande, creo que imos atravesar unha situación económica delicada por 4 ou 5 anos. 

Eu, que son veterinario, creo que se podería falar tamén da gandaría, sobre todo da de carne. Non está saíndo carne a través da hostalería e están nunha situación bastante fastidiada.

No verán ímonos encargar de organizar actuacións diante de cada bar

O concello tivo algunha medida específica para axudar a algún colectivo ou a algún sector?

Hai pouco tivemos reunión con todo o sector hostaleiro da Pobra. Imos poñer 500 euros por establecemento e a parte diso comprometémonos a que se a situación mellora durante o verán ímonos encargar de organizar actuacións diante de cada bar. Podemos cuantificar que o gasto que isto lle supón ao concello está ao redor de 1.000 euros por establecemento. Imos a favorecer que se reinicie a actividade cultural e esa vida social que tiñamos antes da pandemia no concello da Pobra, que quedou totalmente cernada. Estamos nun momento en que se estaba producindo un aumento de peregrinos que chegaban polo camino de inverno. Notábase certa alegría no ámbito da hostalería e todo iso quedou parado. Como lle pode pasar ao camiño francés; para o concello da Pobra foi unha diminución de ingresos importante.

Ten proxectos importantes o concello para este 2021?

Imos ver se conseguimos sacar adiante o tema do albergue de peregrinos. Temos un problema burocrático e administrativo coa Xunta que veremos como se resolve porque esta é unha das cuestións que nos importa moito. E que comecen xa, dunha vez, coa construción da residencia de maiores. Xa hai unha empresa que resultou adxudicataria e que está pendente de presentar documentación para resultar definitivamente adxudicataria.

Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón. Fonte: Concello

E retomar na medida do posible a actividade cultural e turística, imaxino?

Si, claro. Entendo que esta situación vai levar o seu tempo. Son moi escéptico cos prazos que nos marcan. Algunhas veces vendo os informativos teño certo escepticismo por como se van cumplir eses prazos porque a vacinación vai lenta. Creo que situación mellorará a finais de ano. Entón hai certas actividades culturais que se desenvolven ao longo do verán que despois, no outono, non tería sentido poñelas en marcha. Entendo que este ano aínda vai ser un ano medio perdido para a actividade cultural.

Non me sinto especialmente traumatizado pola cuestión do coronavirus aínda que nos teña cambiado a vida

Se agora desaparecera o coronavirus de súpeto, cousa imposible. Qué faría o alcalde?

Non me sinto especialmente traumatizado pola cuestión do coronavirus aínda que nos teña cambiado a vida, pero teu teño unhas costumes moi normais. Adáptome e reinvéntome, agora mesmo gústame moito o deporte. Aproveito para facer actividades que me gustan e non vexo a necesidade de facer nada especialmente importante. Hai xente que dí que o día que acabe se van ir non sei onde, se van a poñer de cañas todos os días,… (Jajajajjaja). Pouco pode mudar, cambiará que te podes relacionar máis coa xente porque as circunstancias permíteno, pero non estou agora ansiando. Posiblemente o que máis bote en falta é viaxar, pero non quere dicir que se mañá acabara o coronavirus daría a volta ao mundo.

Como lle gustaría ao alcalde que se sentise a súa veciñanza despois de ano e pico de pandemia?

Gustaríame que a maior parte de poboación estea inmunizada, volver a recuperar esa seguridade, a confianza nas súas actividades sociais, sentirse seguro, saber que o coronavirus non lle vai afectar á saúde e que permita volver á certa normalidade que tiñamos antes da pandemia.

Ó inicio da conversa co alcalde, antes de afondar na situación do concello, reflexionaba sobre a situación mundial, porque non somos alleos ao que pase noutros países aínda que nos pareza o contrario, demóstrao esta pandemia todos os días

O éxito desta situación está en administrar vacinas e inmunizar á poboación. Unha vez que iso suceda, previsiblemente no outono, a lo menos nos países do primeiro mundo, a situación estará bastante controlada. Pero, que pasa cos países con pouco recursos que non teñen acceso ás vacinas? Porque aí ademais de non chegarlles vacinas estanse producindo mutacións víricas. Vai a ser un reservorio de virus que están mutando e que van a convertir en ineficaz a vacina, como na gripe. A medida que vaian aparecendo cepas hai que ir cambiando as vacinas, é complexo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here