HomeEn profundidade“Hai xente que en dous anos xa veu catro veces”, Cristina Rodríguez...

“Hai xente que en dous anos xa veu catro veces”, Cristina Rodríguez de Solpor Camperpark

Cando decidiu montar unha área de autocaravanas na parroquia de Bolmente, en Sober, moita xente díxolle a Cristina que estaba tola. Non fixo caso e tirou para adiante con moito traballo e un envexable entusiasmo demostrando que os soños fanse realidade. O seu proxecto Leader 23-24 foi premiado o pasado ano na categoría de turismo nos XV Premios ao Desenvolvemento Rural-AGADER.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Cristina Rodríguez é unha emprendedora que puxo a funcionar en 2022 Solpor Camperpark na parroquia de Bolmente, no Concello de Sober, coa axuda de Noelia e Ana. Trátase dunha área de autocaravanas, caravanas e camper situada nun lugar con encanto, Pacios, en pleno rural.

En dous anos que leva funcionando pódese dicir que está a superar todas as expectativas, chegando a ter o pasado verán 180 persoas aloxadas nel. Moita xente díxolle que estaba tola cando souberon do proxecto que lle pasaba pola cabeza. “O primeiro foi o meu pai”, di Cristina ao tempo que recoñece estar sorprendida por como está funcionando.

A súa familia é de Sober, o pai de Santiorxo e a nai de Bolmente, e ela filla da emigración, pois naceu en Bélxica. En calquera caso, ao pouco tempo os seus pais retornaron para residir en Monforte onde viviu ata os 20 anos, idade na que marchou a Vigo. Actualmente fai vida entre Vigo e Sober.

Cristina, Noelia e Ana. Foto cedida por Cristina.
Cristina Rodríguez cun fondo espectacular do canón do Sil. Foto: Cristina.

Falamos con ela para coñecer máis detalles desta aventura.

Como naceu a idea de montar Solpor Camperpark?

En Vigo falando do tema con compañeiros de traballo do meu home que son autocaravanistas. Convencéronme de que na Ribeira Sacra había necesidade deste tipo de negocio. Vin a posibilidade e o tema foise cocendo dende o 2020-2021. No 2021 empecei a movelo e abrino no 2022.

“Convencéronme de que na Ribeira Sacra había necesidade deste tipo de negocio”

Foi doado conseguir os terreos?

Empecei con terreos dos meus avós e despois merquei outros lindantes ata chegar aos metros requiridos, tendo na actualidade 1 hectárea.

Con que prestacións e servizos contades?

Cando me metín nisto pensei, ‘de facelo, facelo ben’. Xa tiña a idea de abrilo todo o ano e para iso había que acondicionalo ben. Temos piscina, baños moi ben acondicionados e amplos, unha churrasqueira, lavandería, servizo de panadería, un hórreo-biblioteca, colchonetas, un chiringuito e un espazo común moi xeitoso que bautizamos como ‘A Palleira’.

Hórreo-Biblioteca. Foto: Solpor Camperpark.

Que capacidade ten e como son os accesos?

Temos capacidade para 55 caravanas e chégase ben. Case mellor polas sinais que temos nós que polo GPS (risas). Vindo por Sober é moi doado.

O do nome Solpor xa nos imaxinamos…

Si, porque dende alí podemos gozar dun solpor impresionante. E os campistas preguntan moito que quere dicir ese nome, gústalles.

De onde vos están chegando clientes?

De Galicia, pero moitos tamén do resto do estado… de Cataluña, do País Vasco, incluso de Canarias… e tamén de Europa.

“O trato familiar gusta moito, tanto é así que houbo xente que xa veu 4 veces en 2 anos”

Cristina facendo unha queimada. Foto cedida por ela.

Que vedes que é o que máis valoran da vosa área de autocaravanas?

Encántalles a paisaxe, valoran que hai moitas rutas, a tranquilidade e todo o que facemos por eles. Xa nos chaman a ‘Familia Solpor’. O trato familiar gusta moito, tanto é así que houbo xente que xa veu 4 veces en 2 anos.

