HomeEn profundidade"A historia non está escrita nos manuais, senón en pergamiños moi antigos",...

“A historia non está escrita nos manuais, senón en pergamiños moi antigos”, Sandra Piñeiro, investigadora

Interesante entrevista a esta historiadora de Pantón, especializada en "Paleografía", ciencia que estuda as escrituras antigas para descifralas e coñecer a súa evolución no tempo.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Na colaboración deste mes, a asociación Segredos de Pantón entrevista a Sandra Piñeiro Pedreira, unha moza natural de Goián que estudou primaria no CEIP Monte Baliño e secundaria + bacharelato no IES A Pinguela. Logo cursou o grao de “Historia” na Universidade de Santiago de Compostela e o mestrado “Documentos y Libros. Archivos y Bibliotecas” na Universidade de Sevilla.

Na actualidade, Sandra está realizando unha tese de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela.

Para comezar unha serie de preguntas rápidas

Profesión?

Actualmente estou realizando unha tese de doutoramento sobre a cultura escrita nos mosteiros cistercienses da diocese de Lugo –entre eles, o mosteiro de Ferreira de Pantón– durante os séculos XII-XIII.  

Campo de especialización?

Paleografía, que é o estudo da escritura e a súa evolución no tempo.  

Como descubriu a súa vocación?

O meu interese pola historia comezou na adolescencia, cando a comecei a estudar da man da mestra Flora. Logo decidín realizar o grao de Historia en Santiago de Compostela e alí tiven a sorte de cursar a materia: “Introdución ao Estudo da Cultura Escrita”, impartida pola miña outra gran mestra, Ana. Grazas a ela descubrín que a historia non está escrita nos manuais, senón en pergamiños moi antigos, nos que se empregan distintos tipos de escritura, cuxo estudo pódenos aportar moita máis información que o propio texto. Entón, decidín formarme nesta área –Ciencias e Técnicas Historiográficas– para nun futuro dedicarme á investigación.

Igrexa favorita? E mosteiro?

O meu mosteiro favorito, que ten unha igrexa románica única, é o de Ferreira de Pantón. De feito, o seu estudo motivou en parte a miña tese de doutoramento. Logo, no concello veciño, paréceme unha auténtica xoia a igrexa románica de Santo Estevo de Ribas de Miño, que no pasado foi igrexa monacal e agora ten un uso parroquial.

Cando fai turismo repara no patrimonio eclesiástico?

Esa pregunta respóndena mellor os meus familiares e amigos! Cando viaxo dedico unha boa parte do tempo a visitar o patrimonio eclesiástico dese lugar. O resto do tempo dedícollo aos museos. Deformación profesional!

ENTRANDO XA A FONDO NA ENTREVISTA

Que importancia tiñan os documentos nos cenobios? A posteriori, podían servir para asuntos xudiciais ou doutra índole?

A produción, uso e conservación da documentación nos mosteiros era fundamental para o seu correcto funcionamento. A documentación servía para acreditar as propiedades terreais dos mosteiros, que logo explotaban por medio de distintas figuras xurídicas, como por exemplo os contratos de foro –que tamén precisaban escriturar–, tan frecuentes na Idade Media. Por iso, as comunidades monásticas gardaron con gran celo os seus documentos, para demostrar a posesión das súas terras en caso de litixio; para garantir o cumprimento deste tipo de contratos agrarios; e, nos últimos tempos, para facer memoria da historia destas casas. 

Cando falamos de documentación na Idade Media, damos por suposto o papel e a tinta, coma se fose ir ao súper. Mais daquela, como conseguían estes materiais? Que empregaban?

Na Alta e Plena Idade Media, o soporte gráfico por excelencia era o pergamiño. Un material bastante resistente, ao par que custoso, pois obtíñase das peles dos animais que criaban as comunidades monásticas, fundamentalmente becerros, carneiros e cabras. O papel, pola contra, non chegou –-procedente de China-– a Occidente ata o século XIII e nos mosteiros da Ribeira Sacra non se empregou ata finais da Idade Media, non antes do século XV.

“Na Alta e Plena Idade Media, o soporte gráfico por excelencia era o pergamiño”

En canto ás tintas, a súa composición variou moito duns mosteiros a outros. O tipo de tinta máis usado na Idade Media foi a tinta ferrogálica, formada por: taninos vexetais, extraídos sobre todo da chamada “noz das agallas”; un sal metálico, que adoitaba ser o sulfato de ferro; e un aglutinante, xeralmente a goma arábiga. Pero, non todos os cenobios tiñan os mesmos recursos para conseguir estes produtos, substituíndoos por outros similares que puidesen conseguir na contorna.

O certo é que producir documentos, pero tamén confeccionar libros e gravar inscricións, era moi custoso, polo que as comunidades sempre trataron de reducir custos, autoabastecéndose ou recorrendo ao comercio de proximidade.

A documentación monástica a día de hoxe está ben conservada? Cal é o seu estado de forma xeral?

A documentación monástica de época medieval chegou ata os nosos días moi mermada e maltratada polo paso do tempo. Mil anos non os resiste calquera! En todo este tempo, os propios mosteiros foron facendo expurgo daqueles documentos que xa non servían; que xa perderan o seu valor xurídico. A iso sumóuselle a desamortización do século XIX, que provocou a extinción dos mosteiros e dos seus arquivos, e con ilo a fragmentación, dispersión e, en moitos casos, perda dos fondos. Non obstante, os que resistiron a todos estes embistes do tempo encóntranse moi ben custodiados, a maioría no Arquivo Histórico Nacional de Madrid, e outros moitos en arquivos provinciais e catedralicios.

