HomeEn profundidade“O meu agasallo favorito foi unha máquina de coser”, Sonia Argiz, emprendedora

“O meu agasallo favorito foi unha máquina de coser”, Sonia Argiz, emprendedora

Coñecemos a esta artesá que vive nunha aldea de Taboada facendo o que máis lle gusta, traballar o coiro para elaborar accesorios e complementos de alta calidade. A súa marca é Mimacuir.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Sonia Argiz Río é unha galega afincada en Castelo, no Concello de Taboada, lugar onde chegou con 20 anos procedente do País Vasco nunha viaxe de retorno da emigración cos seus pais, aínda que estes fixaron a súa residencia en Monterroso.

Sabemos, tras conversar con ela, que dende pequena lle gustaban moito as manualidades e sobre todo a costura, lembrando con ledicia que o seu mellor agasallo foi unha máquina de coser. O que comezaba a ser unha afección para ela veulle en parte pola súa nai, pois seica se lle dá moi ben e vía como traballaba dende que era unha cativa.

Sonia conta tamén que ese momento de dar un paso adiante chegoulle a raíz de ver un anuncio de curtidos en internet. Mercou uns retais e fixo algúns obxectos con eles. Despois, apuntouse a un curso en Taboada e o seguinte foi xa investigar pola súa conta en internet para perfeccionar a técnica. Isto foi arredor do 2016, dinos, ano a partir do cal colle velocidade a súa paixón polo oficio, sobre todo a partir do Covid.

No 2022 obtén a ‘Carta de Artesá de Galicia’, e dende aquela “a tope” e “moi contenta” de como vai Mimacuir, a súa marca e proxecto profesional.

Aquí a entrevista que lle fixemos.

Dende cando a túa afección polo mundo do deseño e a confección?

Sempre me gustou o deseño pero por circunstancias non cheguei a estudiar.

Como te fuches, e vas formando, logo?

A partir dalgún curso a miña formación é maioritariamente autodidacta. Paixón, horas e ‘proba-erro’.

Momentos importantes da túa traxectoria para encamiñarte como artesá do coiro?

Fixen un curso de iniciación ao coiro cando tiña unha zapatería, gustoume tanto o do coiro que me puxen a experimentar e fixen unha pequena colección de bolsos. Eses bolsos púxenos a venda na miña tenda e vendéronse moi ben, dende esas xa foi cando pensei en dedicarme de forma profesional ao coiro.

No 2022 obtivo a ‘Carta de Artesá de Galicia’

Por que Mimacuir?

O logo nace porque o meu afillado sempre me chamou mima e gustoume como sonaba composto con cuir.

O Coiro é a materia prima principal nas túas creacións ou combínala con outras?

Si, aínda que estou facendo probas con outros materiais combinando co coiro.

Traballo totalmente artesanal, entendemos?

Si, totalmente artesanal. Os patróns, por exemplo, fágoos todos a man.

Obradoiro de Sonia. Foto cedida.

Cres que aínda ten detractores/as hoxe en día este material? Dinos as bondades do mesmo?

Si, para min é un material reciclado xa que se non se traballara o coiro iría para os vertedoiros, ademais eu só traballo con coiro de curtido vexetal.

Onde te inspiras para os teus deseños?

Pois no día a día, en formas, natureza…

Que variedade de complementos e accesorios ofrece hoxe en día Mimacuir?

Bolsos, cintos, carteiras e bixutería como pendentes, colares e pulseiras.

Pendentes de Mimacuir.
Colgante de Mimacuir.

Cales son os obxectos que máis e mellor vendes?

Por mencionar dous, o bolso “Bico” e outro que bauticei como “Casper” funcionan moi ben. E tamén unha carteira, esta aínda sen bautizar (ri).

Modelo co bolso ‘Bico’. foto: Mimacuir.
Bolso Casper. Foto: Mimacuir.

Que canles de venda empregas para darlle saída aos teus produtos?

Tenda online, feiras de artesanía e o verán tamén cun colectivo de artesáns en Santiago de Compostela. Polo de agora o que máis me funciona son as feiras.

Carteira. Foto: Mimacuir.

Estás contenta de como che vai, en xeral?

Pois si, moi contenta. Canto máis traballo vexo que aprendo e motívome máis. E tamén anima que á xente lle guste o que fas.

ÚLTIMAS

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...

O Xeoparque programa unha actividade que inclúe sendeirismo, visitas guiadas e degustacións gastronómicas

Este sábado 23 de novembro está programada a terceira actividade do 'Ciclo Outono Xeolóxico'...

Comezan as obras para rematar o paseo fluvial entre a Ponte Nova e a Gardaría Municipal de Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este mércores un novo proxecto de...

Co remate do tramo Monforte-Ourense, Renfe recupera o Alvia Lugo-Madrid sen transbordos

Ata ese momento, a compañía prestou este servizo por estrada entre Ourense e Lugo...