HomeEn profundidadeArmaior, máis de dez anos dedicados á artesanía en madeira de oliveira

Armaior, máis de dez anos dedicados á artesanía en madeira de oliveira

O pasado ano cumpriuse unha década tras o cambio de enfoque que lle deu esta empresa quiroguesa ao negocio familiar de carpintería. Na actualidade, consolidada no sector da Artesanía de Galicia, é un referente na elaboración de obxectos decorativos e utensilios de cociña con madeira de oliveira.

Publicado o

- Advertisement -

No ano 2012 nacía “Artesanía Armaior”, un negocio que resultou da evolución ou reinvención dun negocio anterior centrado na carpintería. Os irmáns Pablo e Barucho deixaron o oficio de restauradores de mobles e de carpinteiros para a construción pasando a elaborar elementos decorativos e utensilios de cociña en madeira de oliveira.

A nova aventura, que supoñía entrar no mundo da artesanía, o labor comercial de Ana, a creatividade de Pablo no obradoiro, e o soporte do seu irmán Barucho na loxística, foron dando os seus froitos estes anos ata consolidar a marca como un referente no mercado.

Achegámonos á Toca, na parroquia de Campos de Vila, Concello de Quiroga, e collemos a Pablo Rodríguez rematando a súa xornada de traballo no obradoiro de Armaior.

Letreiro do obrdoiro de Artesanía Armaior / XMF

Xa logo remata o verán, época de moito traballo e saídas a feiras de artesanía importantes, pero non se pode baixar a garda nin hai tempo para facer vacacións. De feito, pillamos a Pablo con bastante apuro porque estaba preparando o material que levará o vindeiro domingo, 10 de setembro, á prestixiosa feira de artesanía de Allariz, Arte de Man.

Cando lle preguntamos como está indo o ano, o artesán quirogués dinos que “moi ben, que non se pode queixar”, e engade, “tiñamos algo de medo a subir prezos pero non nos arrepentimos. As pezas únicas e exclusivas son as que máis se viron afectadas”. Neste senso argumenta que subiu todo, a materia prima, os gastos de envío, a luz, os combustibles… “o metro cúbico de táboa de oliveira serrada pasou de 6000 euros a 7000”, comenta.

Pablo Rodríguez traballando / XMF

MATERIA PRIMA

Artesanía Armaior caracterízase por empregar como materia prima a madeira de oliveira exclusivamente, un factor que pon en valor e diferenza os seus produtos no mercado. Esta madeira, segundo sabemos, obtense da Ribeira Sacra nun 20% e o resto vén de fóra, na súa maioría de Aragón e Tarragona. “A que nos funciona moi ben é a da conca do Ebro porque ten un moi bo secado e non fai fendas”, comenta Pablo.

As variedades máis aprezadas desa zona son a “Farga Milenaria”, da que se obteñen toros grandes que serven para elaborar as pezas máis grandes e vistosas, e a “Empeltre” que vén de Zaragoza.

Na Ribeira Sacra manteñen contacto con algún provedor e obteñen algunha madeira, pero menos cantidade.

Táboas cortadas aínda sen rematar / XMF
Táboas secas, preparadas para lixar e barnizar cun aceite especial / XMF

CANLES DE VENDA

No que respecta á forma de comercializar os obxectos decorativos e utensilios de cociña que elaboran, as feiras seguen a ter un peso importante mais nestes últimos tempos abríronse a outras opcións de venda.

Comenta o noso entrevistado que este ano estiveron en feiras de artesanía moi importantes de Galicia como a da Golada, Outeiro de Rei, Mostrart en Coruña e a máis recente en Quiroga a finais de agosto. Aínda así, están reducindo a súa presenza nestes mercados porque se abriron a ser provedores de tendas especializadas e a potenciar a venda na súa tenda física e online.

A venda por internet está aumentando e servir os seus produtos a tendas tamén lles está funcionando moi ben. Actualmente traballan con algunhas de Barcelona, de Madrid, Euskadi, e de Galicia, contando neste último caso con 2 en Santiago e unha en Coruña.

Preguntamos a Pablo que tal van as visitas á tenda que teñen no baixo da súa propia casa e dinos que ben, “non é que chegue moita xente pero os que veñen mercan moito”. A xente que chega faino por formar parte de itinerarios turísticos que hai na Ribeira Sacra, con visitas a obradoiros artesáns como é o caso de Armaior, ou por iniciativa propia que poden chegar con cita previa ou de xeito imprevisto.

Obradoiro de Artesanía Armaior / XMF

ÚLTIMAS

Quiroga Trail Challenge: máis de 400 participantes inscritos no primeiro mes

O QTC25 comeza a súa particular conta atrás anticipando, por parte da organización, o...

72 persoas con contrato laboral grazas ao Programa Integrado de Emprego do Concello de Chantada

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Chantada 23/24, financiado pola Consellería de...

O BNG urxe ao Goberno do PP o arranxo íntegro da LU-651

Iago Suárez lamentou o voto en contra do PP a unha iniciativa que solicitaba...

Teatro para público infantil este 13 de setembro no Multiusos de Monforte

O Concello de Monforte continúa co seu ciclo de teatro correspondente ó segundo trimestre...