HomeEn profundidadeBras Rodrigo: “Para min Vilachá é sinónimo de familia e de festa"

Bras Rodrigo: “Para min Vilachá é sinónimo de familia e de festa”

Coñecemos ao pregoeiro da Feira do Viño de Vilachá deste ano, un gaiteiro asturiano de sona internacional que chegou a ser "Coordinador executivo para Europa do desfile de San Patricio de Nova Iork” entre os anos 2006 e 2017. Tamén vos descubrimos o nexo de unión coa Pobra do Brollón e Vilachá...

Publicado o

- Advertisement -

Vilachá de Salvadur, no Concello da Pobra do Brollón, convértese esta fin de semana na capital do viño da Ribeira Sacra para festexar a XXX edición do seu encontro vitivinícola nunha contorna de gran valor etnográfico polas súas adegas centenarias. As actividades comezaron este venres 5 de maio cunha cata itinerante comentada das adegas Tolo do Xisto e Adega Vella, dúas presentacións ás 20:00 h. –nova etiqueta de Val do Frade e o proxecto Adega Curuxo– e o concerto de Habelas Hainas ás 22:00 h.

Feira viño Vilachá / Concello A Pobra do Brollón

O sábado 6 ás 12:00 h. visitará a feira e o conxunto arquitectónico das adegas de Vilachá a portavoz nacional do BNG Ana Pontón e ás 12:30 h. haberá unha cata a cargo de Juanjo Figueroa e Xosé Gago.

No que se refire á oferta vinícola creáronse dous circuítos, un de colleiteiros e outro de adegas. Participan como colleiteiros as adegas de Couso, Morales, José Rodríguez López, Outeiro, Pedro, Os Conventos e Aridas As adegas con viñas na ribeira de Vilachá presentes son as seguintes:Tolo do Xisto, Bico de Lagar, Val do Frade, Adega Curuxo, Acivro, Adega Sernande e Adega Vella. A maiores, participa a adega Petrón, que compra uva en Vilachá, e a adega Malcavada, que chega como “convidada”.

Adegas centenarias en Vilachá / XMF

Durante todo o día haberá animación con música tradicional a cargo dos grupos Son do Mao, Dakidoasma, Os Parrandas, Foliada de Bosende, O Recanto, Estoupafoles, Skachakunchas e A Desfeita.

Para o domingo 7, os grupos que tomarán o relevo son: Corenta e Chinco, Os Galochas, D’Tazas, Comando Sandeiro e Brindeiras da Guimaralia. Ás 13:00 h. e despois da actuación das Brindeiras da Guimarala e da Escola Municipal de Música, terá lugar o pregón a cargo do gaiteiro asturiano Bras Rodrigo. Como remate da festa, ás 19:00 h. farase a cata-concurso do circuíto de colleiteiros e estará a aberta ao público.

Aproveitando a ocasión contactamos con Bras Rodrigo para coñecer o motivo da súa presenza en Vilachá e outros detalles ben interesantes da súa traxectoria como gaiteiro.

Un gaiteiro moi precoz, verdade?

Si, empecei a tocar a gaita con 5 anos, no 1983, e foi da man do meu avó materno José Prieto Álvarez. Daban clases ao lado da nosa casa e alá fun dicindo que quería tocar iso. O profesor fíxome probar e fixen que soara. A partir de aquí xa empecei.

“Empecei a tocar a gaita con 5 anos”

Anos despois tiveches un paréntese. Por que deixaches de tocar?

Deixei de tocar a gaita a raíz da morte de meu avó no 1986. El foi o que me mercou a primeira gaita, acompañábame a tocar… relacionaba tocar a gaita co meu avó e deixeino un tempo.

Cando volviches e que profesores tiveches?

Sobre o 1990 volvín tocar e recibín clases do mestre Xuacu Amieva. Antes tivera a Chema’l de la Carriona que me dera clases do 1983 ao 1986.

