HomeEn profundidadeAntom Fente: As sensacións son máis positivas que nunca para acabar cunha...

Antom Fente: As sensacións son máis positivas que nunca para acabar cunha política de desleixo desastrosa para Chantada

"Non nos fixamos un teito se non que seguimos mellorando día a día e levando a nosa proposta a cada recuncho para que o 28 de maio se enchan as urnas de papeletas de Por Chantada", asegura o cadidato de Por Chantada, Antom Fente.

Publicado o

- Advertisement -

Dous mandatos leva tendo presenza no pleno da corporación de Chantada, a formación política Por Chantada Interior Galego Vivo. No mitin que celebraron no campo da feira vello participaron máis de 250 persoas, “respirábase un ambiente cargado de ilusión e de alegría, de esperanza e de confianza que desta vez efectivamente é posible un cambio tras 12 anos de maiorías absolutas, de Manuel Varela e do PP”, asegura o candidato, Antom Fente, que confía en que a súa candidatura se faga co goberno de Chantada a partir do 28 de maio.

Como están sendo estes días de campaña, que ambiente se vive?

Moito traballo, días tensos. Nós levamos fancendo campaña nos últimos meses, se entendemos por campaña falar coa veciñanza, coñecer as súas problemáticas, percorrendo todos os lugares do concello. As sensacións son máis positivas que nunca, vemos unha vontade de cambio moi grande por unha maioría social, que esperamos que o 28 de maio se convirta nunha maioría social encabezada por Por Chantada.

Que é do que máis se queixa a xente?

Hai un clamor pola falta de regulación do tráfico, deficiencias na limpeza das rúas, falta de investimentos ambiciosos que marcaran a diferenza, por unha nula política de promoción turística. No ámbito rural temos unha carencia de servizos evidente con estruturas básicas que non existen como é o saneamento, as pistas do rural están desfeitas e arránxanse agora tarde mal e arrastro, no mes anterior ás eleccións. É un cúmulo de cousas que dá unha sensación de abandono que nos últimos 12 anos, pero sobre todo nos últimos catro anos, son o corolario a unha política de desleixo desastrosa para o concello de Chantada.

Moi satisfeitos con ese acto central de campaña que tivo lugar no campo da feira vello?

Había máis de 250 persoas, todas de Chantada. Noutros actos así vén xente doutras localidades que pertenecen a esas siglas, pero Por Chantada é un proxecto de Chantada. Ademais que somos de Interior Galego Vivo o que había alí era xente de Chantada e respirábase un ambiente cargado de ilusión e de alegría, de esperanza e de confianza que desta vez efectivamente é posible un cambio tras 12 anos de maiorías absolutas, de Manuel Varela e do PP.

Que quinielas tedes?

É un pouco difícil, segundo vai desenvolvéndose a campaña recibimos un apoio cada vez máis potente e estamos convencidos de que imos gañar estas eleccións, de que imos encabezar unha maioría alternativa ao PP e de que o próximo goberno, vai ser un goberno que lidere Por Chantada. Entón as sensacións están sendo moi boas e como dixemos ao comezo da campaña, non nos fixamos un teito se non que seguimos mellorando día a día e levando a nosa proposta a cada recuncho para que o 28 de maio énchanse as urnas de papeletas de Por Chantada.

Neste tempo na oposición que valoración facedes do equipo de goberno?

Foi un goberno déspota, no senso de que nunca apostou polo diálogo, propuxemos centos de alternativas, de cuestións que considerabamos esenciais para a mellora da calidade de vida e que nunca se tiñan en conta. Incluso ás veces aprobáronse propostas que nunca se executaron e durmían alí nun caixón sen pena nin gloria. Ese abandono, ese desleixo, esa falta de capacidade para liderar, para xestionar, para buscar investimentos, para bucar melloras, é un cúmulo de circunstancias que se retroalimentan.

Por Chantada mitin 2023 / Por Chantada

Nós desde a oposición, o que traballamos moito foi a defensa dos servizos públicos, opuxémonos a privatizacións como a do servizo do SAF, o tema de pediatría, as deficiencias na sanidade,… Onde a veciñanza requeríanos para que botasemos unha man, estivemos sempre escoitando, dialogando e defendendo as cuestión que a veciñanza considera esenciais. Moitas veces nun segundo plano, non buscando o protagonismo das siglas, se non buscando os resultados, que se puidesen mellorar servizos. Somos un partido conformado por veciñas e veciños, centrado en Chantada, un movemento cidadán, entón, a nosa ambición, que as 36 parroquias do concello e o concello en si melloren, porque como estamos dicindo, Chantada ten futuro.

A vida política de Antom comezou con Por Chantada?

