Silvia Mondelo é unha sarriá que se debateu no seu día entre facer a carreira de Xornalismo ou a de Turismo, pero finalmente gañou esta última. Cando nos confesa que “dende nena sempre desfrutaba moito viaxando e escoitando as historias que me permitían descubrir aqueles lugares que visitaba”, déixanos claro cara onde lle tiraba a vocación.
A mediados de 2022 comezou un proxecto de visitas guiadas na vila de Sarria baixo o nome de “A Paraxe da Bolboreta”, un título que xa viña empregando nun perfil de Instagram para divulgar e dar a coñecer lugares máxicos da nosa terra. Rematou en setembro e o resultado foi moi satisfactorio tanto para ela como para o Concello esperando xa repetir a experiencia este 2023.
Falamos con Silvia polo miúdo.
Dende cando es Guía Oficial pola Xunta de Galicia?
Son Guía oficial pola Xunta de Galicia dende o ano 2015 .
Que te foi levando cara o mundo do turismo?
Dende nena sempre desfrutaba moito viaxando e escoitando as historias que me permitían descubrir aqueles lugares que visitaba.
No momento de decidir qué estudos universitarios cursar só dubidei entre Xornalismo e Turismo… finalmente rematei accedendo á carreira universitaria de Turismo e dende ese momento toda a miña vida profesional xirou en torno a este mundo.
Para comunicar coñecementos históricos, patrimoniais e outros de interese sobre un lugar non vale calquera. Que aptitudes cres que cómpre ter si ou si?
Entre as aptitudes que considero debe de ter un guía de turismo podería destacar:
- Habilidade para desenvolver unha comunicación clara e atractiva.
- Capacidade de planificación e organización.
- Saber adaptarse a diferentes tipos de situacións e ser empático co seu público.
- Ser capaz de transmitir emoción e entusiasmo polo seu labor.
Alén deses coñecementos máis técnicos, que outros aspectos axudan a facer máis atractivas as visitas turísticas?
Por un lado, facer visitas empregando técnicas de interpretación do patrimonio sempre garante a atención. Por outro, considero que contar lendas, anécdotas ou incluso incluír na visita o testemuño directo por parte dalgunha persoa relacionada co destino ou co recurso a amosar tamén resulta sempre moi atractivo.
Se de algo sinto realmente orgullo ao finalizar as visitas que desenvolvo é dos comentarios que me teñen feito como “nótase que desfrutas co teu labor” ou ben que “transmites paixón polo que explicas”
En calquera caso, a paixón polo que explicas é básica ou debería selo, non?
Para min persoalmente é algo imprescindible. Se de algo sinto realmente orgullo ao finalizar as visitas que desenvolvo é dos comentarios que me teñen feito como “nótase que desfrutas co teu labor” ou ben que “transmites paixón polo que explicas”.
Algún ou algunha guía que coñezas que che axudara ou da/o que aprenderas cousas interesantes?
Ao longo destes anos no mundo do turismo teño que recoñecer que tiven a sorte de coñecer a un gran número de compañeiros, grandes profesionais, que dun xeito ou doutro foron aportándome coñecementos e inspirándome no meu labor.
O pasado ano empezaches un proxecto pola túa conta, explícanos como se chama e en que consiste.
A mediados de 2022 iniciei un proxecto de visitas guiadas pola vila Sarria, baixo a marca “A Paraxe Da Bolboreta”. Xa hai anos que emprego este nome para unha conta de Instagram na que amoso aqueles lugares ou recunchos máxicos que temos en Galicia. Cando lancei o proxecto das visitas, pensei que debía de conservar o nome e así foi.
Facía tempo que me daba conta do descoñecemento que os turistas e peregrinos levaban de Sarria, polo que sempre pensaba na necesidade de organizar visitas que permitisen contar a súa historia e a dos personaxes da vila. Durante a pandemia repensei seriamente a posibilidade de organizar esta actividade pola miña conta e comecei a documentarme. Finalmente, en xuño de 2022, comecei coas visitas guiadas na vila de Sarria cun resultado moi positivo do cal estou especialmente contenta.
“Facía tempo que me daba conta do descoñecemento que os turistas e peregrinos levaban de Sarria, polo que sempre pensaba na necesidade de organizar visitas que permitisen contar a súa historia e a dos personaxes da vila”
Que proxectos tes para este 2023?
Centrarme en Sarria, que creo que ten un patrimonio máis que suficiente para amosar e para seguir traballando. Como traballo tamén por conta allea nunha axencia de viaxes especializada no Camiño de Santiago creo que teño máis que cuberto o meu cupo laboral, por dicilo así.
De todas formas, pensando no futuro gustaríame desenvolver algún tipo de rutas que sexan por municipios próximos a Sarria. Xa sexa O Incio, A Pobra do Brollón… Creo que teñen uns atractivos a nivel cultural brutais, e creo que me van dar moito xogo, pero de momento vou seguir centrada na miña vila e ila amosando. Podo adiantarche que para este ano en Sarria teño pensado desenvolver algunhas rutas novas, alén da actual centrada no patrimonio e en personaxes máis característicos da vila: unha centrada nos anticuarios e outra nos recursos naturais que temos na vila.
“Para este ano en Sarria teño pensado desenvolver algunhas rutas novas… unha centrada nos anticuarios e outra nos recursos naturais”
Se fose de fóra de Lugo e/ou de Galicia, que ‘top ten’ de cousas non me debería perder do Sur de Lugo?
Só dez? (ri) Por nomear algunhas:
- Casco histórico de Sarria.
- Mosteiro de Samos.
- Castro de Formigueiros.
- Igrexa Románica de San Pedro Fiz na parroquia de O Hospital (Incio).
- A Cova das Choias.
- Colexio dos “Escolapios” en Monforte de Lemos.
- Pazo de Tor.
- Miradoiros da Ribeira Sacra Lucense, como por exemplo o Miradoiro do Duque ou o Miradoiro da Capela.
- A ponte de ferro de Ribas de Sil.
- O Museo Xeolóxico de Quiroga.