InicioEn profundidadeCasa Antonio en Goián, tenda, restaurante e pensión para dinamizar esta aldea...

Casa Antonio en Goián, tenda, restaurante e pensión para dinamizar esta aldea de Pantón

O Restaurante Casa Antonio en Goián, no concello de Pantón, leva 27 anos funcionando. Comezou como unha cantina-tenda de aldea e hoxe ofrece ducias de comidas todos os días e abriu unha pensión.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

María Teresa Pedreira Fuentes, propietaria do Restaurante Casa Antonio, lembra así os inicios: “Hai uns 27 anos, colleramos a tenda da aldea e nese momento pareceunos pouco porque comezaban a abrir os supermercados e as tendas de aldea ían a menos, cambiamos de local e fixemos este baixiño coa tenda e faleille ao meu marido de dar churrasco e despois ir mirando que máis podiamos ofrecer”.

Foi medio ano despois de abrir a tenda que comezaron a dar comidas e ir aumentando pouco a pouco. Restaurante Casa Antonio pecha os martes, durante a semana atende a unhas 70-80 persoas diarias e nas fins de semana chega a 120, que acoden principalmente a xantar. Precisamente os menús do día comezáronos a dar para ofrecer este servizo con variedade para cada día ás persoas obreiras, “vén xente de todos os lados, pola semana temos moita xente obreira que traballa na zona e busca un lugar no que sentar a comer, xente da Coruña e de Ourense que vén á mantenta comer con nós, xente que vén ao Balneario ou turistas que veñen ver o románico ou a Ribeira Sacra. Estas persoas búscannos, vennos en Tripadvisor, por internet, por Facebook e polos bos comentarios anímanse a vir comer e veñen”.

Algún día verei este comedor cheo?

Despois de case tres décadas María Teresa Pedreira amósase moi satisfeita de como evolucionou o seu proxecto, “Nunca xamais na vida o pensei, hoxe temos problemas para encontrar xente para traballar. Temos taballo, hai demanda, pero non encontras xente para traballar. Sintes pena porque pensas no que loitaches para chegar aquí, co anaquiño que comecei dicía eu algún día verei este comedor cheo? E algún veciño díxome, non che chegará e se non veralo co tempo e así foi. Daquela estabamos meu marido, meus fillos e máis eu sós e agora temos 6 empregados e nós e moitas veces non damos feito. Nunca me imaxinei isto porque ademais aquí tes que vir ex profeso. En Ferreira tes os bancos, o concello, o centro de saúde, desprázaste alí e encontras bares e restaurantes e aquí tes que vir ao que vés, á tenda, tomar un café ou a comer, non hai farmacia, non hai concello”.

María Teresa Pedreira

Na súa cociña, Restaurante Casa Antonio, ofrece ademais de churrasco pratos típicos galegos, co obxectivo de seguir mantendo a cociña galega de sempre, callos, empanada, cocido, guisos,… e todo con produtos da terra.

A pensión comezou case en pandemia e seguiu de película

En agosto do 2019, o ano antes da pandemia, ao servizo de tenda e restaurante sumábase a hospedaxe. Parte do equipo de rodaxe da película de Dani de la Torre, Life is live, utilizou estas habitacións no 2020, “Na pandemia tivemos xente porque ao ser xente desprazada por traballo podíaslle dar pensión. Despois comezouse a rodar Life is Live, solicitáronnos habitacións, tiñamos o tema a punto de rematalo e rematámolo porque sabiamos que tiñamos xente para 3 ou 4 meses e aí comenzamos a funcionar e estamos moi contentos”.

Polo momento contan con 10 habitacións con posibilidade de chegar a 20, “Comezamos coa planta de abaixo e agora estamos pensando comezar coa segunda, por traballo animámosnos porque vemos que funciona e que vén xente á zona de todos os lados e solicítannos habitación, pero como se encareceron as cousas estámoslle dando voltas”.

Casa Antonio / Goián

Ademais de ir ampliando, Pedreira conserva a tenda coa que comezou todo, nalgún momento plantexouse deixala, pero está convencida de que presta un servizo que non se debe perder: “A tenda é un cariño que eu quero conservar porque na aldea temos xente maior, xente que sempre veu e sigue vindo. As avoas da aldea que non poden desprazarse, que non todos os días poden pagar un taxi para a ir a Ferreira ou que se lles olvidou algo, a min tampouco me ocupa moito e digo, este pedaciño de tenda da aldea que é enxebre pois deixámolo así, non me atrevo a sacala”.

María Teresa Pedreira destaca o dinamismo que hai na aldea de Goián e asegura que despois da pandemia a xente se está movendo moito máis que antes, “A xente ten máis ganas de vivir, de disfrutar, de estar, compartir…. Psicolóxicamente sínteste moi contenta e emocionada porque sabes de aldeas que morren sen xente e aquí ves que cada día a xente anímase a vir, veñen e pregúntache se hai casas para alugueiro ou compra. O pobo tenta medrar e segue medrando e a veciñanza e a xente nova tentan tamén que a aldea non vaia abaixo. Cada día din que van facer isto e aqueloutro, un Entroido más grande, colaboran en que non morra a aldea…”

Casa Antonio Goián tenda

ÚLTIMAS

‘Volta ao xogo’: o novo single dos chantadinos TIAM Gz

Tras dous anos sen sacar temas, neste 2024 a banda de Chantada TIAM Gz...

Curso de ‘alquimia herbal’ en Torbeo, Ribas de Sil

Os e as amantes das plantas, e do seu poder medicinal, teñen a vindeira...

Rebaixan a pena dun veciño de Monforte condenado por violación

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo rebaixou, en aplicación da lei do...

O IES Río Cabe no centro da cultura financieira

Durante a xornada contouse coa visita da directora xeral de Ordenación e Innovación educativa,...