InicioEn profundidade'Dosouto', camiño dos dez anos facendo exquisitas marmeladas

‘Dosouto’, camiño dos dez anos facendo exquisitas marmeladas

Coñecemos a traxectoria deste proxecto emprendedor de Paradela que elabora de xeito artesanal conservas de castaña e outros froitos. Falamos con Milagros López, a súa fundadora.

Publicado o

- Advertisement -

Milagros López é unha Enxeñeira Técnico Agrícola que alá polo ano 2013 decidiu emprender montando un obrador de produtos de castaña e marmeladas de elaboración artesanal en Paradela.

A falta de expectativas laborais fíxolle recoller castañas nos soutos familiares, e de aquí pasou a valorar a posibilidade da súa transformación. Púxose mans á obra e comezou a elaborar produtos de castaña en conserva e marmeladas a partir de diferentes froitos, liña de traballo que mantén ata hoxe e que lle funciona comercialmente. Aínda que ten diferentes canles de comercialización quédase co “satisfactorio que é a venda directa ao consumidor final”, recoñecendo que a fai feliz ver que hai clientes que a buscan nas feiras porque lles gustaron os seus produtos cando os mercaron nunha ocasión anterior.

Pasados dez anos da súa existencia, Dosouto segue adiante coa mesma ilusión que o primeiro día por darlle pracer aos nosos padais grazas ás súas deliciosas marmeladas e derivados da castaña.

Falamos con esta emprendedora de Paradela para coñecer a súa traxectoria e novos proxectos.

Cando e como xorde a idea de iniciar este proxecto de elaboración artesanal de marmeladas?


A idea comeza a aparecer no outono de 2012, comezando a materializarse no ano 2013 e iniciando a actividade profesionalmente a finais de 2014. En outono de 2012, atopábame sen traballo, logo de experiencias laborais de curta duración e sen perspectiva de futuro. Entón decidín volver recoller as castañas nos soutos familiares que había anos se deixaran de recoller. Na miña casa había soutos de castiñeiros que antigamente se recollían para alimentar o gando, para consumo propio e para a venda a intermediarios. Estas deixáranse de recoller a raíz de que a explotación gandeira fora medrando e xa non había tempo para dedicar á recollida da castaña. Inicialmente recollín a castaña para a venda a intermediarios, pero nas longas xornadas de recollida polos soutos da ribeira sen contacto coa civilización na miña cabeza comezou a xurdir a idea de facer algo máis coa castaña, non só recollela para a venda a intermediarios, senón para facer algún produto co cal darlle maior valor á castaña.

Soutos. Foto Milagros López.
Obrador. Foto: Milagros López.

Pensaches na transformación do produto…

A min sempre me gustou facer conservas, dende moi nena eu era quen facía na casa a salsa de tomate cos tomates da horta que maduraban de máis, para logo usala durante todo o ano. Por iso roldou na miña cabeza a idea de crear un obrador para facer produtos de castaña en conserva e marmeladas.
No 2013 comezaron as obras do que é actualmente o obrador, tíñamos unha antiga palleira na miña casa familiar, un local de pedra que estaba sendo usado a modo de trasteiro e que empezaba a necesitar algún arranxo de tellado e portas. Pareceume o lugar ideal para ubicar o obrador.

“Dende moi nena eu era quen facía na casa a salsa de tomate”

Unha vez rematadas as obras e equipado o local, a finais do 2014 comecei coa elaboración de 3 produtos a base de castaña para logo, por petición da clientela e por ampliar variedade, ir introducindo marmeladas de diversos froitos. E así comezou a andaina de Dosouto.

Que peso ten nas elaboracións a castaña como materia prima?

Como xa comentei teño 2 liñas de produción, os produtos a base de castaña que na actualidade son 4: “Crema de castañas”, “Crema de castañas al chocolate”, “Confitura de castaña y manzana” e “Castañas en almíbar” e outras marmeladas de : moras silvestres, cabaza, cereixa, kiwi, arandos, laranxa, fresa e framboesa. Nos produtos de castaña esta é o ingrediente principal (máis do 50%).

Produtos que comercializa Dosouto. Foto cedida.

Abastecédesvos de soutos de Paradela e contorna ou tamén doutras zonas de Galicia?

Abastecémonos dos nosos propios soutos e cando esta materia prima non é suficiente o que fago é mercar castaña que ten que estar inscrita na “IXP Castaña de Galicia”, posto que os produtos de castaña están amparados por esta Indicación Xeográfica Protexida.

