InicioEn profundidade“O fin da miña empresa é colaborar cos pais e nais”, Inés...

“O fin da miña empresa é colaborar cos pais e nais”, Inés Campo, creadora de Vai Japi

Coñecemos a Inés Campo Macía, unha rapaza quiroguesa que, tras unha traxectoria relacionada co mundo da infancia, decidiu emprender e xusto deu o paso en tempos de pandemia. Os concellos pequenos sofren máis que ninguén a baixada de natalidade pero non por iso hai que deixar de ofrecer produtos e servizos para os pequenos e as pequenas da casa. Inés pensou nas necesidades deles, e dos pais e nais, e atopou aí unha oportunidade.

Publicado o

- Advertisement -

O que podía ser un risco para Inés Campo foi unha oportunidade: “Quen contaba co que está a vir tras a pandemia? A guerra, as subas de prezos… non sei onde iremos parar, pero a pandemia para min foi algo necesario para pararnos a todos e darnos tempo para reflexionar sobre o que estamos a facer neste mundo”, reflexiona.

Atopou un pequeno nicho de mercado na súa Quiroga natal e montou un negocio ao que bautizou como “Vai Japi” –Compra feliz–. Segundo descubrimos, o nome agocha unha simbólica homenaxe aos seus dous avós; o avó materno, Manuel Castiñeira, orixinario de Vilachá, na Pobra do Brollón; e o avó paterno, Jovito, de Quiroga. O “V” sería a chiscadela a Vilachá, e o “J” ao seu avó Jovito.

Fachada de Vai Japi / XdL

A nosa protagonista cóntanos tamén que só estivo fóra de Quiroga catro anos e por tempadas porque a “chamada da terra” era moi forte, sobre todo pola familia e polos amigos, amigos e amigas que considera tamén como da familia. Sabendo cal era o seu lugar no mundo só faltaba dar o paso para crear ela mesma o seu futuro e darlle forma a “Vai Japi”. A empresa ten unha tenda física en Quiroga especializada en roupa, calzado e outros detalles para a cativada, e ademais ofrece servizos de puericultura, animación e organización de eventos.

Coñecemos máis cousas desta emprendedora ilusionada, de sorriso espontáneo e contaxioso.

No teu currículo tes unha importante traxectoria traballando con nenas e nenos. Cóntanos.

Bueno, foron todo causalidades (ri). Por unha banda acudín a clases de danza galega dende os meus catro aniños e, cando o profesor decidiu deixar de dar as clases en Quiroga, ofreceume quedar eu dando esas mesmas clases. Púxenme moi nerviosa, era unha nena, pero xunto a outra compañeira decidinme a facelo, e, coas bromas, estivemos trece anos dando clases e facéndoo o mellor que soubemos… bonitos recordos.

Moito que agradecer aos nenos e nenas, aos seus pais e nais, a Silvia, a compañeira que me aguantou todos ese anos, e a Milo e Ana, moi coñecidos na comarca de Lemos; eles ensináronme durante máis de vinte anos porque máis adiante volvín ter clases con eles en Monforte. Téñolles moito agarimo e sempre lles estarei agradecida. Por outra banda, no traballo coñecín a unha rapaza que se dedicaba a organizar actividades con pequenos e gustoume moito, co cal comecei a facer cursiños de tempo libre e a traballar cos raparigos e raparigas de Quiroga.

Inés Campo / XdL

Nótase que estás ben entre pequenas e pequenos?

Si, son o mellor, a súa inocencia e a súa espontaneidade dan moita vida, recordo que alguén me dixo unha vez, “sei porque che gusta tanto traballar con nenos, es unha nena”, e si, gústame saber que a miña nena interior segue a estar aí, e trato de desfrutar moito dela e con ela.

“A súa inocencia e a súa espontaneidade dan moita vida”

No 2021 decides emprender e creas ‘Vai Japi’. Non lle tiveches medo á pandemia?

A verdade é que non, e quizás o tiña que haber pensado mellor (ri). Quen contaba co que está a vir tras a pandemia? A guerra, as subas de prezos… non sei onde iremos parar, pero a pandemia para min foi algo necesario para pararnos a todos e darnos tempo para reflexionar sobre o que estamos a facer neste mundo, hai que mirar cara adiante de forma positiva e facer o ben sempre. O certo é que vin un nicho de mercado claro, estou moi contenta, Quiroga é pequechiño, cando abrín había 300 nenos e nenas empadroadas entre 0 e 12 anos, pero decidín que entre as vendas dos produtos xunto cos servizos que podería ofertar podería vivir tranquilamente, que é a miña pretensión a día de hoxe.

Chegou, logo, o momento de dedicarte aos pequenos e pequenas co teu proxecto persoal? 

