InicioEn profundidade“Case todo o que pisamos na montaña é comestible ou medicinal”, Carolina...

“Case todo o que pisamos na montaña é comestible ou medicinal”, Carolina Martínez, divulgadora de plantas silvestres

De Barcelona a Torbeo para reencontrarse coa súa nenez e comezar unha nova vida no rural, en contacto coa natureza e aproveitando o potencial das plantas que poboan os nosos montes.

Publicado o

POR
xmf
- Advertisement -

Carolina Martínez González naceu en Barcelona, é neta de emigrantes galegos e hai 9 anos deixou a cidade condal para volver ás súas orixes, ás súas raíces e vivir na casa dos seus tataravós. Volveu, como ela mesma recoñece, “ao lugar onde pasei os mellores veráns e as maiores aprendizaxes da miña nenez”.

Afincada agora en Torbeo, aldea do Concello de Ribas de Sil, e en contacto directo co medio natural, dedícase a afondar no coñecemento de plantas silvestres comestibles e medicinais e a ensinar o proceso de elaboración de produtos naturais a partir delas. Recoñece que hai un auxe dos produtos naturais e xustifícao dicindo que “a xente dáse conta aos poucos que estamos expostos a moitos tóxicos e isto vese reflectido na nosa saúde. Un pode facer os seus produtos naturais con plantas investindo pouco diñeiro, dunha forma saudable e totalmente personalizados”.

Falamos con “Carol”, nome co que a coñecen as súas amizades máis próximas.

Como e cando chegas a Ribas de Sil?

Desde moi pequeniña dicíalle á miña avoa que de maior viría vivir a Galicia. En agosto de 2014, estabamos a facer churrasco na casa e decidín que era o momento de facer o cambio. Fun a Barcelona, deixei o piso onde vivía, deixei o traballo, fixen a mudanza e en 10 días estaba na miña casa en Torbeo. Foi o inverno máis duro dos últimos 9 anos, pero ensinoume a ser forte, volvinme moi galega en 3 meses.

“Fun a Barcelona, deixei o piso onde vivía, deixei o traballo, fixen a mudanza e en 10 días estaba na miña casa en Torbeo”

Contenta de dar o paso e vivir no rural? Vantaxes e inconvenientes?

Si. Neste momento non cambio a miña vida na aldea por nada. As vantaxes son a calidade de vida, poder cultivar os teus propios alimentos, a natureza que nos rodea, os ríos, a fauna salvaxe, todas as marabillas que esconde o rural galego. Como inconveniente podería remarcar o abandono que se sofre nestas zonas respecto aos servizos e as comunicacións. Está a facerse moito traballo nos concellos para incentivar o turismo pero non se lle dá a importancia ás necesidades reais dos que vivimos aquí. Para vivir na aldea é imprescindible ter coche. Teño 42 anos pero moitas veces pregúntome… como farei dentro de 30? Vexo e vivo o abandono das aldeas, moitos mozos e mozas que non nacemos na aldea queremos vivilas agora pero atopámonos con moitas dificultades para poder mercar casas, aínda que sexan para arranxar, poder adquirir leiras para traballalas ou a oportunidade de xestionar os montes comunais dunha forma que nos beneficie a todos podendo aproveitar os recursos da montaña dunha forma respectable e mantendo o noso monte de frondosas e bosque autóctono.

Está a facerse moito traballo nos concellos para incentivar o turismo pero non se lle dá a importancia ás necesidades reais dos que vivimos aquí

Fálanos do teu proxecto Malas Hierbas.