Foi doado dalo a coñecer para arrincar?

Solpor está funcionando moi ben en pouco tempo e a xente fala moi ben de nós, pero eu estoulle dando moita publicidade. Estouno movendo moito e dándoo a coñecer por toda España e por Europa.

Facemos moitas actividades durante o ano e funcionan moi ben como reclamo. Por poñer un exemplo, o Samaín funcionou moi ben no 2024 e para este 2025 xa temos reservas. En breve teremos a celebración do Entroido e xa pensando tamén na Feira do Viño de Sober, Semana Santa, San Xoán, a Noite Meiga e o verán en xeral. Se estades pendentes das nosas redes iredes vendo a programación, con actividades para todos e pensando repetir o ciclo de concertos que tan ben nos funcionou o verán pasado.

“o Samaín funcionou moi ben no 2024 e para este 2025 xa temos reservas”

Respecto do Entroido. Cóntanos que estades argallando?

Xunto con José Manuel, da Casa Rural As Alburiñas, e outra xente do pobo, dende hai dous anos estamos recuperando o entroido tradicional de Bolmente. Falando coa xente maior, que nos foron explicando moitas cousas, recuperamos as figuras tradicionais dos Carraboleiros, as Señoritas e os Maragatos.

O 2 de marzo celebraremos o domingo de entroido con pasarrúas e sesión vermú pola mañá, un gran cocido popular ás 14:00 h. e un concurso de disfraces ás 17:00 h. no Corno do Boi. Como fin de festa, a partir das 18:30 h. música, baile e queimada.

Comprobamos que dende Solpor axudades a dinamizar o rural. Que tal coa veciñanza?

Os veciños de Bolmente xa están acostumados ao turista porque temos 5 casas de turismo rural. A xente que vén a Solpor tamén é moi respectuosa e non hai problemas. En xeral fomos moi ben recibidos dende o principio.

Todo este traballo, ademais da recompensa emocional, tivo un premio. Cóntanos.

Pois si, o noso proxecto (Leader 23-24) foi premiado na categoría de turismo nos XV Premios ao Desenvolvemento Rural-AGADER. Non o esperaba para nada. O Concello de Sober animoume a presentar o proxecto, viñeron incluso gravar e tal pero non esperaba nin chegar á final. E si, cheguei xunto coa Aldea do Mazo do Courel e ao final déronme o premio.

José Manuel Arias, Pte GDR Ribeira Sacra, Mª José Gómez, Conselleira de Medio Rural, e Cristina Rodríguez, de Solpor Camperpark. XV Premios ao Desenvolvemento Rural-AGADER. Foto: Prensa Xunta de Galicia.

“O Concello de Sober animoume a presentar o proxecto”

Algunha anécdota curiosa?

Pois cóntoche unha. O ano pasado no verán veu unha familia de Cataluña. Tiñan que quedar 3 días e ao final quedaron 5 antes de proseguir o seu camiño previsto… e aos 8 días volven por aquí dicindo que lle gustara moito este lugar e que querían mercar unha casa. E si, viron unha que lles gustaba e acabaron mercándoa.

Cristina, xerente de Solpor Camperpark. Foto cedida.

ÚLTIMAS

Xornada medio ambiental no CEIP Rosalía de Castro de Bóveda

A actividade comezou cunha saída ata o Río Mao ao seu paso pola localidade...

466.000€ para mellorar a estrada provincial na Pobra do Bollón que une Vilachá e A Estación por Rozabales

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un novo investimento...

A Pobra do Brollón vive con entusiasmo o ‘Xoves de Compadres’

O Concurso de Compadres 2025 no Concello da Pobra do Brollón tivo bastante participación,...

Aberto o prazo para inscribirse na XV Carreira Popular de Monforte que se celebra o 27 de abril

O concello de Monforte vén de abrir o prazo para inscribirse na “XV Carreira...