Tempo despois xa eras ti o mestre. Cóntanos.

No 1996 empecei a dar clases e no 1998 fundei a Banda de Gaitas de Corvera. Saquei a praza na Escola de Música e sigo aí de profesor e director da banda.

E deches clases alén das fronteiras asturianas…

Pois si, estiven dando clases en centros asturianos e españois de cidades como Bruxelas, Nova Iork, Santiago de Chile, Santo Domingo –República Dominicana–, Madrid, Barcelona…

Coa Banda de Gaitas de Corvera tamén estivemos en moitos lugares de Europa, Cabo Verde, Marrocos, Malasia, China, Corea do Sur, República Dominicana… e oito veces no desfile de San Patricio de Nova Iork…

Tamén creaches unha formación folk para despois tirar pola carreira en solitario…

Tiven un grupo folk que se chamou ‘Llume de Llar’ e durou uns 2 ou 3 anos. As complicacións de conciliar dos músicos fixo que desaparecerá no 2001. A partir do 2003 empecei a miña carreira en solitario sacando o meu primeiro disco en 2004 baixo o título de “Xermandía”. Seguindo coa discografía, no 2016 publiquei “A pause in New York” que foi un agradecemento aos irlandeses que nos acolleron tan ben sempre en Nova Iork. Tan ben me acolleron que me nomearon ‘Coordinador executivo para Europa do desfile de San Patricio’ entre os anos 2006 e 2017. “Christmas pipes” foi o terceiro traballo, un disco de panxoliñas cunha moi especial propia “Un año de felicidad” que se fixo viral. No 2020 edito “Remanecer” e agora estou gravando o quinto do que teño xa un single titulado “La flor del birobán”, unha lembranza a un conto que me contaba o meu avó sobre a eterna loita entre o ben e o mal. Aproveito tamén para comentar que coa Banda de Gaitas de Corvera temos dous discos e este ano sacamos o terceiro para celebrar o 25 Aniversario da banda.

“Tan ben me acolleron que me nomearon ‘Coordinador executivo para Europa do desfile de San Patricio’ entre os anos 2006 e 2017”

Seica tamén se che coñece por ser o creador dunha gaita led. Como é a cousa?

Foi unha innovación estética que lle quixen dar. Quixen xuntar a tradición da gaita coa modernidade das novas tecnoloxías. As luces led de diferentes cores acéndense ao son da música e dá a sensación de que o gaiteiro está tocando sobre unha raiola de luz. Nos concertos fago uso dela en 2 ou 3 temas.

Bras Rodrigo coa gaita Led. Foto: Elvira Palencia.

Que te une á Pobra do Brollón e a Vilachá?

O meu avó materno, José Prieto Álvarez, o menor de 6 irmáns, era de Vilachá. Emigrou a Asturias e foi levando aos irmáns, pero desde que teño uso de razón lembro que volvía dúas ou tres veces ao ano no seu Seat 127. Para min Vilachá é sinónimo de familia e de festa. A día de hoxe, en A Abelaira, ao outro lado do regato, están os meus tíos Luís e Rosa.

“Para min Vilachá é sinónimo de familia e de festa”

Como xurdiu o de ser pregoeiro?

No 2022 estiven na Feira do Viño e foi o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois, que coñece a miña traxectoria, quen me propuxo que fora o pregoeiro este ano.

Por onde vai ir ese pregón?

Falarei do que me une con Vilachá, de como un gaiteiro asturiano chega aquí, das tradicións que se conservan aquí como son a de facer viño e conservar as adegas… e como amante que son da cultura celta tamén falarei do pobo Guímaro.

Haberá música tamén?

Por suposto, a gaita sempre vai no maleteiro do coche.

ÚLTIMAS

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...

Proxección de “La violencia invisible” e coloquio este 23 de novembro en Quiroga

Aproveitando a conmemoración do 25N, “Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero”,...