O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación da memoria histórica que lembra un tráxico suceso acontecido no lugar de Repil, en Cereixa, Concello da Pobra do Brollón. Tal día coma ese, no 1949, a Garda Civil arrodeaba a coñecida como ‘Casa dos Guerrilleiros’ –en Repil– disparando aos guerrilleiros e detendo á familia propietaria da casa que facía as veces de refuxio dun destacamento guerrilleiro antifranquista.
Dende o 2016, ese lugar pasou a ser protagonista dun proxecto de recuperación da memoria histórica para educar para a paz e a convivencia. As intervencións arqueolóxicas realizadas foron promovidas pola Asociación de Veciños María Castaña de Cereixa e o Concello da Pobra do Brollón.
A poucas horas do evento deste ano, dinos Xurxo Ayán, arqueólogo activista e membro da organización, “organizamos a V Xornada Guerrilleira, eu creo nun momento máis necesario ca nunca con este ascenso do revisionismo, negacionismo e neofascismo na nosa Terra”.
En relación ao programa de actividades da V Xornada Guerrilleira, Ayán explícanos que a xornada será “moi completa” e que contará con “artistas audiovisuais, poetas, arqueólogas, antropólogas, historiadores, e cun programa duplo; pola mañá na Casa da Memoria de Xullán, no Concello de Bóveda, dirixido polos responsables da Memoria É Náufraga, e pola tarde con charlas na Casa da Cultura Olga Novo do Concello da Pobra do Brollón”.
Referíndose ao remate da xornada engade tamén que “como colofón visitaremos a casa-cuartel da Garda Civil da Pobra do Brollón, construída despois da derrota da guerrilla e que grazas ao seu actual propietario, Tedy, faremos unha visita guiada ata a arquitectura monumental, unha sorte de ocupación simbólica para pechar o círculo historiográfico e unha maneira simbólica de rememorar o combate do 20 de abril de 1949 en Repil”.
V XORNADA GUERRILLEIRA
A programación do día 20 pola mañá, como adiantaba Xurxo Ayán, trasladarase á Casa da Memoria de Xullán, en Bóveda. Alí haberá un recital poético de Olga novo, “Historia dunha améndoa”, de 10:30 a 11:00 h. A continuación, Santiago Macías, historiador berciano, falará do periplo de Fermín Gutiérrez, guerrillerio sobrevivinte do combate de Repil. “Contaremos co seu afillado que está axudando moito na documentación sobre o tema con moita documentación”, comenta Xurxo.
Entre as 12:00 e as 13:00 h. haberá dúas charlas e unha presentación literaria. As charlas serán, unha delas sobre cartas persoais, familiares e amorosas na guerrilla franquista, a cargo de Mario Bueno Aguado (Universidad Carlos III de Madrid); e outra sobre o proxecto HELP (Barrancos, Alentejo 1936 / Universidade NOVA de Lisboa). No que respecta á presentación literaria, Paco Macías presentará tres libros guerrilleiros.
Como final da sesión matinal, ás 13:00 h. haberá un aperitivo musical coa formación ‘Os tres de San Lourenzo’ e o pase do videoclip de “Os Derradeiros”, –ambientado no proxecto de Repil– de Iago Seoane. E ás 14:00 h. xantar no Fogón, de Cereixa.
Pola tarde os actos terán lugar na Casa da Cultura Olga Novo, no Concello da Pobra do Brollón. Alí, entre as 17:00 e as 19:30 h., diferentes investigadores e investigadoras chegados das universidades de Salamanca, Girona, a Complutense e Bologna, ofrecerán as seguintes charlas:
17:00-17:30 h. “Unha ollada coparativa entre a guerrilla do noroesteibérico e a loita partisana italiana”, a cargo de Carlos Tejerizo (Universidade de Salamanca).
17:30-18:00 h. “Arqueología de la Resistencia en el Piamonte”. Imparte Maríanna Bucchioni (Università de Bologna).
18:00-18:30 h. “Arqueología del Cinturónde Hierro de Bilbao 1936-1937)”. Relatora, Tania González Cantera (Universitat de Girona).
18:30-19:00 h. “José Lino Vaamonde: el arquitecto gallego que ayudóa salvar el Museo del Prado”. A cargo de Agnee Giannini (Universidad Complutense).
19:00-19:30 h. “La memoria del fascismo italiano en la Serranía de Guadalajara”. Imparte, Rodrigo Paulos Bravo (Universidad Complutense).
Como remate da xornada, ás 19:45 h. está programada unha visita guiada á casa-cuartel da Garda Civil da Pobra do Brollón, visita que detallou antes Xurxo Ayán.