InicioEn profundidadeA 'Feira da Carne ó caldeiro' cumpre 20 anos e volve tras...

A ‘Feira da Carne ó caldeiro’ cumpre 20 anos e volve tras 3 de parón

Castro de Carballedo, na comarca de Chantada, recupera o vindeiro 23 de abril este evento gastronómico que atrae xente de toda Galicia co reclamo dun excelente produto local cociñado con leña de carballo e un ambiente moi familiar no que todo o traballo de organización recae na Asociación de Veciños O Bubaíño e en xente voluntaria.

Publicado o

- Advertisement -

A Asociación de Veciños O Bubaíño, de Castro, no Concello de Carballedo, conta con 122 socios/as e caracterízase por ter unha importante actividade durante o ano.

Este colectivo veciñal bota adiante moitas iniciativas con limitados recursos económicos e humanos, pero con moita enerxía, cubrindo un importante labor de divulgación cultural e socialización no concello. Segundo nos conta a presidenta da entidade, Asunción Gómez, ‘Hita’ para os amigos/as, “durante o ano facemos clases de música para os nenos/as, teatro, monicreques, proxeccións de cinema, rutas de sendeirismo, actividades culturais como charlas, xornadas sobre o románico, etc”.

De todas as actividades que realizan, hai unha que ten repercusión alén de Carballedo e que atrae xente de toda Galicia, trátase da “Feira da carne ó caldeiro e produtos locais”. Ese evento comezou a súa andaina alá polo 2000 cando os veciños e veciñas decidiron exaltar a carne ao caldeiro para escorrentar o medo ás ‘vacas tolas’ e demostrar a confianza que tiñan na súa xente e o seu produto. O evento de exaltación gastronómica chegou a dispensar unhas 3000 racións nos últimos anos de celebración antes da pandemia.

 ‘FEIRA DA CARNE Ó CALDEIRO’

Por mor da pandemia, a celebración desta xuntanza gastronómica tívose que suspender tres anos, sendo o 2019 o último que se fixo. Este ano volve o 23 de abril, celebrando a súa XX edición, e nótase que a xente ten moitas ganas. “Nótase tamén nas ganas de axudar. Este ano ofrecéusenos moita xente de fóra da asociación para colaborar o día da feira”, dinos Hita.

Ademais do seu carácter popular desta feira gastronómica arredor dun produto local con moita sona a nivel de Galicia, resulta importante salientar que dende os seus inicios conserva a esencia, caracterizándose polo traballo comunitario e veciñal. Non se contrata nin paga a ninguén de fóra, nin empresa nin particulares. Todo o traballo que supón organizar unha feira deste estilo, con moitos e moitas comensais que chegan ese día para degustar a carne ao caldeiro nas carpas ou para levar as súas racións ás casas, faino a veciñanza, socias e socios e voluntarias e voluntarios de fóra que se ofrecen para botar unha man.

Carne cocendo nun caldeiro. Foto: Asoc. Veciñal O Bubaíño.
Xente comendo nas carpas. Foto: Asoc. Veciñal O Bubaíño.

Outra filosofía que se mantén é a aposta polo produto local, unha carne de primeira calidade que se colle na carnicería de Castro, e o cociñado a lume lento con leña de carballo.

Este 23 de abril, en Castro, degustarase carne cocida e a carne richada a un prezo de 9 euros a ración –medio quilo–, pero tamén haberá empanadas, viño –das adegas Calexotes e Sabatelius– e sobremesas.

Ademais da degustación de carne, outro atractivo é atopar 15 postos de produtos locais e artesanía da contorna. Do propio concello de Carballedo haberá un posto de Porco Celta, unha artesá de madeira e 3 apicutores.

Durante a xornada non faltará a música, a cargo do Grupo de Gaitas Fiadeiras, e da charanga Unión Phenosa; e ás 17:00 h. actuación para público familiar de Cé Orquestra Pantasma.

O encargado de dar o pregón este ano, ás 13:00 h., será Rubén Lois, licenciado en Xeografía e Historia pola USC, doutorado en Xeografía e catedrático de Análise Xeográfica Rexional tamén pola mesma universidade. Segundo nos di Hita, “contactamos con el porque cremos que é momento de falar de directrices a seguir para buscar o equilibrio entre a produtividade local e un turismo respectuoso coa paisaxe e coa xente”.

O catedrático de xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, Rubén Lois González | Fonte: USC

FINANCIAMENTO E PREVISIÓNS PARA ESTE ANO

No que respecta ao financiamento, Hita lembra que o primeiro ano só contaron coa axuda de Caixa Rural e quere agradecer que se manteña aí, apoiando, dende os comezos. Este ano, a feira conta con axuda económica de negocios locais, da Deputación de Lugo e do Concello de Carballedo.

A previsión de asistencia para este domingo 23 no Castro aínda non está pechada nin concretada. Hita dinos que a xente adoita apurar, espera ver o tempo e tarda en reservar. Dado que se repite esta dinámica ano tras ano, sempre arriscan un pouco; nesta ocasión contan con cocer 1500 quilos de carne. Os teléfonos para reservar son: 982 466351, 982 466166, 982 466271, 609847392 e 696989767

ÚLTIMAS

A A.V. do Saviñao pide aumentar as prazas de taxi

A Asociación Veciñal do Saviñao dirixiuse á Alcaldía do Saviñao coa finalidade de trasmitir...

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...