“A documentación monástica de época medieval chegou ata os nosos días moi mermada e maltratada polo paso do tempo”

Dende o seu punto de vista é correcto hoxe en día empregar o termo de Ribeira Sacra para referirse a un territorio?

O termo Ribeira Sacra, empregado para referirse a un territorio tan extenso como son as ribeiras do Sil e do Miño, é unha construción historiográfica. Aparece por primeira vez nun documento –que resultou ser un falso histórico, non diplomático– do século XII no que a raíña Teresa de Portugal doa aos monxes de Montederramo un lugar chamado “Rovoyra Sacrata” para que edifiquen un novo mosteiro. Pasa o tempo, e nos séculos XVII-XVIII, varios eruditos estudan o diploma e identifican este lugar coas ribeiras do Sil e do Miño, ribeiras sagradas, aínda poboadas de moitos cenobios. Pero, estes estudosos realizan unha mala lectura paleográfica, confundindo o vocábulo latino “Roboira” con “Riboira” = “Ribeira”, en vez de “Roboira” = “Robledal”. Os robles, é dicir, os carballos eran árbores sagradas no pasado. Polo tanto, o que a raíña lles doa aos monxes de Montederramo é unha carballeira, non as ribeiras do Sil e do Miño. Quen lles dera un territorio tan extenso…!

En definitiva, este termo non ten fundamento histórico, senón historiográfico, maila que algo de sagrado tiveron que ter estas ribeiras, pois no medievo albergaron medio centenar de cenobios. Entón, debe empregarse de forma consciente, marcando moi ben as súas limitacións, e sen esquecer outros topónimos de maior recorrido histórico.

estes estudosos realizan unha mala lectura paleográfica, confundindo o vocábulo latino “Roboira” con “Riboira” = “Ribeira”, en vez de “Roboira” = “Robledal”

Estudando a documentación do mosteiro de Ferreira, destacaría algunha época máis prolífica? E algunha curiosidade?

Na actualidade, a maior parte dos pergamiños conservados proceden da Baixa Idade Media. Para os primeiros séculos de vida monástica só se conserva unha quincena de exemplares. Polo tanto, resulta moi arriscado valorar a riqueza documental destes primeiros tempos. Sen embargo, é unha sorte que todo este patrimonio documental se conserve, e ademais no seu lugar de custodia orixinal. A diferencia doutros mosteiros, que foron desamortizados e a súa documentación foi traslada a distintas institucións de titularidade pública e privada, os pergamiños máis antigos de Ferreira de Pantón permaneceron no propio centro monástico. Unha excepcionalidade que lle debemos á monxa arquiveira de principios do século XIX, pois escondeu todos os títulos de propiedade antes da chegada das tropas napoleónicas e evitou o seu espolio. O mesmo aconteceu cando chegaron as autoridades desamortizadoras, que non atoparon os pergamiños. E así permaneceron agochados –e esquecidos– ata finais do século XX, cando Fr. Damián Yáñez Neira, monxe e arquiveiro da abadía de Oseira, visitou o mosteiro e nun dos armarios do arquivo, no dobre fondo dun caixón, atopou máis de douscentos pergamiños. Grazas a astucia da monxa arquiveira conserváronse todos estes documentos e hoxe en día podémolos consultar no seu depósito orixinal, sen ter que desprazarnos a Lugo ou a Madrid. 

Mosteiro de Ferreira. Foto: Sandra Piñeiro.

Pola contorna de Pantón e da Comarca de Lemos houbo moitos mosteiros, dos actuais e desaparecidos, cales pensa que tiveron máis poder? Algún desaparecido que no seu tempo tivera moita importancia?

Durante o medievo, as ribeiras do Sil e do Miño estiveron poboadas por medio cento de mosteiros. Sen embargo, co paso do tempo, moitos desapareceron e outros foron desamortizados. Por iso, o mosteiro de Ferreira de Pantón é un dos poucos que conserva vida relixiosa. Pero, isto debeuse máis ao apego que lle tiñan ás súas “freiras” que pola súa importancia económica. En cambio, os grandes mosteiros da Ribeira Sacra, aqueles que acadaron máis poder, hoxe en día están extintos. Estou pensando, especialmente, nos mosteiros ourensáns de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín) e Montederramo (Montederramo). Logo, nas comarcas de Lemos e de Chantada, merecen mención os mosteiros de San Vicente do Pino (Monforte de Lemos), San Vicente de Pombeiro (Pantón), San Paio de Diamondi (O Saviñao) e San Salvador de Asma (Chantada). Na actualidade, só conservamos parte da súa fábrica monástica, que en todos os casos é excepcional, mostra da súa riqueza terreal e espiritual.

Santo Estevo de Ribas de Sil. Foto: Sandra Piñeiro.

“Durante o medievo, as ribeiras do Sil e do Miño estiveron poboadas por medio cento de mosteiros”

ÚLTIMAS

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...

O Xeoparque programa unha actividade que inclúe sendeirismo, visitas guiadas e degustacións gastronómicas

Este sábado 23 de novembro está programada a terceira actividade do 'Ciclo Outono Xeolóxico'...

Comezan as obras para rematar o paseo fluvial entre a Ponte Nova e a Gardaría Municipal de Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este mércores un novo proxecto de...

Co remate do tramo Monforte-Ourense, Renfe recupera o Alvia Lugo-Madrid sen transbordos

Ata ese momento, a compañía prestou este servizo por estrada entre Ourense e Lugo...