InicioEn profundidadeVieiros, aldea emerxente do Courel, busca protexerse do lume e fixar poboación

Vieiros, aldea emerxente do Courel, busca protexerse do lume e fixar poboación

Para alcanzar estes obxectivos, un veciño do lugar está promovendo un crowdfunding que está correndo pola rede e poñendo a esta fermosa aldea do Courel no mapa. Falamos con Roi Estévez, impulsor desta iniciativa.

Publicado o

- Advertisement -

Roi Estévez cóntanos que a súa relación e namoramento con Vieiros empezou hai anos, cando os seus pais mercaron unha casa alí e pasaba tempadas con eles. Anos despois, no 2014, decidiu quedarse a vivir de forma definitiva e foi no 2020  cando se sumaron a súa parella e a súa filla coincidindo coa pandemia.

“No 2014 a aldea xa levaba uns 6 anos abandonada e eu fun o primeiro en habitala”, explica Roi ao tempo que refire como anécdota que cando tomou a decisión de ir a Vieiros a súa nai tiña medo de que fóra só.

“No 2014 a aldea xa levaba uns 6 anos abandonada e eu fun o primeiro en habitala”, Roi Estévez

Na actualidade viven en Vieiros eles tres e unha parella máis durante todo o ano e 4 familias máis teñen esta aldea do Courel quirogués como segunda residencia. “Son xente da nosa idade con fillos entre 4 e 8 anos e veñen a miúdo”, refire Roi.

Tellados da aldea de Vieiros (Quiroga). Foto: Roi E.
Traballos en Vieiros. Foto: R. E.

O PERIGO DOS LUMES

Este verán foi un inferno para o Courel e o lume estívolles preto. “O fume era tan intenso que non se podía respirar, veu a Garda Civil e mandounos desaloxar… ao final tivemos sorte porque o pararon na Lucenza, por riba da Seara”, lembra Roi.

E foi esta situación a que lles fixo reflexionar. Estando rodeados de monte, o perigo de incendio estará sempre aí e eles sos non poden desbrozar a man todo co cal xurdiu a idea: mercar animais para que lles axudaran coa limpeza da maleza mantendo lonxe o lume que poida vir, e intentar tamén traer xente nova a Vieiros.

O PROXECTO: VIEIROS CON VIDA

O proxecto, que se está encamiñando pola plataforma colaborativa Verkami, ten un dobre obxectivo: apostar por un modelo sostible de pastoreo, para evitar os incendios, e buscar novos/as veciños/as.

O primeiro deles queren facelo posible “incorporando ovellas e cabras que se encargarán, baixo a atenta mirada de dous mastíns e un burro, de coidar e limpar”, e o segundo “ofrecendo axuda para atopar casas a quen chegue á aldea con algún proxecto sostible e serio coa intención de quedar e axudar a darlle vida”.

Un dobre obxectivo: apostar por un modelo sostible de pastoreo, para evitar os incendios, e buscar novos/as veciños/as

O noso interlocutor explícanos os pasos previos que deron para lanzar o crowdfunding. Segundo nos conta, xa falaron cos propietarios e familias de Vieiros para a cesión das terras de cara á súa limpeza, contrataron a un asesor gandeiro para saber o número de animais e cales serían os mellores para o desbroce natural, e contactaron tamén cunha Community Manager para darlle publicidade á iniciativa a través das redes sociais.

Vista nocturna dende unha aira en Vieiros. Foto: R. E.
A espectacular e coñecida ‘Fervenza de Vieiros’. Foto: R. E.

Roi remarca, para non desviar o foco da iniciativa, que o obxectivo principal é “protexer a aldea do lume e fixar poboación nova” co cal para este segundo obxectivo animan a que “xente con proxectos vaia vivir a Vieiros”, e neste punto ofrécese a buscar casas para axudarlles a poder iniciar unha nova vida no rural.

A través do crowdfunding queren chegar aos 10.000 euros que necesitan para poder mercar un burro, 2 mastíns, 30 ovellas e 5 cabras. A falta duns 20 días para esgotar o prazo para alcanzar o obxectivo levan recadados xa 5.670 euros co cal confían en poder conseguilo.

A repercusión do proxecto está sendo espectacular, con moitos medios de comunicación que se fixeron eco da iniciativa e a noticia correndo como a pólvora polas redes sociais. Roi amósase agradecido e quere matizar que algunha información publicada igual non se entendeu ben, como foi por exemplo a idea equivocada de que “se cederían casas de balde polo feito de vir a Vieiros”. Conta que está recibindo moitas chamadas de interesadas/os por ese tema e insiste en que a intención é axudar á xente que veña con algún proxecto sostible e vontade de integrarse no proxecto.

A repercusión do proxecto está sendo espectacular, con moitos medios de comunicación que se fixeron eco da iniciativa e a noticia correndo como a pólvora polas redes sociais

Entrada a Vieiros nun día de inverno. Foto: R. E.

ÚLTIMAS

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...