HomeEn profundidade“O coche máis antigo que vén é un Citroën 11 Sport do...

“O coche máis antigo que vén é un Citroën 11 Sport do 1937”, Miguel Martínez, do Club Autoclásico RS

Este domingo 23 de abril o Club Autoclásico Ribeira Sacra celebra o X Aniversario e a VIII edición da Festa de Clásicos, concentración que conta xa con 150 coches inscritos. Falamos con Miguel Martínez, un dos promotores.

Publicado o

- Advertisement -

O Club Autoclásico Ribeira Sacra naceu en agosto de 2012 en Monforte. Miguel Martínez, un dos fundadores, comenta que se foi creando polo boca a boca. “Eu tiña algún coche clásico, outro amigo tamén e fómonos xuntando. Primeiro demos algún paseo e despois xa decidimos facer o club… cando empezamos a saír de ruta eramos dez”, comenta. Na actualidade son uns 45 socios/as.

O club naceu no 2012 e no 2013 decidiron organizar a primeira concentración alá polo mes de marzo, bautizárona como ‘Festa de Clásicos’. Este ano terían que celebrar o X Aniversario, como é o do Club Autoclásico Ribeira Sacra –que chega un ano despois– pero quedaranse na edición VIII porque dúas non se puideron realizar por mor da pandemia.

Miguel lembra que a primeira saída foi aos Chancís e había uns 80 coches inscritos. A raíz desta concentración foi medrando a asociación, engadíndose xente de Monforte e doutros lugares como Chantada, A Rúa, Ourense, Portomarín, Sarria e Xove. Tamén nos comenta que a intención inicial da Festa de Clásicos era facela máis grande, de dous días e cun gran concerto de música dos 80-90, pero non foi posible por falta de infraestrutura. Ao final quedou nun día.

Miguel lembra que a primeira saída foi aos Chancís e había uns 80 coches inscritos.

Que se chame ‘Autoclásico Ribeira Sacra’ non é ao chou. Este nome púxoselle para tratar de abranguer o territorio Ribeira Sacra e tamén para promover a súa beleza paisaxística. “Dende o primeiro ano tratamos de saír dun concello diferente da comarca”, di Miguel Rodríguez. Nestes anos xa saíron de Pantón (dúas veces), Sober, O Saviñao, Bóveda, A Pobra do Brollón e Monforte (dúas veces, a primeira edición e este 2023). Para vindeiras ocasións xa pensan en concellos como Quiroga ou O Incio.

No que se refire a coches que participan, as marcas máis presentes de clásicos son Renault, Seat e Citröen, aínda que tamén se poden ver algún Jaguar, Chevrolet e outras máis exclusivas. E no apartado de curiosidades sabemos que o coche máis antigo é un Citroën 11 Sport do 1937, e que dende os primeiros anos participa un portugués que vén dende Bragança.

“Dende o primeiro ano tratamos de saír dun concello diferente da comarca”

Ademais deste evento, o máis importante para o club, os socios/as fan saídas trimestrais, asistindo a outras concentracións. A maioría delas en Ourense e Lugo, pero tamén se achegan a Caramulo en Viseu (Portugal) no mes de setembro, ao Salón de Porto en outubro e ao Salón de Clásicos de Vigo en febreiro.

VIII EDICIÓN DA FESTA DE CLÁSICOS

A concentración e ruta será este domingo, 23 de abril, tendo a explanada da Compañía en Monforte de Lemos como punto de partida e chegada. A recepción está programada para as 9:00 h. e a saída por grupos de 25-30 coches para as 10:00 h. aproximadamente. Hai uns 150 coches inscritos, con 14 ou 15 clubs participantes.

No que respecta á ruta, cun percorrido duns 50 quilómetros, esta transcorrerá por estradas secundarias, a estrada a Castro Caldelas e a de Pinol-A Carqueixa ata Sober. A primeira parada será o Miradoiro do Duque e despois visitarase a Adega Cruceiro de Vilachá de Doade. A continuación, o lugar de encontro será o Miradoiro de Santiorxo.

Este ano o club celebra o X Aniversario cunha homenaxe moi especial a Elvira Veloso, unha muller moi importante no sector da automoción. “Nacida en Monforte de Lemos e secretaria de moitos directores de SEAT, peza fundamental na conservación da colección de coches históricos que agora mesmo atesoura a marca para a execución dun futuro museo”, comenta Miguel Martínez.

Xuntanza de 2012, antes da existencia do Club. Foto: Miguel Martínez.

ÚLTIMAS

Publícanse as axudas para a conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra

As persoas que se poderán beneficiar destas axudas serán aquelas viticulturas que estean inscritas...

Éxito do Voleibol e do Atletismo Cross, novidades nas Escolas Deportivas Municipais de Chantada

Nesta edición destaca o éxito de dúas actividades para nenos e nenas, o Voleibol...

O PP de Monforte interesarase no pleno pola “legalización” do Parque do Hospital

Ante esta situación, a voceira popular en Monforte, Katy Varela, explica que no vindeiro...

José Luis Álvarez sobre o 2025: “Teremos finalizada a residencia e teremos un novo centro médico a 50 metros do actual”

O Concello de Pantón remata o ano cunha bandeira colgada do balcón da Casa...