HomeEn profundidadeEscola Oficial de Idiomas de Monforte, un referente na Ribeira Sacra

Escola Oficial de Idiomas de Monforte, un referente na Ribeira Sacra

Coñecemos da man de Rosa, a súa directora, detalles do funcionamento deste centro no que se imparten inglés, francés, alemán e italiano. O prazo para matricularse no novo curso está chegando aos seus últimos días.

Publicado o

- Advertisement -

Achegámonos á Escola Oficial de Idiomas de Monforte onde nos recibe Rosa María Quiroga, profesora de alemán dende o ano 2004 e directora dende o 2007.

Como gran anfitroa ensínanos o centro de arriba abaixo e comprobamos que cada espazo está moi ben aproveitado, que resulta “acolledor, moi familiar e bonito”, como ben presume Rosa.

O edificio dispón de 9 aulas lectivas, sala de profesores, aula covid19, aula de informática, biblioteca, e incluso cociña. Este último espazo chámanos a atención pero ten o seu sentido, nel provócase unha gran interacción entre o alumnado e tamén serve para compartir e aprender receitas. Por mor da covid tívose que pechar pero esperan recuperar a súa actividade en breve.

Rosa ensinando a Aula de Cociña / XdL

“Temos un equipo de traballo sempre moi bo, e iso que imos variando moito os equipos”

Respecto do profesorado sabemos que teñen unha plantilla de 13 docentes, contando tamén os dous que hai en Chantada, vila na que a Escola Oficial de Idiomas conta cunha sección. Alí hai dúas aulas e dous profesores para dar cobertura aos niveis A-1 e C-1 de inglés. “Temos un equipo de traballo sempre moi bo, e iso que imos variando moito os equipos”, di con satisfacción Rosa.

A matrícula está chegando aos seus últimos días e poden acceder a calquera dos cursos que se ofrecen aqueles interesados –dende os 14 anos para os idiomas minoritarios e dende os 16 para o inglés– en coñecer ou perfeccionar os seguintes idiomas: alemán, francés, inglés e italiano. Contan con tres tipos de cursos: os ordinarios, de 4 horas semanas, os monográficos, dunha hora semanal, e os coñecidos como cursos de destrezas orais, en horarios de mañá e tarde. As clases comezan a principios de outubro e rematan en maio.

Rosa Mª Quiroga, directora do centro / XdL

Preguntámoslle á directora que perfil de alumno/a teñen e dinos que a maioría son estudantes pero tamén hai xente adulta que se matricula por gusto e para ampliar coñecementos, e aqueles que buscan mellorar as súas posibilidades laborais. Nesta liña, interesámonos polo posible reponte na matriculación de comerciantes e profesionais que viven ou queren vivir do turismo na Ribeira Sacra. A súa contestación, “debería haber máis… quizais os horarios non son os mellores para eles para poder asistir”, e engade “neste perfil teñen mellor encaixe os monográficos que ofertamos, dunha hora e que valen para viaxar pero tamén para recibir e atender a turistas. Estes céntranse máis na práctica e de reforzo das destrezas orais”.

As clases comezan a principios de outubro e rematan en maio

UN CENTRO QUE SE RENOVA E EN FORMACIÓN CONSTANTE

Cóntanos Rosa que un dos novos espazos modernizado foi a biblioteca. Modernizaron que se levou a cabo no curso 2020-2021 cunha axuda da Consellería de Educación dentro do Plan B de Bibliotecas Escolares. Mercaron moitos libros de diferentes temáticas e deseñaron un espazo moi acolledor do que están moi orgullosos/as.

Tamén contaron co Plan ‘Erasmus Plus’ europeo que lles serve para mellorar o ensino en linguas e para proxección do centro de cara a ter máis alumnado. A través del concédense bolsas para ir a outros centros semellantes en Europa e ver como funcionan. “Este ano queremos ir a Alemaña e igual tamén a Finlandia e o pasado verán estivemos en Florencia onde nos formamos nas TIC, para mellorar a dirección…”, explica Rosa.

RETOS DA ESCOLA OFICIAL DE IDIOMAS DE MONFORTE

O centro conta xa cunha presenza consolidada na cidade e incluso na Ribeira Sacra. Aínda así, e segundo indica a súa directora, “buscamos promocionarnos moito en prensa, radio, redes sociais, centros… porque seguro que queda aínda xente que non nos coñece”.

A Covid19 está sendo outro reto. O pasado curso foi complexo pero o profesorado mantivo o contacto co alumnado facendo seguimento online das clases. “Houbo algún caso puntual con problemas de cobertura e por non poder seguir o curso causou baixa, pero en xeral saíuse adiante”, di Rosa.

Rosa Mª no seu despacho da EOI de Monforte / XdL

Respecto ás clases semipresenciais, e aínda que noutros centros se ofrecen, aquí de momento non. Neste punto cónstanos que os profesores están empezando a confeccionar materiais para as novas circunstancias de cara a poder ofertar un material axeitado á semipresencialidade.

Outros temas que contrastamos con Rosa que nos chamaron a atención é que non ofertan nin galego nin portugués cando pode haber demanda potencial, sobre todo no caso do galego para os niveis de Celga. Nin tampouco español para estranxeiros, unha opción que tamén podería funcionar.

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS

Para rematar, Rosa lémbranos que teñen clubs de lectura nos distintos idiomas e niveis que ofrecen, iniciativa que levan tempo organizando e que lles funciona moi ben.

Biblioteca da EOI de Monforte / XdL

Tamén organizan con gran éxito unha vez ao ano o ciclo de cinema en versión orixinal nos Multicines Hollywood de Monforte e outras actividades como cociña e xornadas divulgativas e lúdicas para adquirir coñecementos culturais e relacionados coa historia.

A Escola Oficial de Idiomas de Monforte está na Rúa Calvo Sotelo, 65 de Monforte de Lemos. Para contactar pódese facer a través do teléfono 982 828991ou do correo electrónico eoi.monforte@edu.xunta.es

ÚLTIMAS

3.650 persoas de 150 asociacións participaron do Coñece a túa Provincia que pecha tempada

A Deputación de Lugo vén de pechar esta semana “con éxito” unha nova tempada...

‘La ratita presumida’: Teatro infantil este domingo en Monforte

O Concello de Monforte continúa co seu ciclo de teatro que fai posible a...

105.000€ da Deputación para novos servizos en Taboada

A Xunta de Goberno deste venres aprobou un convenio co concello de Taboada de...

121.000€ para un novo vehículo eléctrico de recollida do servizo da fracción orgánica no Concello de Chantada

Este novo vehiculo supuxo un investimento de 121.000€, aportando a Xunta de Galicia 90.000€,...