HomeEn profundidadeO ‘Slam Poetry’ chega á Ribeira Sacra

O ‘Slam Poetry’ chega á Ribeira Sacra

O Centro Sociocultural de Bóveda acollerá o 25 de marzo o primeiro encontro poético que organiza baixo este formato o colectivo cultural local ‘KulturN’aldea’. “Un motivo principal do noso Slam é achegar esta disciplina poética ao rural”, di Xosé Casar, impulsor deste evento.

Publicado o

- Advertisement -

O concepto “Slam Poetry” soaralle a chinés a moita xente pero está conseguindo achegar a poesía ao pobo, e sobre todo á mocidade, dun xeito máis ameno baixo este formato de competición poética a micro aberto.

Aínda que o formato naceu polos anos 80 nos EE.UU. en España haberá uns dez anos que se coñece e a partir de aí está a chegar a diferentes cidades, sendo Compostela unha das máis activas actualmente a nivel de Galicia. De feito, a final do Slam España do ano 2022 celebrouse alí a finais de outubro cun Teatro Principal cheo de xente. Como curiosidade, un dos participantes nesa final foi Xosé Casar, veciño de Rubián e retornado de Catalunya.  Competiu representando a “Llobregat Slam Poetry”, de Sant Boi de Llobregat.

Agora, grazas a Xosé Casar, Bóveda pretende entrar no circuíto de ‘Slam Poetry’ co reto de ser a primeira sede asentada no rural. O 25 de marzo será o primeiro encontro e celebrarase no Centro Sociocultural ás 19:00 h.

Quen é Xosé Casar?

Nacín en Ribas Pequenas, en 1957. Vivín, eu e máis dous irmáns máis novos, cos avós maternos, en Ribas, mentres meus pais estaban a traballar en Catalunya. Cando tiña uns 8 anos leváronnos a Barcelona. Aló estudei, traballei, casei, tivemos fillos, e aló vivín ata que me xubilei despois de máis de 30 anos de facer de taxista… e viñemos vivir a Rubián.

Que é KulturN’aldea?

KulturN’aldea é o nome que lle demos ao noso grupiño. Un grupo que formamos para organizar o Slam en Bóveda e outros eventos relacionados coa poesía. Non é unha asociación cultural formal, aínda que non descartamos constituíla cara o futuro.

Para aqueles que lle soe a chinés o de ‘Slam Poetry’, en que consiste este tipo de encontros?

É un torneo de poesía escénica e oral, pero cunhas características especiais: O poema ten que ser de autoría propia, o poeta non pode facer servir atrezzo, o poema non pode pasar de tres minutos e o público vota.

A asociación Slam España engloba máis de 30 sedes de slam, nós queremos inscribir a nosa como Bóveda Slam Poetry (en Slam España xa están informados) e organiza cada ano un campionato. Este ano pasado foi en Santiago de Compostela que é ata agora a única cidade con sede no circuito oficial Slam España, “Poetry Slam Compostela”. Bóveda Slam Poetry será a primeira no rural, tódalas sedes adoitan estar en cidades de máis poboación.

“A asociación Slam España engloba máis de 30 sedes de slam, nós queremos inscribir a nosa como Bóveda Slam Poetry”

Para poder inscribirse no circuíto oficial, Slam España esixe ter feitos como mínimo 6 combates na tempada. Nós farémolos en marzo, maio, xuño, setembro, outubro e unha gran final en novembro.

Na gran final de novembro participarán os gañadores de cada un dos combates anteriores e o mellor segundo posto da temporada, 6 poetas. O gañador terá a posibilidade de participar no campionato de Slam España, pero iso será na tempada de slam de 2025, xa que non poderemos inscribirnos até ese ano.

Como xurdiu a posibilidade de organizar un Slam Poetry en Bóveda?