A vida política de Antom comezou a través dos libros e das conversas con moita xente, da formación que fun facendo, sempre hai experiencias que te marcan e a raíz diso foise creando unha cosmovisión do mundo, como a que temos todos, e dándome conta de que se se quere cambiar a sociedade e mellorar, hai que facelo. Como dicía Celso Emilio Ferreiro nun poema, “Nunca virá de fóra remedio nin esperanza”, se nós nos facemos as cousas ninguén vai vir de Santiago, de Madrid ou de Bruxelas a solucionar os problemas. Se nós non lle poñemos cara á perda de servizos, á emigración da mocidade, ao abandono do rural, non o vai facer ninguén por nós.

Persoas cada vez máis incrédulas coa política, que opinas?

A xente está farta do que eu chamo a política do tenis, do ti máis, do ti fixeches, os teus roubaron, os teus aínda máis,… Unha política que non fala dos problemas da xente, se non que desvía a atención con cuestións baladíes e case de patio de colexio. Unha situación que o único que busca é tratar ao cidadán como se fose menor de idade, que non é capaz de tomar decisións por si mesmo e se ten que guiar por unhas disputas que pertencen máis ao campo da fe, que ao campo da razón e da lóxica que debería dominar a política.

Moitos partidos teñen problemas para conformar as listas, non dan chegado ao mínimo esixido por lei. A nosa lista vai ao máximo legal permitido, 23 persoas e poderiamos levar moita máis xente, a demostración tamén é un pouco ese mitin central, esa foto de familia. Chantada é outra cousa. Somos veciños que queremos que o concello progrese, iso é o que nos une, por riba de recetarios, de idearios e doutra serie de cuestións que levan enlodando moito a política nos últimos anos, que xogan coas persoas e non ofrecen solucións reais.

Que ofrecen de distinto os partidos dun Interior Galego Vivo?

Nas últimas décadas as provincias de Lugo e Ourense escolleron deputados do PSOE e do PP, deputados que teñen moi poucos incentivos para desenvolver un traballo de fideicomiso, de representación real da veciñanza; e acaban sendo brazos que levantan a man facendo o que lles ordenan desde a sede e que non están representando os intereses reais da veciñanza das súas provincias.

IGV busca poñer punto e final a iso e artellar unha rede cidadá que lle dea representación ao rural, que lle dea voz. As provincias de Lugo, Ourense e Zamora estamos á cabeza nos peores indicadores, na perda de poboación, en envellecemento, perda de servizos,…

Esperamos ter unha masa crítica na sociedade civil capaz de conformar un movemento cidadán amplo, plural, diverso, e con capacidade de incidir nas institucións e na sociedade no seu conxunto. Veremos se pola contra hai un proceso de degradación en múltiples planos que non permite artellar toda esa estrutura. Ao final dependerá dos pasos que se dean nun contexto moi adverso para o compromiso político.

Cales son as principais bazas que leva Por Chantada no seu programa?

É un conxunto, nós falamos dun programa que non é para catro anos, é para ir executando ao longo dunha década con cuestión moi ambiciosas que requerirían de fondos europeos e financiación externa e con outras cuestións que non requerirían grandes alegrías no investimento, pero si un taballo rigoroso e constante, preocupación por tasladar as arelas que ten a cidadanía a realidades. Podemos destacar a preocupación por dotar dunhas infraestruturas básicas ao medio rural, conseguir unha nova depuradora, que haxa prazas suficientes para as crianzas e se fomente a conciliación,… Todo sumado pode construír ese futuro mellor que desexamos para o noso concello e de paso para o interior galego.

Que lle di Por Chantada á veciñanza para este domingo?

Mandaría unha mensaxe de esperanza, ilusión, tranquilidade, de non deixarse levar pola calumnia, polo medo, pola mentira. Estes días estanse contando moitas cousas que non son certas, estase difamando, tentando manchar a nosa alternativa, incluso diluila nun maremagnum de opcións por descoñecer a nosa intención depois do 28, e nós nese sentido somo moi claros. Queremos construír unha maioría alternativa, liderar esa maioría alternativa e dotar ao noso concello de melloras que redunden na calidade de vida da veciñanza. Entón o 28 de maio con moita ilusión e esperanza pedimos que se vote Por Chantada.

Antom Fente / Por Chantada

ÚLTIMAS

O monfortino David Rodríguez estará na presentación do filme ‘As Neves’ en Monforte

A longametraxe As Neves, ópera prima escrita e dirixida por Sonia Méndez, chega por fin ás...

O 7 de xullo celébrase a I Festa Interxeracional Concello de Chantada

A Festa terá lugar o 7 de xullo no pavillón do colexio Eloisa Rivadulla....

Martín Alemparte, anterior xerente do GDR Ribeira Sacra-Courel, toma posesión como director da AGACAL

O acto desenvolveuse no complexo administrativo de San Caetano. Durante a celebración a conselleira...

Luisa Villalta segundo Olga Novo, este 31 de maio en Quiroga

A relatora será a profesora, escritora e tradutora da Pobra do Brollón, Olga Novo;...