Como é o tratamento que lle dás dende que se recolle ata que a transformades?

As castañas son recollidas, logo seleccionadas e tratadas para finalmente conservar nunha cámara frigorífica durante 3 ou 4 meses durante os cales elaboro os produtos de castaña. A castaña que merco xa vén pelada e conxelada para así axilizar o proceso de elaboración.

Que outros froitos estás traballando na actualidade para elaborar marmeladas?

Os froitos que traballo a parte da castaña, son as moras silvestres, cabaza, cereixas, kiwi, framboesa, laranxa, fresa e arandos. Algúns son de recolección silvestre, como as moras; outros de cultivo propio, como a cabaza; e outros comprados a produtores de proximidade na medida do posible.

“Os froitos que traballo a parte da castaña, son as moras silvestres, cabaza, cereixas, kiwi, framboesa, laranxa, fresa e arandos”

Cales son as máis demandadas actualmente?

Actualmente, no referente a castaña, elaboro 4 produtos diferentes: “Crema de Castaña”, “Crema de castaña al chocolate”, “Confitura de castaña y manzana” e “Castañas en almíbar”. Entre eles o máis demandado é a ‘Crema de castañas’, seguido da ‘Confitura de castaña e mazá’ que vén ganándolle terreo á crema de castaña sobre todo na época do verán, posto que é unha crema máis suave e fresca para esta época. A crema de castaña gusta moito para acompañar con queixo, con queixos como o do Cebreiro ou para a elaboración doutras sobremesas (flan, recheo de bizcoitos e crepes, etc).

En canto ás marmeladas, as máis demandadas sempre son as de froitos roxos, digamos moras, arandos, cereixa, framboesa e fresa pero en realidade é unha cuestión de gustos, como digo eu “para gustos marmeladas”.

Algún novo produto no que esteas pensando para sacar unha nova marmelada?

Acabo de sacar ao mercado a “marmelada extra de fresa” que ata o de agora non facía, posto que me parecía que xa era un sabor tan típico, que ten calquera marca de marmeladas. Non me animaba a facela, pero a xente que coñece as miñas marmeladas sempre me animaba a que a fixera e moitos clientes solicitábana tanto en feiras como en tendas.

“Acabo de sacar ao mercado a “marmelada extra de fresa” que ata o de agora non facía, posto que me parecía que xa era un sabor tan típico, que ten calquera marca de marmeladas”

Aparte deste novo sabor si teño cousas en mente pero non de agora, xa de hai tempo… pero de momento creo que me vou quedar cos sabores comentados. Teño un neno pequeno e quero desfrutalo, logo cando xa non me necesite tanto terei tempo de argallar novos sabores.

Que canles de venda empregas para a comercialización?

As canles de venta son tendas gourmet e de produtos artesanais, tenda online na nosa web, venda en feiras e mercados de alimentación e artesanía e venda directa a clientes que xa coñecen o noso produto e nos chaman para que lle lo enviemos.

Milagros López na Feira do Viño de Sober (2023) / XMF

Algunha anécdota que che quedara marcada no día a día da túa actividade?

Pois nestes anos de actividade case seguro que hai moitas cousas que contar, pero agora mesmo así como anécdota non recordo… o que si, boto a vista atrás e doume conta do pouco que coñecía a parte comercial do negocio cando empecei e o moito que levo aprendido neste tempo.

Tamén me quedo co satisfactorio que é a venda directa ao consumidor final, cando ti vas a unha feira ou mercado un ano tras outro e a xente xa te busca para comprar o teu produto porque o comprou outro ano nesa feira ou noutra feira, ou nunha tenda, gústalle e repite. Esa é a mellor parte do meu traballo, faime sentir moi a gusto co que fago.

Chámame tamén moito a atención cando os nenos se achegan a probar, explícaslles de que se trata e como está feito, gústalles o produto e vanlle pedir aos seus pais que llo merquen. Vexo que teñen gusto polos alimentos sans, de proximidade e elaborados artesanalmente. Dá a sensación de que iso é cousa dos adultos pero non, eles son o futuro e vexo que van por bo camiño nisto da alimentación.

“Tamén me quedo co satisfactorio que é a venda directa ao consumidor final, cando ti vas a unha feira ou mercado un ano tras outro e a xente xa te busca para comprar o teu produto”

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....