Manuel María López é un monfortino ao que coñecemos e relacionamos directamente coa Cruz Vermella polo seu activismo e presenza en medios falando do traballo e das campañas desta institución no sur de Lugo.
Levamos certa sorpresa ao descubrir estes últimos días que un documental sobre o Courel que circulaba polas redes sociais era da súa autoría, pero falando con el empezamos a descubrir a súa relación con esta fermosa terra. Sabemos que o seu primeiro contacto co Courel foi con 12 anos, cando acompañaba ao seu pai a pescar. E tamén que sempre lle gustou a montaña, tendo a estas como referencia de proximidade nas súas fuxidas… pero saibamos máis.
QUE LEVOU A MANUEL A GRAVAR ‘O SON DO COUREL’?
Manuel María cóntanos que a pouco de empezar a carreira de xornalismo en Compostela sufriu un grave accidente de tráfico –no 2009– e tivo que deixar os estudos no primeiro curso.
Anos despois, no 2014, decidiu retomalos e matriculouse na Universidade de La Rioja. O seguimento era practicamente a distancia e foino levando aos poucos, sacando unhas 6 materias ao ano, dándolle máis caña estes últimos e dedicándolle tempo ao Traballo de Fin de Grao, un traballo que rematou neste 2022.
Dáse o paradoxo de que nesta última etapa dos estudos de comunicación sufriu un novo accidente de tráfico, un atropelo en Monforte a finais de decembro do ano 2020. Nese momento tiña que decidir a temática do Traballo de Fin de Ciclo e dous acontecementos leváronlle a poñer o foco no Courel. Por un lado a ameaza eólica que planeaba sobre os seus montes, e por outro a proposta que nacía en Francia para declarar ‘patrimonio inmaterial da humanidade’ os sons da aldea.
Xa sabía, pois, que o traballo sería un documental e que o protagonista do mesmo sería O Courel, concretamente os seus sons. “Quería que as xeracións que veñen detrás poidan ter constancia deses sons que se van perder”, di Manuel.
“Quería que as xeracións que veñen detrás poidan ter constancia deses sons que se van perder“
COMO SE FIXO?
Recuperándose do segundo accidente de tráfico, Manuel María estaba ansioso por avanzar nas gravacións “e así ter material antes de que chegasen os ruídos dos eólicos”, dinos. Ademais, estaba en pleno proceso de rehabilitación e non non tiña o corpo para moitos trotes, e menos pola montaña. A mediados de 2021 estaba algo mellor e contaba ademais coa axuda técnica do monfortino Manuel Valcárcel ‘Piro’, coñecido fotógrafo, guionista e director de cinema.
A partir dese momento o obxectivo era gravar sons: da auga, das árbores, do vento, dos paxaros… “todos orixinais e gravados por nós”, di Manuel. Houbo algúns que recolleron e que non están no documental como, por exemplo, o da matanza. Pareceulle moi forte e pensou que ao mellor podía ferir sensibilidades á hora da valoración académica. Na gravación orixinal eran 52 minutos de documental pero non se podía pasar de 20 para entregar o traballo á Universidade. Ao final quedou en 30 e permitíronlle entrégalo así.
“Houbo algúns que recolleron e que non están no documental como, por exemplo, o da matanza”
Tamén resulta importante o papel dos informantes, seis veciñas e veciños do Courel que contan en falan en primeira persoa das súas percepcións sonoras. As persoas escollidas foron Xan de Vilar, Evaristo de Froxán, Pepe de Visuña, Ena de Paderne, Lourdes –directora do CPI Uxío Novoneyra– e Lara da cantina O Pontón.
Xan de Vilar non podía faltar. Ademais de amigo da familia –sinala Manuel– era o indicado para que contara os seus sons de infancia, sons que xa non existen como o do paxaro Eireolo.
Evaristo, outro referente dinamizador e de recuperación de tradicións do Courel, tamén ten unha presenza destacada e achéganos sons nos que ten moito que ver e que recupera a través da Asociación Fonte do Milagro de Froxán: o son da serra de aire e o son da pisa.
Respecto a Ena de Paderne, Manuel dinos que a importancia histórica do grupo Os Padernes para o Courel non podía pasar por alto. De aquí a importancia do testemuño de Ena, a muller viva do último Paderne que servía para facer esa conexión.
Pepe de Visuña, “último ebanista do Courel”, di Manuel, destaca polos seus silencios e tamén porque achega a súa experiencia sonora no seu percorrer de moitos anos polo Courel e no desempeño de oficios como o de ebanista e cesteiro.
As dúas informantes que quedan son Lourdes, directora do CPI Uxío Novoneyra, e Lara, filla de Manolo e responsable actual do mítico Pontón de Ferreirós de Abaixo. O relato de Lourdes chama a atención sobre “contraste de sons” que lle tocou vivir ao cambiar o seu Vigo natal polo Courel cando chegou de mestre aquí, e Lara achega a visión máis xoven, detallando os sons que máis lle marcaron dende pequena e o cambio que supuxo para ela ir estudar a Lugo e atoparse con outros sons, alleos aos que coñecía –tráfico, obras, xentes, etc–.
‘O SON DO COUREL’ E OS LUMES
Unha triste casualidade chama a atención neste punto. Manuel María entregou o traballo rematado á Universidade de La Rioja o 14 de xullo deste 2022 ás 17:29 e unhas horas máis tarde empezaban os lumes no Courel. A partir das 20:00 h. desencadeouse unha treboada, houbo numerosos raios e o resto xa o coñecemos, unha vaga de lume que arrasou gran parte do Courel.
Manuel María entregou o traballo rematado á Universidade de La Rioja o 14 de xullo deste 2022 ás 17:29 e unhas horas máis tarde empezaban os lumes no Courel
Manuel explica que, activados pola Cruz Vermella, tivo que visitar os albergues da Pobra do Brollón e de Triacastela, onde había xente desaloxada. No de Triacastela atopou a Xan e rompeu a chorar ao tempo que se fundiu nunha aperta con el. “Foi un momento moi duro”, lembra emocionado.
UN TRABALLO DE ‘SOBRESALIENTE’
‘O son do Courel, como Traballo de Fin de Grao, obtivo a cualificación de ‘sobresaliente’ e pódese ver en aberto en youtube.
Como anécdota, Manuel conta que a Presidenta do Tribunal avaliador díxolle que “o consideraba unha persoa con moita sensibilidade para captar o que quedou reflectido no documental”.
Como coincidencia final comentar tamén que un dos profesores que tivo e que foi o Director de Traballo de Fin de Grao que tivo este monfortino é de Lugo e chámase Manuel Segarra.