“O que pasou coa pandemia, se nolo contan e non o vivimos iamos dicir que eran outros tempos”, afirma José Luis Álvarez

"Teño que agradecer que os veciños gardaron todas as medidas e síguenas gardando. Eu pediríalles un pouco de paciencia, que esperaran un pouco máis e no momento que vexamos que isto se levanta espero que volvamos como antes ou se cabe moito mellor," asegura o alcalde de Pantón.

José Luis Álvarez / XdL

No mes de maio o concello de Pantón tería que celebrar dúas citas fundamentais na súa axenda, a Feira do Viño de Pantón e as Xornadas da Rota do Románico, pero a pandemia limita a súa celebración nun concello no que o coronavirus parece pasar no bico dos pés. E o alcalde, José Luis Álvarez Blanco, vacinouse xa?, ao que nos responde “Tocoume por idade e por ser trasplantado. Puxéronme a Moderna, non notei nin que ma puxesen.”

Xa vacinado como lembra o alcalde cando isto comezou co decreto do estado de alarma?

Se hai 2 anos dinnos que isto ía pasar ninguén o crería. Como cando falamos cos máis novos e explicamos como era cando nós nos criamos e din: eran outros tempos. Isto tamén, se nolo contan e non o vivimos iamos dicir que eran outros tempos.

No concello de Pantón o coronavirus parece que estivo bastante controlado?

Tivémolo sempre ben, si se descubriu cando viñeron grabar aquí a película de Dani De La Torre que había algún caso asintomático, fíxose un control de seguimento e despois sempre tivemos o mínimo. Despois tivemos dúas familias afectadas no mesmo día, por un enterro en Ferreira e un bautizo en Monforte. Aí foron 14 persoas afectadas destas dúas famillias, pero do resto estivemos sempre ben.

O mellor momento foron os últimos dous meses que estamos sempre cun caso ou ningún.

Para o alcalde cal foi o mellor e o peor momento no concello desde que comezou a pandemia?

O mellor é agora, desde fará dous meses, que estamos sempre cun caso ou ningún. Agora creo que temos un neno no colexio, pero o mellor momento está sendo agora, ó final. E o peor momento foi ao principio, cando todo comezaba.

José Luis Álvarez / XdL

Quedaron cousas por facer o ano pasado no concello por culpa da pandemia?

Si quedaron cousas que se tiñan que facer o ano pasado e pospuxéronse, como a segunda fase das beirarrúas en Tuiriz, a rúa Fernández Núñez de Ferreira, a estrada da Míllara,… A Confederación non deu mandado os permisos da auga que temos que poñer non Pereiro, Gallegos e en Guítara. Esas obras quedaron para facerse neste ano.

A verdade é que desde o concello xa se teñen ganas

E esas citas que eran habituais porque concentraban á xente supoño que hai ganas de volver celebralas?

Si, a verdade é que desde o concello xa se teñen ganas. De feito nas últimas fins de semana que veu abríndose a man, xa se notaba a xente que había. A fervenza de Augacaída estaba chea, os bares con ambiente,… Encher os bares aquí é moi difícil porque temos por exemplo na praza, dúas terrazas que para encher iso é moi difícil porque é toda a rúa.

Cal sería o sector máis afectado pola pandemia no concello de Pantón?

Como en todos os lados, a hostalería, principalmente os bares, porque as casas rurais aínda traballaron ben de verán. Houbo altos e baixos pero aínda foron traballando. En toda a Ribeira Sacra dirán o mesmo, a casa rural sufriu, pero non tanto, o que máis sufriu foron os bares. 

Imos adicar 18.000 euros a este tema

Para eses sectores máis afectados o concello ten algunhas axudas?

A xunta deu varias subvencións e agora quitou esta última, que mandáronme vaise dar a 18 establecementos e con esa parte que dá a Xunta o concello de Pantón aporta 1.000 euros por cada un deles. É dicir imos adicar 18.000 euros a este tema.

A rutina do alcalde cambiou moito neste tempo desde que comezou a pandemia?

Si cambiou un pouco cando estivemos confinados que había que estar na casa, pero en Pantón desde o momento que puidemos ir traballar xa traballamos presencialmente. Cando estabamos todos confinados, nese momento, traballamos desde a casa e en canto puidemos seguimos traballando físicamente no concello. A rutina cambia un pouco, se antes ás tardes pasaba máis tempo en Ferreira vendo xente ou nos bares; desde que isto pasou a non ser que houbera algo urxente ou tivera que ir ao tanatorio como agora vou ir, non volvía saír.

Espero que volvamos como antes ou se cabe moito mellor

Como lle gustaría ao alcalde que se sentisen os veciños despois de todo este tempo, como espera que estean eses veciños aos que non se ve como se vían antes?

Teño que agradecer que os veciños gardaron todas as medidas e síguenas gardando. Eu pediríalles un pouco de paciencia, que esperaran un pouco máis e no momento que vexamos que isto se levanta espero que volvamos como antes ou se cabe moito mellor.

Se da noite para a mañá o coronavirus desaparecera das nosas vidas que sería o primeiro que faría o alcalde?

O primeiro, agora tocaría facer a Feira do Viño, pero como non pode ser estamos traballando en volver a todo o de antes, retomar as clases de ximnasia e todo o de deportes e, por suposto, se a lei o permite e o permite a pandemia, facer algúns concertos como fixemos sempre no verán. 

Concello de Pantón / XdL

Hai previsións de proxectos importantes para este ano no concello?

Si, si… Temos unha obra moi importante que é a entrada a Ferreira desde as Bernardas-O Curro; o parque infantil que imos facer novo no castro de Ferreira; melloras na contorna da piscina; imos mellorar accesos ao pavillón de deportes. Estamos á espera dun pequeno permiso que nos falta para poñer auga en San Vicente de Castillón, Santiago de Castillón e San Esteban do Mato. Estamos facendo na actualidade o núcleo de Santa Mariña, Tuiriz, San Román de Acedre que estamos botando cemento impreso, tamén estamos facendo no Rigueiro e o parque infantil en Goián. Imos valar o campo de fútbol artificial e poñerlle luz, imos rematar todo isto.

Séguese traballando e facendo cousas, como unha obra importante que pon o concello 20% e o 80% o Ministerio para acadar maior aforro enerxético, temos unha parte importante feita con luz led e con aforro de enerxía.

Proximamente licitaremos a residencia

Os concellos con residencias de maiores viviron con máis angustia a pandemia. Para cando residencia en Pantón?

Temos o centro de día e estamos á espera, temos o local mercado e temos todo, e proximamente licitaremos a residencia. Houbo que reformar o proxecto, pero agora xa está. Estamos esperando para dun momento a outro firmar o convenio e comezar as obras.

A oposición interésase tamén polo orzamento deste ano

Os presupostos ímolos aprobar a finais deste mes, comezos do seguinte. É gracioso que a oposición pida os orzamentos que é o que fai lucir ao alcalde. Había atraso de traballo coa pandemia porque non se fan as cousas igual que sendo presenciais. Logo temos o plan único e todas as obras, e dá moito traballo tal e como foron as cousas. Pero antes de comezos de xuño esperamos levalos a pleno.

Está optimista con respecto ao concello este ano?

Estamos na Ribeira Sacra, temos unha excelente situación neste territorio. Contamos coa paisaxe, os monumentos con todo o románico que temos; as ribeiras e os ríos; a fervenza e toda a súa contorna; o balneario; o viño; todas as casas de turismo rural, restaurantes e bares,… Dependendo das restricións a xente virá.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here