InicioEn profundidadeBorja Doel, creador do cartel de Nadal de Sarria: “Tratábase de facer...

Borja Doel, creador do cartel de Nadal de Sarria: “Tratábase de facer un traballo gráfico que viñera para quedar”

O deseñador gráfico de Sarria, ademais deste último encargo para o concello, tenlles feito outros traballos como foron os carteis das Festas de San Xoán e do Tapicheo ou a imaxe corporativa da concellería de Turismo. Coñecemos en profundidade a este artista que apuntaba maneiras xa de rapaz pero el “aínda non vía o debuxo como profesión, se non como pasatempo”.

Publicado o

- Advertisement -

Borja Doel é un rapaz de Sarria que por circunstancias da vida fixou a súa residencia en Pontevedra, tales circunstancias non foron outras que ter estudado nesta cidade a carreira de Belas Artes e despois atopar traballo na veciña Vigo, alá polo 2009, na empresa Hacce Soluciones TIC S.L.

Pero vaiamos atrás no tempo. Segundo me conta Borja, a súa afección polas artes gráficas venlle de pequeno, de moi pequeno, e que súa nai sexa pintora algo debeu influír. Marisol Vázquez, así se chama a súa proxenitora, é pintora de óleo e imparte clases en Sarria e Paradela, co cal, criarse rodeado de cadros e pintura, ademais da xenética –dou por feito tamén– axudou a que Borja se deixase levar polos cantos de serea das artes gráficas.

Xa de pequeno, seica participaba en concursos escolares de debuxo e facíao con moito xeito, o que o levou a gañar algúns premios. Este feito, segundo el refire, aínda o motivaba máis.

“Nesta evolución, e vendo miña nai que me gustaba, apuntoume ás clases de Avari –Antonio Vázquez Rivas–“, dime Borja. Con nove anos apuntouno ás súas clases, sesións maxistrais do artista sarriao que en palabras de Borja tamén atesouraba outras virtudes, “era sabio, sinxelo e moi humano”. “Daquela época quedo coa súa humanidade e o cheiro a óleo e auga ras”, engade tamén como curiosidade.

Foi unha etapa na que Doel perfeccionou o seu debuxo, mellorou técnicas, cores e pasou do debuxo ao óleo. Fixo “o paso do lapis ao pincel”. O debuxante de Sarria ía para artista gráfico pero el aínda non o sabía. “Aínda non o vía como profesión, víao como pasatempo”, dime.

O debuxante de Sarria ía para artista gráfico pero el aínda non o sabía. “Aínda non o vía como profesión, víao como pasatempo”

CAMIÑO DE BELAS ARTES

Rematado o instituto, estaba esperando entrar en Belas Artes, enfocado ao deseño gráfico, pero foi ver un folleto co módulo da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo para tirarse de cabeza a el e matricularse. Falamos dos anos 2002 ao 2004.

Rematado o módulo, agora si, dá o paso definitivo e entra en Belas Artes en Pontevedra. Neste novo capítulo da súa vida, a experiencia universitaria, Borja di que aprendeu moito, que coincidiu con moita xente que lle aportou cousas e que escolleu todas as materias relacionadas co deseño.

Borja Doel. Foto cedida por el.

DEDICACIÓN PROFESIONAL

Rematada a carreira, Borja empezou a traballar na viguesa Hacce Soluciones TIC, S.L. deseñando páxinas web e APP, pero tamén facía folletos e catálogos. Na actualidade xa só se dedican a dixital, a traballar no entorno web.

E así foi como este sarriao enraizou en Pontevedra, cidade na que reside actualmente. Iso si, sen perder o contacto con Sarria, vila á que vén tres ou catro veces ao mes.

Vendo a súa traxectoria e sabendo da súa implicación profesional con Hacce pregúntolle se lle queda tempo para presentarse a concursos e para coller encargos particulares. “Antes de nacer o meu fillo tiña tempo e presentábame a algúns concursos, pero agora co pequeno non volvín presentarme”, confesa. No que respecta a atender encargos dime que só fai cousas cando lle piden os amigos, cousas moi concretas.

“Antes de nacer o meu fillo tiña tempo e presentábame a algúns concursos, pero agora co pequeno non volvín presentarme”

TRABALLOS PARA O CONCELLO DE SARRIA

Borja Doel foi noticia este pasado Nadal porque o Concello de Sarria encargoulle facer un cartel/postal representativo desta época do ano, pero segundo sabemos, xa ten atendido outros mandados seus. O cartel das Festas de San Xoán, por exemplo, xa o ten feito en 5 ou 6 ocasións; o do Tapicheo tamén é del, fíxoo hai 15 anos; e outro menos coñecido para a xente pero que para el foi importante, a imaxe da concellería de Turismo e o logo-selo do Km 111.

Un dos carteis das Festas de San Xoán. Foto: Borja Doel
Imaxe concellería de Turismo de Sarria / Borja Doel
Logo-Selo Km 111 / Borja Doel

Chegados a este punto, centramos as preguntas na obra que fixo este pasado Nadal para o Concello de Sarria e no seu proceso creativo como deseñador.

Como xurdiu a encarga do cartel de Nadal este ano?

Chamoume Reyes, a concelleira de cultura, e díxome que lle gustaría contar comigo, que non había cartel representativo do Nadal e encargáronme a idea de facer un cartel/postal. Tratábase de facer un traballo gráfico que viñera para quedar.

Que te inspirou para a creación?

Falando con Reyes foron saíndo ideas. Díxome tamén que tiña total liberdade. Quixen fuxir do clásico, de Papanoel, os Reis Magos… e fun cara algo representativo de Sarria: a decoración, a iluminación, edificios emblemáticos… A idea era representar o Nadal en Sarria. E foi así como incorporei ao deseño emblemas que non están repetidos: A Feculera decorada en Nadal coa súa cheminea iluminada, a Igrexa de Santa Mariña, a Casa da Cultura, a Casa do Marqués…

“Tratábase de facer un traballo gráfico que viñera para quedar”

Cartel de Nadal de Sarria / Borja Doel

Cónstache que tivo repercusión a túa obra?

Si, tivo unha boa acollida e que eu saiba ninguén puxo pegas (ri).

Cal sería o teu traballo/encargo soñado como deseñador gráfico?

Algo que tivera como temática o San Fermín ou Terras Gauda, que teñen sempre un gran nivel nos seus concursos. Tamén soñei nalgunha ocasión en deseñar para Estrella Galicia pero, casualidades da vida, a través de Hacce teño feito cousas para eles.

Hoxe todo, ou case todo, trabállase en dixital. Ti recorres ao lápiz e aos bosquexos de toda a vida ou xa non?

Sempre fago un bosquexo previo, primeiro en lapis e despois dixitalizo. O proceso de bocetaxe é moi importante. Partir dun garabato feo, e seguir para ter xa unha pequena composición de imaxes sobre a que traballar. A primeira conexión co ‘boceto raro’ ten que existir sempre.

“O proceso de bocetaxe é moi importante”

E falando de bosquexos, rematamos aquí a nosa conversa con Borja, que nos agasalla co seu do cartel de Nadal de Sarria, unha postal que como el ben dixo “vén para quedar”. Todo un detallazo!!

Bosquexo do Cartel de Nadal de Sarria / Borja Doel (c)

ÚLTIMAS

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...