HomeEn profundidade‘Noite das Bandeiras’, ‘Irrio Peliqueiro’ e ‘desfile de carros’, tradicións que marcan...

‘Noite das Bandeiras’, ‘Irrio Peliqueiro’ e ‘desfile de carros’, tradicións que marcan as Festas dos Remedios de Castro Caldelas

Tras o anticipo do ‘Folión Pequeno’, o pasado 30 de agosto, chegan agora 5 días de festa do 6 ao 10 de setembro. Non faltarán a música de rúa, grandes orquestras, fogos artificiais, tradicións e a XXV Feira-Concurso de gando bovino xunto cun desfile de carros tradicionais.

Publicado o

- Advertisement -

Hoxe comezan no Concello de Castro Caldelas cinco días de festa na honra da Virxe dos Remedios. Festexos moi agardados por todas e todos que se presentan cunha chea de actividades, moitas delas marcadas pola tradición como son a ‘Noite das Bandeiras’, o ‘Irrio Peliqueiro’, o concurso exposición de gando bovino ou o desfile de carros tradicionais con xogadas de bois polo recinto feiral e as rúas da vila.

Neste martes 6 de setembro terá lugar a ‘Noite das Bandeiras‘, unha tradición que se levará a cabo a partir das 00:00 h. e con acompañamento musical das Charangas Ardores e Airiños de Caldelas. Ao remate haberá empanada, bica e viño da Ribeira Sacra.

A noite das bandeiras é unha das noites máxicas nas tradicionais Festas dos Remedios de Castro Caldelas. Nela os veciños e veciñas da vila engalanan os seus barrios coas bandeiriñas que eles mesmos confeccionan nas vésperas das festas.

Bandeiras

Chegando ao mércores, 7 de setembro, o protagonismo levarao o ‘Irrio Peliqueiro’ que sairá para dirixir a Banda Airiños de Caldelas. Esta formación estará acompañada da Banda de Ramirás a partires das 12:00 h. no que será o comezo oficial das festas coa ofrenda á Virxe dos Remedios. Pola noite a verbena correrá a cargo da orquestra Finisterre e haberá fogos artificiais ás 2:00 h. da madrugada.

MÁIS FESTA, CONCURSO DE GANDO BOVINO E DESFILE DE CARROS

O xoves 8 haberá un pasarrúas-concerto a cargo da Banda de Vilanova dos Infantes e Os Trabazos, con procesión na que estará o Irrio Peliqueiro e misa ás 12:30 h. Pola noite amenizará o baile a orquestra Player’s.

Para o venres 9 volverán Os Trabazos pola mañá con procesión, presenza do Irrio Peliqueiro e ‘Misa cantada’ a cargo do Orfeón Caldelas ás 12:30 h. Pola noite, baile de disfraces e festa rachada coa orquestra La Ola ADN.

Cabezudos. Foto: Concello de Castro Caldelas.

E como remate aos festexos, o sábado 10 terá lugar a XXV Feira-Concurso de gando bovino no recinto do Toural con exposición e premios para as razas presentes no mesmo: Caldelá, Vianesa e Rubia Galega.

Bases do Concurso de gando bovino

Pola tarde haberá desfile de carros tradicionais con xogadas de bois polas rúas da vila e polo recinto feiral. A asistencia terá unha gratificación de 300 € por xogada de bois.

Como fin de festa, música dunha disco móbil e actuación da orquestra Euphoria.

O cartel oficial das festas deste ano é obra da pintora Maite Vázquez.

Cartel obra da pintora Maite Vázquez

O IRRIO PELIQUEIRO

Esta figura representa de seu toda a tradición destas festas, e é o elemento mais característico do folclore de Caldelas. A persoa que o encarna oculta a súa identidade cunha barbada máscara de madeira e vestido cun frac, no que cómpre salientar os grandes botóns, e vai provisto dunha “pelica” ou vara, coa que persigue e golpea a xente, o cal está entre os seus curiosos dereitos.

É moi respectado e dispón, incluso con carácter oficial, dos seus propios foros, dados en Castro Caldelas aos sete días do mes de setembro de 1951, polo rexedor da vila.

Sobre a súa orixe e significado recóllense varias opinións. Uns pensan que representa a nobreza, outros veno como un defensor do pobo chan e incluso hai quen afirma que pode simbolizar ao demo. Vicente Risco dicía que a súa orixe era totémica, relacionada coas mascaradas prehistóricas arraigadas na cultura popular, e que ao non poder ser destruídas pola Igrexa, esta integrounas.

O Irrio Peliqueiro. Foto: Concello de Castro Caldelas

ÚLTIMAS

‘Provincia de Lugo. Mergúllate na maxia das súas augas’, campaña que leva a FITUR a Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo presentará a súa nova campaña de turismo, ‘Provincia de Lugo. Mergúllate na...

Xunta e Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra reforzarán a súa colaboración

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural,...

O Servizo de Educación e Apoio Familiar de Chantada refórzase cun psicólogo

O labor de acompañamento socioeducativo e asesoramento do SEAF chantadino refórzase agora con apoio...

Conta atrás para que a candidatura da ‘Ribeira Sacra: Paisaxe da auga’ sexa Patrimonio Mundial da Unesco en 2026

A Xunta de Galicia afronta con “boas expectativas” a recta final da candidatura da...