HomeEn profundidade‘Mister Drum’: un concurso de bateristas único en Galicia

‘Mister Drum’: un concurso de bateristas único en Galicia

O certame, organizado pola Asociación Cultural Musical ‘Luis Nieves’ de Monforte, celebrou este 15 de setembro a súa segunda edición con participantes chegados de diferentes puntos da xeografía galega.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Luis Nieves foi un percusionista monfortino que viu truncada a súa proxección musical por mor dunha doenza cardíaca no 2019, cando contaba con tan só 22 anos.

Para manter viva a súa lembranza, e como homenaxe á súa paixón pola música, a súa nai, Rosa Nieves, creou a Asociación Cultural Musical ‘Luis Nieves’, entidade que organiza concertos benéficos, concede unha beca musical e dende hai dous anos convoca un concurso de bateristas coñecido como “Mister Drum”.  

II MISTER DRUM

O concurso de bateristas que organiza a entidade que preside Rosa Nieves tivo lugar este pasado domingo, 15 de setembro, no salón de actos do Centro do Viño da Ribeira Sacra congregando a moitos participantes e público.

Trátase, segundo nos di Rosa, dun concurso con gran poder de atracción por “ser único en Galicia” e “ter o aliciente dos premios”. Tanto é así que ata Monforte chegaron, entre outros, músicos de cidades e vilas como Vigo, Ferrol, Cambados ou Silleda.

O certame diferencia tres categorías: xuvenil, infantil e adultos; e outórganse tres premios por cada unha delas. Así, o primeiro concursante recibe 300 €, o segundo 150, e o terceiro 75. A maiores, este ano deuse unha mochila conmemorativa aos que quedaron no 4º posto.

Salón de Actos do Centro do Viño da Ribeira Sacra durante o concurso. Foto: XMF
PREMIADOS/AS

Categoría xuvenil:

1º Isidoro Baúlo, de Cambados.

2º Xián Pena, de Vigo.

3º Manuel Vilariño, de Silleda.

4º Andrés López, do Saviñao.

Categoría infantil:

1º Angel Ariel Echevarry, de Monforte.

2º Pablo Varela, de Ferrol.

3º Sergio Blanco, de Vigo.

4º Irea González, de Monforte.

Adultos:

Esta categoría quedou deserta este ano.

MEMBROS DO XURADO

O xurado desta edición, estivo composto polas seguintes persoas: Rosa Nieves, mestre de música, Presidenta da Asociación convocante e tamén do xurado; José Luis ‘Pistón’, mestre de percusión no Conservatorio de Música de Monforte e batería da banda Doc Magoo’s; Sara Somoza, pianista e cantante; David González Borja, baterista profesional e gañador do pasado ano na categoría de baterista adulto; e Edit Nieves, grado elemental de piano e profesora de artes gráficas e deseño.

As conclusións deste grupo de avaliadores, segundo nos traslada Rosa Nieves, é que este ano houbo moito nivel e “foi especialmente difícil a decisión na categoría xuvenil onde tivemos moitas dúbidas entre o primeiro e o segundo”.

DESENVOLVEMENTO DO CONCURSO

O concurso comezaba este domingo 15 de setembro no salón de actos do Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte ás 10:00 h. e remataba ás 13:00 h. tendo cada participante dous temas para interpretar. Temas de elección libre. “Pedímoslles que trouxeran dous temas escollidos por eles e con 6 minutos de tempo máximo para interpretalos”, di Rosa.

Como detalles importantes tamén cómpre sinalar que a batería básica poñíaa a organización pero despois cada baterista concursante podía poñerlle ou quitarlle o que desexara para axeitala ao seu gusto e necesidade.

Os temas interpretados foron basicamente de estilo Rock Metal.

IV BECA MUSICAL ‘LUIS NIEVES’

Ao comezo do concurso a Asociación Cultural Musical ‘Luis Nieves’ aproveitou para entregar a súa IV Beca Musical, unha bolsa de estudios que concede a entidade para contribuír a que ningún rapaz e rapaza deixe de realizar estudos musicais por falta de medios económicos.

Este ano presentáronse 6 solicitudes e a gañadora foi Valentina Brown, unha rapaza inglesa afincada en Monforte que, en palabras de Rosa Nieves, “canta e toca a guitarra estando dotada dunha moi boa voz”. Esta rapaza terá pagadas as cotas de setembro ata fin de curso na academia ICreativa de Monforte.

ÚLTIMAS

Actividades para celebrar en familia no Verán Cultural de Chantada

Do 2 de xullo e ata o 30 de agosto, o Concello de Chantada,...

Adrián González, novo voceiro do PP de Quiroga

Adrián González, de 32 anos e vinculado ao deporte, agradece a confianza dos compañeiros...

Iniciativas de Esperta Monforte no pleno deste luns

Esperta Monforte presenta ao pleno unha moción para incrementar a partida de subvencións de...

Daveiga, ‘Premio Galicia Alimentación 2025’

O Clúster Alimentario de Galicia outorgoulle á empresa chantadina Daveiga Producción Responsable, moi coñecida...