HomeEn profundidade"Dedícome á viticultura porque me gusta esta terra e gústame vivir aquí",...

“Dedícome á viticultura porque me gusta esta terra e gústame vivir aquí”, David Vázquez, viticultor

No contexto de crise de excedentes de viño tinto na D.O. Ribeira Sacra, Segredos de Pantón entrevista a un viticultor de Pantón, un máis dos afectados que non van poder vender a colleita ou parte dela nesta campaña.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

David Vázquez é un viticultor do Concello de Pantón que conta na actualidade con 4 hectáreas, cultivando maioritariamente mencía (95%) e garnacha (5%). Comenta que tamén fai branco, concretamente godello, pero só para a casa. As súas viñas están na ribeira do Cabe, en Santiago de Cangas, Acedre, Frontón e Espasantes.

Cóntenos, David, como foi que decidiu ser viticultor?

Tomara a decisión de dedicarme profesionalmente á viticultura ao xubilarse a miña avoa e collín a súa explotación. Deste xeito, incorporeime á actividade agraria no 2019, cunha subvención de “Incorporación á actividade agraria” onde che dan 25.000 euros, en diferentes anualidades, co compromiso de ter unha explotación rendible e estar dado de alta na agraria durante alo menos os vindeiros 5 anos.

“Tomara a decisión de dedicarme profesionalmente á viticultura ao xubilarse a miña avoa e collín a súa explotación”

Trala xubilación da miña avoa que tiña 1 hectárea, collinlla e aos poucos fun collendo fincas de veciños que antigamente tiñan plantadas viñas, logo aos poucos fun plantando. En 2020 plantei primeiro 1 hectárea e máis tarde no 2022 plantei novamente 0,5 hectáreas. Tódalas parcelas que fun collendo de veciños e aquelas que fun plantando eran todos predios de antigos viñedos que quedaran a monte, polo que aos poucos fun recuperando antigos bacelos da miña contorna.

Pensa que dedicarse ao mundo da viticultura é rendible?

A día de hoxe eu dedícome a viticultura porque me gusta esta terra e gústame vivir aquí, porque senón deixaría este sector, onde cada vez temos máis trabas e problemas. Hai uns anos cando formalizaron o cambio de normativa de que xa non podían axudar os familiares nas vendimas, foi un golpe bastante duro dado que estes axudábannos a aliviar unha época na que os viticultores temos moito traballo e andamos moi estresados. Literalmente xogámonos o traballo de todo o ano nunhas poucas semanas. Desta forma, esta mudanza lexislativa foi unha traba máis. Igualmente entendemos que con estes cambios o único que vemos é que por parte da administración tan só están para poñernos paus nas rodas.

Outra das casuísticas propias a nosa D.O. que complica a produción de uva é que tende a fomentarse o sistema produtivo castelán, de moita produción e non valor engadido. Así a maioría dos prezos que perciben os viticultores son de 1,2 euros/kg (prezo posto na adega). É un prezo moi baixo tendo en conta que a maioría de adegas estiman que o prezo das uvas que eles producen custan entorno a 2,5-3 euros.

“Outra das casuísticas propias a nosa D.O. que complica a produción de uva é que tende a fomentarse o sistema produtivo castelán, de moita produción e non valor engadido”

Este ano estase a falar, e así sae reflexado en moitos medios de comunicación, de que moitas uvas quedarán sen recoller. Que acontece nesta campaña? Cal é o problema?

O problema que se está a dar de forma flagrante non nace nesta campaña, é unha cuestión que xa vén de atrás.

A cuestión xa xorde de fai anos e amosa un problema de fondo. De forma global o consumo de viño tinto está a verse moi afectado e cada vez se consume menos, fronte a outro tipo de viños, coma os brancos, ou outras bebidas alcólicas ou sen selas. Na pasada vendima as adegas xa amosaron certas restricións á hora da compra de uvas.

A comezos do presente ano, a adega Regina Viarum, mandou unha carta para a realización da poda en verde co propósito de obter maior grao alcólico (12º-12,5º) nos bagos. E deste xeito collería o 80% do cupo, sempre e cando a uva fora perfecta.