Vivín dous anos na Cubela onde, xunto co meu compañeiro de vida, abrimos unha asociación cultural sen ánimo de lucro onde organizabamos talleres que nos ensinasen a aproveitar os recursos que nos ofrece a montaña. Aí coñecín a Clara Gutiérrez, a miña mestra de plantas, que nos deu un coñecemento de plantas silvestres comestibles e medicinais que nin nos meus mellores pensamentos puidese imaxinar. Empecei a observar que vivimos nun verxel medicinal incrible. Case todo o que pisamos na montaña, é comestible ou medicinal. As “Malas Herbas” que a xente arrinca nas leiras ou nas hortas, son un alimento extraordinario, son a nosa caixa de primeiros auxilios necesaria. Plantas con moitísimos máis nutrientes e vitaminas que as cousas que cultivamos na horta. Cando aprendemos a introducir estas plantas na nosa cociña, todo cambia. Cambian as nosas dixestións, a nosa saúde, cambia ata o noso humor! (ri).

Plantas silvestres escollidas para algunha elaboración. Foto: Malas Hierbas.

Realmente a natureza regálanos todo o que necesitamos para vivir, regálanos o material para construír, para combater o frío, a auga que necesitamos, o noso alimento e a nosa medicina. Malas Hierbas é unha homenaxe a todas elas, unha maneira de darlles o lugar de importancia que un día tiveron e aos poucos foron perdendo. Hoxe estamos aquí para axudalas a recuperar o lugar que se merecen.

“As Malas Herbas que a xente arrinca nas leiras ou nas hortas, son un alimento extraordinario, son a nosa caixa de primeiros auxilios necesaria”

A venda de produtos ecolóxicos e naturais está repuntando. Cal cres que é o motivo?

O uso de produtos naturais está en auxe. A xente dáse conta aos poucos que estamos expostos a moitos tóxicos e isto vese reflectido na nosa saúde. Un pode facer os seus produtos naturais con plantas investindo pouco diñeiro, dunha forma saudable e totalmente personalizados.

Elaboracións. Foto: Malas Hierbas.

Como lle dás saída aos teus coñecementos sobre plantas silvestres e produtos derivados?

A min gústame ensinar á xente a que elabore os seus propios produtos e se non poden por falta de tempo ou porque se atopan na cidade, onde acceder ás plantas é máis complicado, elabórollos. Teño un pequeno grupo en telegram que se empezou a formar coa xente que me coñecía nas feiras e aos poucos creouse unha familia onde compartimos información relacionada cunha vida máis saudable.

O vindeiro 9 de decembro organizas un obradoiro para elaborar xabóns naturais. Cóntanos detalles da actividade.

A idea dos talleres é poder compartir estes coñecementos. O día 9 de decembro imos aprender a elaborar xabóns de distintas maneiras, en quente e en frío, facer xabón de limpeza con aceite usado como o que facían as nosas avoas, como extraer pigmentos das plantas e alimentos para dar cor aos nosos xabóns…

Onde será e como facer para apuntarse?

En Torbeo e para anotarse a xente interesada pode chamar ao teléfono 641713728.

Seguro que tes máis talleres en mente para facer. Pódesnos adiantar algo?

Na primavera empezaremos a organizar talleres de plantas silvestres comestibles, de plantas para a muller, como elaborar remedios naturais segundo as tradicións galegas e unha infinidade de xornadas que nos axudan a recuperar ese coñecemento que houbo, hai e haberá na nosa terra, Galicia máxica.

Elaboracións cosméticas. Foto: Malas Hierbas.

ÚLTIMAS

Jonas Vingegaard, gañador da segunda etapa de ‘O Gran Camiño’

Corredores de once dos mellores equipos internacionais, con figuras como Jonas Vingegaard, Egán Bernal,...

Velada literaria con Pedro Feijoo este 24 de febreiro no restaurante Trespés de Monforte

O escritor charlará sobre a súa última novela "Ninguén contará a verdade" que recibiu...

Avánzase na supresión dos pasos a nivel de Río Seco e Juan Montes en Monforte

Dende a Dirección General de Planificación y Evaluación de la Red Ferroviaria convocouse ós...

A Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra vai collendo corpo, non hai marcha atrás

A Agrupación de Empresas da Ribeira Sacra vén de celebrar a primera reunión do...