Dende que coñecín esta modalidade de poesía escénica fun espectador asíduo e participei nalgún slam. En máis dunha ocasión no “Llobregat Slam Poetry”, sede de Slam da cidade onde residía, Sant Boi de Llobregat. No último que puiden participar resultei gañador e clasifiqueime para a Gran Final do Llobregat Slam Poetry. Xa residía en Rubián cando se celebrou e viaxei a Sant Boi. Tiven a sorte de gañar a final e participei, representando a Llobregat Slam Poetry, no Slam España que se fixo en Santiago dentro do Festival Luz poética. Foi unha experiencia impresionante ver o Teatro Principal cheíño de xente agardando o recitado dos poetas.

Xa tiña pensado que sería moi bonito constituír unha sede de slam no concello onde nacín e achegar esta disciplina de poesía escénica ao rural. Propúxenllo a algunhas persoas e decidimos encetar esta aventura.

Ademais dos poetas titulares para o 25 de marzo, anotáronse máis persoas?

Foi algo complicada a difusión do evento. Primeiro porque, a pesar de ser algo que se leva facendo xa hai uns 10 anos, aínda non se divulgou bastante esta disciplina e non é moi coñecida fóra de núcleos urbanos de gran poboación. Tivemos que intentar dar a coñecer o Bóveda Slam Poetry e o combate do mes de marzo no medio dunha enorme intensidade de movemento cultural arredor do Entroido. Así que, aínda que se chegaron a anotar xusto os poetas que precisamos para o noso slam (7 para cada un) e máis un reserva, estamos contentos co resultado e agardamos que vaia aumentando para os vindeiros.

Participación de Xosé Casar nun ‘Llobregat Slam Poetry’. Foto cedida.

Cres que a poesía pasa por un bo momento ou falta moito por facer para darlle máis visibilidade e achegala a todos os públicos?

A poesía está, segundo a miña percepción, nun bo momento. Hai moita xuventude que cada vez achégase máis, e esta forma que se representa no slam é moi atractiva. Unha mostra diso é o que dixen antes, ver o Teatro Principal de Santiago cheo de xente agardando ver e ouvir poesía. Outra cousa é ter a capacidade suficiente para divulgar este tipo de eventos, pero penso que os medios de comunicación estanse implicando cada vez máis nisto.

“Hai moita xuventude que cada vez achégase máis, e esta forma que se representa no slam é moi atractiva”

O slam está chegando tamén a ensinanza. En cada vez máis institutos, fanse talleres de poesía escénica cos alumnos dando moi bos resultados.

Como contribúen este tipo de eventos a ‘perderlle o medo’ ou ‘a achegarse sen prexuízos’ á poesía?

Algunha veces convidei algún amigo a vir ver un Slam. A verdade é que a súa primeira reacción ao saber que se trata de poesía non é de moito entusiasmo. Cando lle explico en que consiste, xa se mostra máis interesado, cando sae do Slam pregunta cando se fai o próximo.

O Slam é un evento no que participan tanto os poetas coma a organización coma o público. Non se percibe separación entre o público e os slamer, máis ben vense coma cómplices e séntense moi preto no transcurso do acontecemento.

“Un motivo principal do noso Slam é achegar esta disciplina poética ao rural”

Este primeiro encontro será en Bóveda. Tedes pensado xa onde serán os seguintes?

Como dixen, o Bóveda Slam Poetry pretende ser sede oficial inscrita na organización Slam España polo que, se non hai algún motivo extraordinario, sempre se fará no concello de Bóveda. Outra cousa é que poidamos facer os slam en centros distintos. Por agora temos a colaboración do concello que aporta o espazo no centro sociocultural, pero non descartamos facelo noutros centros dentro do concello. Un motivo principal do noso Slam é achegar esta disciplina poética ao rural.

ÚLTIMAS

Xornada informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas migrantes, este 22 de abril no Auditorio Municipal de Chantada

A actividade que se desenvolverá no Auditorio Municipal de Chantada está aberta ás persoas...

Este 20 de abril celébrase a imposición das Medallas do Concello de Monforte aos policías locais Eusebio Cuesta, a título póstumo, e Francisco Cao

A imposición de Medallas pon fin ao procedemento de Símbolos e Distincións recollido na...

Vicepresidencia recupera os restos da antiga torre do Pazo de Tor en Monforte

O proxecto pretende poñer en valor este elemento construtivo, contiguo ao muro de peche...

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...