Nesta vendima, penso que moita xente que quedará sen poder vender as uvas aos seus compradores habituais irán para particulares para facer viño para a casa. Neste último caso estimo que haberá sobreoferta.

Para paliar esta reconversión forzada que estamos a vivir dende a nosa Denominación de Orixe, penso que poderían terse tomado medidas correctoras pero terían que ter sido fai tempo, non agora con présas. Deste xeito podería terse optado por podas en verde subvencionadas. Esta casuística é empregada noutras D.O. do territorio español. Ou unha posible destilación de crise, o que significa destinar a uva á fabricación de alcol para uso non alimentario. Neste caso, houbo dúas problemáticas pois o noso consello regulador actuou tarde, e cando se tentou actuar as adegas que teñen que levalo a cabo querían importes máis elevados, fronte aos que se lle ofrecían.

Viñedos de David. Foto cedida.

No seu caso particular como lle vai afectar?

Eu acostumo a ter rendementos moi elevados e con moi boa calidade. Estou nunha situación de incerteza total, sen saber a quen podería venderlle ou se poderei tan sequera vendela. En anos anteriores, acostumaba a vender a totalidade da miña produción á Reitoral de Amandi, así o levabamos 20 anos facendo.

Vista a situación que estamos a vivir, terei que reducir 1,5 hectáreas dos meus viñedos, tentando aforrar custos e procurando mellorar a rendibilidade dos viñedos cos que quedarei.

“Estou nunha situación de incerteza total, sen saber a quen podería venderlle ou se poderei tan sequera vendela”

Como ve o futuro da Denominación de Orixe Ribeira Sacra ou cara onde estima que  debería de ir?

Eu persoalmente opino que esta denominación debería de ir encamiñada a producir viños con carácter, non viños novos, que foi o que pretendeu elaborarse aquí. Temos moitas cepas vellas e temos moitas zonas específicas a nivel edafolóxico, dando así o que se denominan terroirs diferentes. Polo tanto, non sería demasiado optar por facer caldos en barricas, con variedades propias da zona ou mesmo viños diferentes, coma ben poderían ser viños brancos con uva mencía. Se facendo as cousas coma sempre non atopamos solucións, deberemos tentar facer as cousas de xeitos diferentes, a ver que sae de aí.

Outra pata importante da D.O. Ribeira Sacra é a promoción. Penso que neste ámbito sería importante darlle unha volta no sentido máis literal, procurando maior número de públicos obxectivos e tentando facer campañas e produtos máis atractivos para unha maioría da poboación.

A nosa contorna é especial, mesmo penso que en certa medida deberían de apoiar economicamente o traballo que fan os viticultores e a xente que traballa e mantén a ribeira viva. Posto que, sendo realistas, sen tódolos viticultores, gandeiros e outras persoas vencelladas ao espazo natural da “Ribeira Sacra”, que tanto venden e da que tanto fan propaganda as institucións, sen os primeiros non poderían vendelo coma un paraíso interior. En certo modo, deberían de apoialo de forma económica, coma fan nas Illas Canarias cos viticultores que preservan os seus viñedos tan característicos e que tanto chaman a atención. A caso os turistas virían aquí a ver tódalas ribeiras cheas de silvas e fentos? E non cando en outono veñen a ver a famosísima e fermosísima caída da folla, entón un pouco de lóxica.

“A caso os turistas virían aquí a ver tódalas ribeiras cheas de silvas e fentos?”

ÚLTIMAS

O Xeoparque programa unha actividade que inclúe sendeirismo, visitas guiadas e degustacións gastronómicas

Este sábado 23 de novembro está programada a terceira actividade do 'Ciclo Outono Xeolóxico'...

Comezan as obras para rematar o paseo fluvial entre a Ponte Nova e a Gardaría Municipal de Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este mércores un novo proxecto de...

Co remate do tramo Monforte-Ourense, Renfe recupera o Alvia Lugo-Madrid sen transbordos

Ata ese momento, a compañía prestou este servizo por estrada entre Ourense e Lugo...

Coordinación entre concellos para mellorar a recollida de residuos

Tras varias xornadas de traballo, nos diferentes concellos adoptaranse medidas conxuntas para dar resposta...