HomeEn profundidade“Antes pechamos que non cumprir coa nosa palabra”, Katy de 'MK Limpieza...

“Antes pechamos que non cumprir coa nosa palabra”, Katy de ‘MK Limpieza y Orden’

Coñecemos esta empresa de multiservizos do sur de Lugo, establecida en Quiroga e Monforte, que axuda á xente a limpar e poñer orde nos espazos físicos das súas vidas. “Un espazo limpo e ordenado mantén o teu corpo e a túa mente sanos”, é un dos seus principios.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Ao fronte de MK, Limpieza y Orden, están Miguel e Katy, dous emprendedores de Monforte e Quiroga respectivamente. Levan pouco máis dun ano de traxectoria con este negocio e están contentos en como está arrincando pola gran demanda que teñen dos seus servizos.

Partindo dos servizos básicos que ofrecen, limpeza e ordenación de espazos, tamén realizan diferentes traballos de mantemento, reparacións, pequenas reformas e mudanzas.

Falamos con Katy para coñecer máis ao detalle a actividade de MK.

Como vos xurdiu a idea de empezar?

Tiñamos experiencia no sector e decidímonos a traballar pola nosa conta. No meu caso, ademais, sempre me gustou especialmente a organización de espazos.

Ademais da limpeza, remarcades o tema da orde nos vosos servizos. A que vos referides?

A organizar espazos, ordenar de forma eficiente as casas e outros lugares que o necesiten.

Ponnos algún exemplo de traballo deste tipo.

Nun hotel, por exemplo, ordenar ben o almacén e os espazos de cada planta. A limpeza é importante, pero facilita moito as cousas que haxa orde. Ou nunha cociña doméstica, ter cada cousa no seu sitio e tirar moitas que xa non se empregan e o único que fan é ocupar espazo. A xente non é consciente da acumulación de cousas que hai nas casas…

Cóstanos poñer orde, logo?

Creo que a xente non é consciente do desorde que ten e unha vez que está todo organizado dáse conta de que vive mellor.

Equipo de traballo despois dun servizo. Foto: MK Limpieza y Orden.

“Creo que a xente non é consciente do desorde que ten…”

Que perfil de cliente tedes?

Moita empresa e tamén moito particular para dar solucións en oficinas, almacéns, obras, garaxes, apartamentos, e casas en xeral. Nalgún caso tamén atendemos necesidades de mantemento e arranxos en colexios e institutos.

O perfil de cliente é esa xente que, ou ben non sabe, ou non ten tempo, para poñerse ela a facer as cousas.

En que ámbito territorial vos movedes para coller traballos?

Comarca de Lemos, Quiroga, pero tamén chegamos a Castro Caldelas, Valdeorras e incluso Ourense.

Vemos, polo voso folleto de servizos, que vos atrevedes con case todo…

A verdade é que o traballo non nos mete medo. Os traballos que nos encargan vémolos sempre como retos. Vouche contar unha anécdota. Nunha ocasión chamáronnos dunha empresa para arranxar unha persiana e o cliente dixo que unha que lles mirara o tema díxolles que dende dentro non se podía arranxar e para facelo por fóra había que montar un andamio. Miguel foi ver o tema e arranxoulla en dez minutos.

“Os traballos que nos encargan vémolos sempre como retos”

E como levades o de atender aos clientes en tempo?

Vemos que hai xente cabreada porque non se lle dan feito as cousas. Nós estamos tratando de facelas cando a xente o precise. A día de hoxe podemos dicir que non temos ningún cliente que poida dicir que non cumprimos coa nosa palabra. A nosa máxima é ser responsables, serios e “ter palabra”. Antes pechamos que non cumprir coa nosa palabra… para nós é un valor que non queremos perder.

Furgoneta de empresa. Foto: MK Limpiezas y Orden.
FILOSOFÍA E SERVIZOS DE MK

A partir da profesionalidade e a experiencia coa que contan no sector, dende MK ofrecen dispoñibilidade de horario e puntualidade na realización dos seus servizos. Cada traballo preséntase para eles como un reto, buscando sempre que os seus clientes queden satisfeitos ao comprobar a calidade do mesmo e a seriedade con que se realizou.

Especializados en limpezas, dende profundas a básicas, diríxense a empresas pero tamén a particulares abranguendo tamén o mantemento xeral, pequenas reformas, pintura e desbroces.

No que respecta ao orde, Katy insiste en que a xente empeza a darlle a importancia que realmente ten porque o orde físico axúdanos tamén a poñer orde emocional nas nosas vidas. Neste senso, un dos lemas da empresa é “un espazo limpo e ordenado mantén o teu corpo e a túa mente sanos”.

Neste eido ofrecen organización de todo tipo de espazos (cociñas, dormitorios, despensas, armarios, trasteiros, garaxes, etc), asesoramento e guía para organizar o fogar e tamén mudanzas (encargándose dende a embalaxe de caixas antes da mudanza ata a desembalaxe posterior e a organización das cousas no novo fogar).

ÚLTIMAS

O Quiroga Trail Challenge ‘reinvéntase’

Despois dun agosto fatídico para parte das montañas do Concello de Quiroga por mor...

A Xunta resposta a Tomé sobre a acollida de migrantes no centro de Monforte: “Se demostrou ser solidario debería dar as grazas”

A conselleira de Política Social, Fabiola García, replicou ao alcalde de Monforte e presidente...

Monforte prepárase para o San Mateo

A mesa de seguridade para a celebración do San Mateo estableceu tamén a circulación...