InicioEn profundidade“Téñennos preguntado de quen era ese tema e tivemos que aclarar que...

“Téñennos preguntado de quen era ese tema e tivemos que aclarar que é propio”, Sound Sisters

Son do interior de Galicia, apostan por un repertorio de temas propios e naceron como banda en plena pandemia, aparentes atrancos que non son tales para esta banda emerxente da vila de Sarria. Falamos con eles e damos a coñecer o seu videoclip “No more”.

Publicado o

- Advertisement -

Sound Sisters é unha banda emerxente, formada por músicos e músicas de Sarria e que chegou a este mundo a mediados do ano 2020. Unha banda ‘pandemial’ con gran talento e un futuro prometedor tal e como se lle están desenvolvendo os acontecementos.

O pasado 2021 estiveron no cartel do recoñecido ‘Festival do Noroeste’ e neste 2022 veñen de presentar o videoclip “No more” e teñen previsto meterse en estudio para gravar o seu primeiro álbum.

No que respecta ao seu repertorio, este componse de temas propios, influenciados polo rock, e versións de grandes clásicos dos anos 60 en adiante como Janis Joplin, Jimi Hendrix ou Eric Clapton. Nas súas reseñas din sumar tamén ao seu repertorio “ritmos de funky e hard rock para deixar unha singular pegada nas súas cancións”.

Rematando un concerto no San Froilán. Foto: Llum A. González.

Empregan o inglés, segundo comentan “porque a nosa cantante ten a carreira de filoloxía inglesa e gusta moito de cantar en inglés”, pero non desbotan no futuro próximo incluír algún tema na lingua de Rosalía. “co conto que temos non descartamos algún tema en galego”, din.

Falamos con eles máis polo miúdo.

Pódese dicir que existides grazas á Rúa da Música e á pandemia. Contádenos como xurdiu todo.

A Rúa da Música sempre foi un gran apoio para os grupos emerxentes do pobo nos últimos anos, co cal foi de gran axuda ter un local con equipo para poder ensaiar e como punto de encontro. A pandemia só nos aportou inquedanzas e tempo.

“A Rúa da Música sempre foi un gran apoio para os grupos emerxentes do pobo nos últimos anos”

Os cinco compoñentes chegades de estilos dispares. Como conecta todo iso en Sound Sisters?

Non foi un talón de Aquiles para a nosa unión musical, de feito véxoo como algo positivo, todos vimos de estilos parecidos, Punk, Pop Rock, Metal… Foi o caldo de cultivo perfecto, ademais que estabamos desexando volver a tocar temas propios, como todos somos amigos do pobo e compañeiros foi a amalgama perfecta.

Lemos non hai moito nalgún medio que ser de Vigo ou de Coruña axuda a situarse no panorama musical. Por que credes que as bandas de interior téñeno máis difícil?

Hoxe en dia non é un condicionante tan importante xa que hai medios e redes… pero respecto a desprazamentos, gastos a compartir, levar equipos, chegar a máis público e cantidade de salas pode ser determinante na supervivencia dun grupo. Pero o dito, non é algo tan importante, de feito, no interior estase cocendo bastante leña. Un exemplo é mesmo aquí en Sarria no que temos festivais e eventos cada fin de semana.

“… respecto a desprazamentos, gastos a compartir, levar equipos, chegar a máis público e cantidade de salas pode ser determinante na supervivencia dun grupo”

O voso punto de partida, en canto a estilo, é o rock pero con derivacións a outros estilos. Como vos definides e como credes que vos ‘etiqueta’ o público que vos coñece?

Non cremos que teñamos unha “etiqueta”. Temos temas hard rock, psicodélicos, pasando polo postpunk e ata con raíces electroandinas postmodernas, non pensamos nalgún estilo en particular, tocamos o que sentimos no momento; aínda que é evidente que o rock está presente. É resaltable dicir que o noso novo bateria (Chema Wayra) é un fan do doblebombo e imos derivar en temas duros… pero como che contamos, a verdade que é cedo para saber como nos “etiqueta” o público e como sairán os novos temas.

“Temos temas hard rock, psicodélicos, pasando polo postpunk e ata con raíces electroandinas postmodernas, non pensamos nalgún estilo en particular, tocamos o que sentimos no momento; aínda que é evidente que o rock está presente”

Que procurades como banda e que credes que podedes achegar vós ao panorama musical actual de Galicia?

Buscamos desfrutar do que facemos e podelo facer o máximo de tempo posible xa que non é doado, e mais como están as cousas agora, aínda que se augura unha apertura positiva nos festivais. É difícil achegar algo novo pero creemos que temos ideas frescas con boa aceptación, nada doado facendo temas propios.

Sound Sisters nunha actuaci´ón na Coruña. Foto: Llum A. González

Nos concertos, que proporción tedes no voso repertorio de temas propios e versións? Que artistas e bandas versionades?

Temos sobre oito temas propios, de feito téñennos preguntado de quen era ese tema e tivemos que aclarar que é propio (risas). Versionamos desde Janis Joplin, Jimi Hendrix, Aereosmith… pero a meta e intentar ter o repertorio enteiro propio. 

Por que escollestes o inglés para cantar? Entra nos vosos plans incorporar o galego?

Porque a nosa cantante ten a carreira de filoloxía inglesa e gusta moito de cantar en inglés. Empezamos a versionar en inglés e as cancións novas xurdiron un pouco así pero co conto que temos non descartamos un tema en galego.

“Empezamos a versionar en inglés e as cancións novas xurdiron un pouco así”

Como foi e como resumides a experiencia de chegar en tan pouco tempo a unha cita como o ‘Festival do Noroeste’ o pasado ano?

Unha grata sorpresa para todos xa que nunca pensamos que chegaríamos a unha cita así , só podemos estar agradecidos e intentar seguir traballando con tesón.

Este 2022 empeza ben para o grupo, estrea en plataformas e gravando o voso primeiro Videoclip. Contádenos.

Pois si, gravamos o videoclip musical con Xeitosa Produccións e a verdade que saíu xenial , “No more” preséntase nunha onda metal con aceptación positiva. Xa esta dispoñible en spotify e youtube a so un clic das vosas orellas.

‘No more’, un de varios temas que tedes para metervos en estudio en breve, verdade?

Pois si, e varias ideas aínda precociñadas a punto de saír carta. Como o caldo canto mais lento mellor sabe.

Algún proxecto máis? Datas na axenda para bolos e participación en festivais?

Temos por confirmar varios eventos, así a bote pronto temos a Garitosis festival da Rúa Da Música, o San Xoán e algún máis que vai ser sorpresa.

Un agradecemento especial para a sarriá Llum A. González que cedeu as fotografías para esta entrevista.

ÚLTIMAS

Sober pon en marcha o proxecto ‘O SAF actívate’

O Concello de Sober pon en marcha o proxecto ‘O SAF actívate’ co que...

Bóveda sementa a igualdade nos equipos locais de fútbol

O Goberno local de Bóveda prosegue coa campaña ‘Sementando igualdade’, que esta vez chegará...

Reestablécese o subministro de auga nas parroquias de Monforte

A avaría, que tivo lugar o pasado día 26 de febreiro, provocou unha falta...

O PP de Monforte acusa a Tomé “de tapar os problemas de abastecemento con bombas de fume como a supresión dos pasos a nivel”

A voceira do PP de Monforte, Katy Varela, tras ver como que as parroquias...