Os catro museos da Rede Museística Provincial –Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Pazo de Tor e Fortaleza de San Paio de Narla– acollerán do 12 ao 18 de maio máis dunha ducia iniciativas que, partindo das coleccións e dos valores patrimoniais dos diferentes museos, poñen en valor a diversidade, a creatividade e o diálogo intercultural.
A programación pon o foco na mocidade con actividades como as I Xornadas de rol e xogos de mesa –os días 10 e 11 de maio na Fortaleza de San Paio de Narla–, o obradoiro Robótica e arte moza, con Enrique Peñalver, –o 18 de maio no Museo Provincial de Lugo– ou o certame “Xunventude en acción: A noite é nosa” que convoca a compartir a través de Instagram creacións inspiradas nos museos provinciais.
A deputada de Cultura Iria Castro participou este pasado xoves na presentación das actividades, onde destacou “a diversidade de colectivos e persoas que participan na programación recollendo os froitos do traballo en rede que se realiza desde os museos” e valorou “que se apele de forma especial á mocidade, asumindo o reto de facer dos museos espazos máis atractivos e máis próximos para a rapazada”.

PROGRAMA DO DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS
Estratexias de Museoloxía Social: Comunidades en cambio
Un espazo de conversa e reflexión sobre diversidade e diálogo intercultural. Será todos os martes.
Presentación do Omeka da Rede Museística
16 de maio. A Rede de Museos lanza unha nova plataforma dixital baseada en Omeka, ferramenta libre e aberta para divulgar o patrimonio cultural. O proxecto inaugúrase coa exposición en liña “Cousas de Alén do Mar en Tor”, e seguirán novas coleccións dos museos da rede.
Xuventude de/en Lugo
Espazo para a creatividade, o xogo e a expresión cultural!
I Xornadas de rol e xogos de mesa
10 e 11 de maio na Fortaleza de San Paio de Narla.
Teatro no Pazo de Tor polo Día das Letras Galegas
O 17 de maio ás 19:00 h. representación do grupo de teatro do CEIP A Gándara.
Obradoiro “Robótica e arte moza” . Enrique Peñalver
18 de maio das 10:00 ás 13:00 h. no Museo Provincial de Lugo.
Entrega do Premio “Cousas do Retorno. Ser Migrante”
18 de maio ás 12:30 no Museo Provincial de Lugo.
Xuventude en acción: A noite é nosa. Belén Linares
Búscase a interactividade e participación. Convídase con esta iniciativa a compartir en Instagram as creacións que realice a rapazada inspiradas nos museos da rede museística e no lema do Día Internacional dos Museos 2025: “O futuro dos museos en comunidades en constante cambio”. Poderanse compartir vídeos, textos, fotos… do 12 ao 18 de maio. Para participar é imprescindible ser maior de idade e menor de 30.
Indicacións de participación: Etiquetar na publicación, e enviar o enlace ao correo seguinte: comunidadermpl@gmail.com Entre todas as persoas participantes sortearase (20 de maio en Instagram) unha fin de semana na Ribeira Sacra.
Cousas Nosas: Cultura e tradicións
Encontro de saberes sobre o futuro dos museos en comunidades en cambio. Ás 11:00 horas no Museo Provincial de Lugo.
Inauguración da exposición “Adiante”
16 de maio ás 12:00 h. no Museo Provincial de Lugo.
Encontro con Alba Díaz Geada: “Mudar en común: Galiza 1959-1982”
16 de maio ás 17:30 horas no Museo Provincial do Mar de San Cibrao.
Obradoiros sobre cultura e historia, en colaboración con Caetra Lucensium
17 e 18 de maio de 11:00 a 14:00 h. no Museo Provincial de Lugo.
Aldeáns: Pasarela de traxes tradicionais. Ano Castelao 2025
18 de maio – Dous pases, 18:00 e 19:00 h. na Fortaleza de San Paio de Narla. Servizo de autobús desde Lugo (saída ás 17h desde Cruz Vermella na Avda. Madrid; regreso ás 20h).
O 18 de maio, Día Internacional dos Museos, haberá un agasallo para todas as persoas que visiten os museos da rede.
DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS
O Día Internacional dos Museos, promovido internacionalmente polo ICOM (Consello Internacional dos Museos), celébrase este ano baixo o lema “O futuro dos museos en comunidades e constante cambio”. Un epígrafe que convida á reflexión sobre catro piares fundamentais: a necesidade dos museos de adaptarse aso cambios, evolucionando coas mudanzas sociais, tecnolóxicas e ambientais que nos afectan no día a día; fomentar a inclusión de xeito que todas as persas se sintan representadas e protagonistas da cultural; actuaren como motores de transformación xerando conciencia e impulsando accións positivas na sociedade e, finalmente, traballar en colaboración cos colectivos sociais para empoderar ás comunidades.