Chegou, e é moi emocionante, e da moito medo case a diario, pero sempre me gustou a adrenalina (ri).

Que ofrece ‘Vai Japi’?

Na tenda pódese mercar roupa, calzado, puericultura, algún xoguete e tamén detalles para os eventos, que se poden personalizar e darlle así un toque exclusivo e único. Por outra banda teño servizos de decoración e animación de eventos, organizo talleres manuais e agora engadín o servizo de canguro. Realmente o fin da miña empresa é colaborar cos pais e nais, achegándolles os produtos que necesitan para os seus peques e intentando botarlles unha man co tema da conciliación familiar para que poidan ter tempo para eles/as; ben sexa encargándome de sacarlles o traballo de organizar un cumpreanos, comuñón, etc, ben sexa quedándome a cargo dos seus nenos e nenas para darlles tempo a eles, tempo de lecer, ou tempo para traballo extra.

“Realmente o fin da miña empresa é colaborar cos pais e nais, achegándolles os produtos que necesitan para os seus peques e intentando botarlles unha man co tema da conciliación familiar”

A natalidade reséntese no rural, mais non por iso hai que perder a oferta destinada aos máis pequenos da casa. Había carencias nese senso en Quiroga?

Si, no campo da animación non había nada, e nos produtos, algunha que outra tenda ten varias cousiñas, pero ningunha se dedicaba plenamente á infancia. Volvendo ao tema da pandemia, ao meu pensar, unha cousa boa que tivo foi que moita xente comezou a valorar o rural, e si, moitas veces parece que todo se nos complica aquí, e realmente ás veces complícasenos, pero eu penso que non ten porque ser así. Vexo a moita xente nova emprendendo por aquí, vindo a vivir, con fillos e sen eles… a vida aquí é moi leda, tranquila e de calidade, e temos que loitar porque así poda seguir sendo.

“Vexo a moita xente nova emprendendo por aquí, vindo a vivir, con fillos e sen eles…”

Como funciona a tenda? Vendes tamén por internet?

Na miña tenda, e volvendo ao tema da conciliación, teño o meu número de teléfono posto no cartel do horario, así como nas redes sociais, para poder quedar fóra de horario se este non lles vén ben ás mamis, que son o meu target e non a todas lles cadra ben sempre.

Abro de luns a venres en horario de mañá e tarde e o primeiro, terceiro e quinto sábado de mes se o hai, de dez a dúas, aínda que este verán abrirei todos os sábados. Por outro lado, teño Instagram, Facebook e WhatsApp Business, neste último teño un catálogo cos produtos que hai na tenda. Teño moitos encargos por esta última aplicación, e si, tamén vendo por internet, os envíos fágoos en 48/72 horas. O teléfono da tenda para poder ver o catálogo é o 982 09 19 82 e o móbil o 699 426 706.

Inés Campo na súa tenda / XdL

E a organización de eventos? Que é o que máis che demandan?

O que mais se demanda é a animación nos cumpres, pero teño tamén demanda de decoracións e animacións en bautizos, comuñóns e algunha voda. Estou moi agradecida de que conten comigo para esas datas tan especiais para todos.

Este mes de xuño Vai Japi cumpre un ano. Que balance fas? 

O balance é bo, aínda que recoñezo que dende que comezou a guerra e o tema das subidas de prezos o baixón notouse… todos os comezos son difíciles pero a miña idea, agora que vou coñecendo os gustos e necesidades da xente, é adaptarme a eles e continuar a servirlles no que boamente poda.

“O que mais se demanda é a animación nos cumpres, pero teño tamén demanda de decoracións e animacións en bautizos, comuñóns e algunha voda”

Decoracións para eventos. Foto: Vai Japi

ÚLTIMAS

Detido por tenencia e distribución de pornografía infantil despois dunha denuncia na Comisaría de Monforte

As xestións practicadas por parte da Comisaría de Monforte de Lemos arroxaron que o...

CSIF Lugo pide ao concello de Monforte que cumpra a lei e recoñeza aos seus traballadores os dous días de asuntos propios pendentes do...

CSIF lembra que o concello está obrigado a recoñecer este dereito dos seus empregados...

Raquel Arias: “É inxustificable que Tomé ignore as 1.000 sinaturas que reclaman a Unidade de Atención Temperá para Monforte”

Segundo os populares, Monforte é o único municipio da comarca sen este servizo, provocando...

Primeira xuntanza sobre “Comunidades de Montes Veciñais e en Man Común, Montes de Saberes”, o 24 de abril ás 16:30 no auditorio de Escairón

A actividade enmárcase no proxecto Comunidades Rurais Sostibles desenvolvido por Acción contra a Fame...