HomeEn profundidadeTodo preparado para unhas grandes 'Festas dos Milagres' en Taboada

Todo preparado para unhas grandes ‘Festas dos Milagres’ en Taboada

Celebraranse entre o 8 e o 11 de agosto, cunha programación variada e pensada para todos os públicos. Haberá cultura, espectáculos de primeiro nivel, actividades para a infancia, música tradicional e moderna, e espazos para a mocidade.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Concello de Taboada anuncia con entusiasmo a celebración das Festas dos Milagres 2025, uns festexos que terán lugar entre o 8 e o 11 de agosto contando cunha programación variada e pensada para todos os públicos.

Ademais, e como previo, cómpre sinalar que haberá interesantes actividades. Deste xeito, o martes 5 ás 21:00 h. terá lugar no Cuartel Vello o espectáculo ‘Cousas’ –a cargo do grupo de teatro ‘Os Quinquilláns’– tras unha visita teatralizada á exposición ‘Sempre en Galiza’ de Castelao. O mércores 6 o protagonista será o cinema –tamén no Cuartel Vello– coa proxección da curta ‘Noitevella 1996’, da taboadesa Uxía Gayoso ás 21:00 h., e o pase da película ‘Cuñados’ a continuación. O día 7 a maxia invadirá Taboada co trailer do Mago Antón na Alameda e o seu espectáculo para grupos reducidos con 4 pases das 13:00 ás 20:00 h.

Respecto das Festas grandes de Taboada, o concelleiro de Cultura e organizador, Manuel Diéguez Vázquez, subliñou a relevancia desta celebración para a vida comunitaria de Taboada: “As Festas dos Milagres son moito máis ca unha cita festiva, son un espazo de encontro, de identidade e de dinamización cultural. Este ano, grazas ao apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, poderemos contar con propostas de gran calidade como o espectáculo do Mago Antón co seu show Mil Maxías Máis o xoves 7, que promete sorprender a grandes e pequenos, e a actuación da Banda de Antas de Ulla o domingo 10, que traerá a música ao corazón da festa”.

FESTA DA MOCIDADE

Un dos eventos máis destacados será a Festa da Mocidade, organizado pola Asociación Madialeva O! e que se celebrará o vindeiro venres 8 de agosto dentro do marco das festas patronais. Este festival, que busca ofrecer unha programación alternativa e atractiva para xente nove e de mediana idade, conta co apoio da Xunta de Galicia, da Presidencia e Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e do propio Concello de Taboada.

Neste sentido, Manuel Diéguez Vázquez quixo recoñecer publicamente o labor da asociación: “Quero destacar a dedicación, a creatividade e o esforzo incansable da Asociación Madialeva O! na organización da Festa. Grazas ao seu traballo comprometido, conseguiron ofrecer unha proposta cultural fresca, diversa e pensada especialmente para os mozos e mozas. Iste é un exemplo de como as persoas dende unha asociación poden liderar proxectos transformadores e dinamizadores”.

A xornada comezará ás 19:30 h. cunha ruta polos bares e despois haberá unha cea popular ás 21:30h. A partir das 22:30 h. dará comezo a sesión de concertos cos grupos: Quinkillada, Os Residuos Atractivas, Heredeiros da Crus, Rastreros e The Palangans.


FIN DE SEMANA MUSICAL E LUNS FAMILIAR

Na xornada do sábado 9 a música será a gran protagonista con opcións e estilos para todos os públicos. Comezará ao mediodía coa actuación da Banda EGS de Lugo, que ofrecerá un concerto ás 13:00 horas na Praza de Riazón, e ás 22:30 horas, a cantante Begoña García animará o mesmo espazo cun repertorio de temas bailables. A continuación, ás 23:30 horas, será a quenda do grupo América de Vigo & Hermo Disco-Truck, que traerán unha proposta musical moderna e festiva para pechar a noite con enerxía.

O domingo 10 de agosto comezará ás 13:30 horas coa actuación da recoñecida Banda de Antas de Ulla na Praza de Riazón. E pola tarde, ás 19:30 horas e no Campo da Feira, celebrarase o Festival Internacional de Danza, evento que contará coa participación do grupo tradicional local Rechouchíos e do grupo convidado Raíces Nuevas, procedente de Arxentina. Trátase dun encontro intercultural que reforza os lazos entre Galicia e América Latina. A noite rematará cunha gran verbena amenizada pola Orquestra Solara, Carballas DJ e DJ SON1C.

O luns 11 será unha xornada pensada para o lecer familiar e a participación veciñal. A tradicional Festa do Óso na Medela será o prato forte do día, cun ambiente rural e festivo que recupera unha das tradicións máis singulares da zona e que animará a Charanga Sol do Faro Brass. A festa rematará cunha verbena ás 22:30 horas na Praza de Riazón na que se contará coa actuación da Charanga Louband poñéndolle o ramo a catro días intensos de celebración.

Louband. Foto: Llum Photography

Para os máis pequenos haberá actividades específicas como o espectáculo infantil Pekeno Kabaret de Tolos, a cargo da compañía Títeres Alakrán, que terá lugar no parque o día 8 ás 18:00 horas. E tamén a Festa da escuma o luns 11 con xogos de auga na Área Recreativa da Medela.

DEPORTE E ACTOS RELIXIOSOS

O sábado ás 20:00 horas celebrarase a final do Maratón das Festas. Este evento deportivo está organizado polo Taboada Femenino Futsal co obxectivo de combinar deporte, participación e espírito festivo. E o domingo ás 18:30 horas terá lugar o tradicional partido das Festas dos Milagres, un encontro que enfrontará ao Taboada CF co CD Lalín. Trátase dun clásico do verán que reúne afección e rivalidade deportiva.

Haberá misa e procesión tanto sábado como domingo ás 12h na Igrexa parroquial de San Tomé do Carballo para honrar á Virxe dos Milagres e o domingo contará coa actuación da Coral Polifónica de Taboada. O luns, á mesma hora, misa polos defuntos dos feligreses.

As Festas dos Milagres de Taboada 2025, en definitiva, “aspiran a ser unha celebración integradora, que mestura tradición e modernidade, e que pon en valor o talento local, a colaboración institucional e a participación cidadá”, afirman dende a Concellería de Cultura e Festexos ao tempo que convidan a toda a veciñanza e visitantes a gozar “dunha programación pensada con agarimo e ilusión, que reflicte o espírito acolledor e festivo de Taboada”.

ÚLTIMAS

En marcha o Ciclo de Concertos de grupos monfortinos

Este ciclo foi unha das principais novidades do Programa de Verán de 2022, e...

Outeiro, o Mazo e Soldón, en perigo, no lume descontrolado que ameaza o Courel

A Serra do Courel, unha das xoias ecolóxicas de Galicia, volve a estar en...

20.000 hectáreas levan ardidas co incendio que comezou en Larouco o día 13

Cos datos provisionais que ofrece este 19 de agosto a Consellería de Medio Rural,...