HomeEn profundidadeAs Xianas de Taboada, emprendemento feminino rural que sabe a Galicia

As Xianas de Taboada, emprendemento feminino rural que sabe a Galicia

As Galletas Xianas ofrecen hoxe distintos sabores de galletas, no mes de outubro comezaron a comercializarse en El Corte Inglés e degústanse as Xianas en escenarios como o Museo Thyssen. Neste ano veñen de conseguir o selo de Artesanía Alimentaria da Xunta de Galicia.

Publicado o

- Advertisement -

No 2016, Nélida Sobrado e Ana Ledo comezan a elaborar e comercializar as galletas Xianas, galletas tradicionais da parroquia de Xián no concello de Taboada. Este tempo e a pesar dos momentos duros da pandemia o proxecto seguiu medrando. Conversamos cunha das promotoras, a taboadesa, Nélida Sobrado.

En setembro unha curmá mandábame unha foto cunha morea de caixas de Xianas, encantada de descubrir que podía atopar preto dela as galletas que comía de cativa. Estaba feliz co descubrimento de que alguén tivera a xenial idea de elaborar e comercializar estas galletas. Como comezou todo?

Na crise anterior coa miña cuñada que somos socias, ela quedouse sen traballo e eu tiña unha tenda que estaba parada de todo e falamos de facer algo para tentar saír desta situación, eu tiña aos nenos e á mina nai. Pensabamos o mesmo, non me podo explicar que ninguén faga as galletas coa boas que están, pero poñerse a elo é complicado. Compro un forno e comezo a facer gallegas, non é así, non hai unha máquina para facer iso. Puxemos o obrador debaixo da casa e as cousas foron indo ben. Agora que estou un pouco máis libre estámoslle dando unha volta, imos sacar un tipo de caixiña de presentaci`ón máis pequena e cómoda.

Galicia nunha galleta

As cousas van xurdindo, ao pouco de comezar pensamos en poñerlle un debuxo á galleta, por unha cara puxemos o mapa de Galicia e pola outra motivos referentes á cultura e ao patrimonio. De aí o noso slogan, Galicia nunha galleta.

Galletas Xianas

Que supuxeron estes dous anos de pandemia para vós?

Nos tres primeiros meses de funcionamento non saiu nin un paquete de galletas do obrador, a xente facía as súas cousas na súa casa e mercábanse cousas básicas, non produtos gourmet. Tivemos a sorte de entrar nun erte.

Aos tres meses comezouse a reactivar un pouco e agora as cousas son un tanto estrañas, ninguén sabe o que vai pasar ao mes seguinte… Antes sabías que o Nadal ou o verán eran bos e víalo un pouco antes, agora un mes que pensas que non vai ser nada sae bo, e o que ía ser moito, non é tanto. Todo está un pouco revolto.

Onde se poden atopar as vosas galletas?

Non vendemos en grandes superficies, véndese en tendas gourmet, vinotecas, pequenas tendas e cafeterías de toda Galicia. Comezamos visitando comercios de proximidade, Taboada, Chantada e Lugo, é onde máis vendíamos. Despois comezamos a ir cara Ourense, Pontevedra, A Coruña,… e despois buscamos un distribuidor porque se queres medrar hai que ir á distribución, hai viaxes que doutro xeito non che saen a conta. Estamos en tendas especializadas de Madrid, Barcelona, Mallorca, tamén estamos no Museo Thyssen e agora acabamos de sacar o primeiro pedido para El Corte Inglés.

Temos un formato para detalle de benvida nas habitacións de hoteis. Tamén vendemos a restaurantes como acompañamento de postres fríos como xeados e algún acompañamento das táboas de queixo, que combina moi ben coas Xianas.

Xianas motivo entroido para acompañar postres

Vendedes por internet?

Vendemos por internet. Para vender por internet hai que mover moito a páxina, se non o fas así, só che queda o cliente que lle gustou a galleta e non sabe onde mercala e  búscate en internet, pero as ventas online non representan unha porcentaxe significativa polo momento.

“É unha galleta un tanto diferente e saudable”

Acudides a feiras gastronómicas e gourmet? Que se opina das galletas?

Este ano estivemos en Gourmets en Madrid, Forum na Coruña, en novembro imos a Etiqueta Negra en Pontevedra, estivemos na Semana Verde de Silleda. As Xianas adoitan gustar moito, tanto en exposición como na venda, temos un sabor e unha calidade que chama a atención. É unha galleta un pouco diferente.

Galletas Xianas

En tempos de mensaxes constantes sobre a importancia de coidar a alimentación, estas galletas pódense considerar saudables?

Son saudables en tanto que non teñen conservantes, nin colorantes,… Agora estamos entrando nun mundo no que cada quen di o que lle parece, parece que nos imos poñer todos a comer chía. Aquí levamos moitos anos cunha alimentación natural e normal e creo que os problemas son os excesos. Non é o mesmo un produto artesán aínda que leve algo de azucre ou graxa ou mateiga, sempre que non te excedas. Non é o mesmo que un produto industrial que non sabes ás veces de onde vén, pero estas cousas coméronse toda a vida.

Dentro de pouco Xianas con chía?

Creo que ás veces comezamos a introducir produtos que non digo que sexan malos, pero nós temos a mesma calidade en produtos de aquí, produtos que aportan máis ou menos o mesmo, isto son modas,… Igual o mesmo beneficio da chía teno outro alimento que é de proximidade e que levamos consumindo toda a vida, pero non o consumimos porque non está de moda.

Galletas Xianas

Que variedades de Xianas hai na actualidade?

As orixinais de mateiga que foi as que se fixeron toda a vida, e temos tamén de améndoa e café. As de café foron as últimas e saír e parecía que se resistían un pouco, pero cada vez collen máis adeptos. Aínda que as máis vendidas son as orixinais.

Fai un ano sacamos uns bolequiños de noces con arandos deshidratados, Aloumiños. Sacámolos para o Nadal aínda que saímos un pouco tarde, están gustando moito e funcionando moi ben. Este Nadal espero que funcione moi ben coas cestas de Nadal.

Sendo mulleres no rural como se vos axudou?

Por ser mulleres non tivemos nada específico, aínda que puntuaba máis nalgunha subvención de Agader. Comezamos moi modestamente con moi pouco investimento porque non se pensaba que a cousa fora a moito, non había expectativas de gran empresa. Funcionou mellor do que esperabamos, as miñas circunstancias persoais tamén cambiaron, estamos entrando noutras dimensión, comezar nun sitio máis amplo… Non me gusta acomodarme, tira de min o feito de facer outras cousas novas, e aí seguiremos tentando innovar coa base do produto estrela que son as Xianas.

ÚLTIMAS

Accidente de tráfico na Pobra do Brollón

O ocupante dun turismo tivo que ser liberado ao quedar atrapado polos pés tras...

A técnica do Esgrafiado no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia

Nesta semana publicábase no Diario Oficial de Galicia, esta técnica tradicional de albanelaría que...

“A cantiga máis longa” este 24 de novembro na igrexa de San Pedro de Bembibre en Taboada

A interpretación vocal de Paloma Gutiérrez del Arroyo e a instrumental de Manuel Vilas,...

Contacontos teatralizado de igualdade este 24 de novembro na casa da cultura de Monforte

O Concello de Monforte, a través da Concellaría de Muller e Igualdade, organiza para...