HomeEn profundidade‘Carude Rock 2025’: dúas noites de concertos e homenaxe a ‘Platero y...

‘Carude Rock 2025’: dúas noites de concertos e homenaxe a ‘Platero y Tú’

Todo listo para a 8ª edición do Carude Rock, un encontro que honra a este xénero musical dende o popular barrio de Carude, en Monforte de Lemos, e que este ano está dedicado á mítica banda ‘Platero y Tú’. Será os días 8 e 9 de agosto.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Que Monforte é canteira de bos músicos e que o Rock and Roll sempre estivo moi presente na cidade do Cabe é unha realidade que se coñece ben. E isto sábeno no barrio de Carude onde un grupo de persoas da Asociación de Veciños, moi implicadas con manter vivo e fomentar o rock, levan anos organizando o ‘Carude Rock’. Dende o 2016, ano no que tivo lugar a primeira edición, manteñen unha liña ascendente que só se viu freada na pandemia con 2 anos nos que non se puido organizar.

A que será 8ª edición, dedicada á mítica banda ‘Platero y Tú’, chega con varias novidades. A máis importante é que o festival estenderase a dous días de concertos: 8 e 9 de agosto, comezando a partir das 20:30 h. o venres e a partir das 23:00 h. o sábado. As bandas monfortinas convidadas este ano son ‘7 Rojo’ e ‘Doc Magoo’s’, mentres que de fóra chegan ‘A Pelo’ (banda tributo a Platero y Tú) ‘Tregua’ e ‘Sintrom ni Son’.

O pasado 4 de agosto tivo lugar a presentación do cartel deste ano na Casa do Concello de Monforte coa presenza do Alcalde e a 1ª Tenente de Alcalde, autoridades locais que estiveron acompañados polos organizadores do festival: José Luís Vázquez “Lito”, Dolores Díaz, Juan Diéguez, Brais Rodríguez, Manuel Rodríguez (Chusco) e Sergio Díaz.

Presentación do ‘Carude Rock 2025’ na Casa do Concello. Foto: Prensa Concello de Monforte.

En palabras do Alcalde, referíndose ao ‘Carude Rock’, “é un bo escaparate para que os grupos da nosa bisbarra, e doutros puntos de Galicia, poidan dar a coñecer a súa música e facer desfrutar ao público con propostas de música en directo”. Ademais, tamén puxo en valor que este evento “supón unha importante actividade para o barrio de Carude, que estes días, estou seguro, recibirá a centos de visitantes”.

O evento sae adiante grazas ao traballo duro da comisión organizativa coa venda de material, en especial a camisola representativa de cada edición, e conta este ano con axuda económica do Concello de Monforte, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia.

Falamos con Juan Diéguez, un dos membros do grupo de traballo que fan posible este evento.

Como e cando naceu o Carude Rock?

Nace en 2016 ligado as festas de San Lázaro no noso barrio dedicando a noite do sábado a grupos locais e algún foráneo dedicado o rock. No 2019 damos o paso de separalo das festas e pasa a celebrarse o venres anterior ás patronais de Monforte.

Quen tira do carro organizativamente para que o evento se manteña e medre cada ano? E no económico, como financiades o mesmo?

Hai 6 cabezas visibles: Chusko, Lito, Dolores, Sergio, Brais e Juan; a eles hai que unir unha gran cantidade de amigos e veciños que colaboran con nós, sen eles non sería viable.

“Para nós é un orgullo pasear por Monforte e ver as nosas camisetas polas rúas”

En canto ao económico vivimos das axudas a través das subvencións e do merchandaising que vendemos dos nosos productos en especial as camisetas. Para nós é un orgullo pasear por Monforte e ver as nosas camisetas polas rúas.

A filosofía está clara, unha noite de concertos de rock and roll e contando sempre con grupos locais no cartel, verdade?

Exacto, sempre que se poda os grupos de Monforte terán un escenario onde poder actuar, e seguidamente ata onde o presuposto chegue buscaremos grupos que sexan adaptados o festival.

Por certo, cada ano tedes un detalle simbólico nas camisolas con alguén do mundo do Rock & Roll. Contádenos dende cando o facedes e cal é o obxectivo?

Esta idea funciona moi ben. Probamos coa camiseta “maneras de vivir” e un grupo tributo a Rosendo e tivo moi boa acollida. O ano pasado tiñamos claro que Monforte é Suave e Los Suaves foron protagonistas nas camisetas, no escenario e no propio festival coa presenza dun dos seus membros entre o público.

Este ano tócalle á antiga banda de Fito coa camiseta homenaxe a Platero y Tú, co lema “Carud’e y Tú”, e a actuación do grupo tributo “A Pelo”.

Público no Carude Rock (arquivo). Foto cedida pola organización

Credes que este estilo musical sobrevive ben en Monforte? Como vedes o relevo xeracional?

Vemos que os novos tamén desfrutan do rock, en Monforte está moi activo o tema musical con moitos grupos e escolas. A música está nun momento dulce e hai que aproveitalo.

En canto ao relevo, hai xente que vén detrás moi activa, estos festivais e concertos teñen futuro.

“Vemos que os novos tamén desfrutan do rock, en Monforte está moi activo o tema musical con moitos grupos e escolas”

Como escolledes os grupos para incorporar ao cartel cada ano? 

Primeiro pensamos na camiseta, é o máis importante, logo buscamos o grupo tributo, o grupo local e a ver que damos atopado como cabeza de cartel.

Que nos podedes contar dos que veñen este ano ao ‘Carude Rock’?

7Rojo: nun ano de vida en cada concerto sorprenden e o fan mellor; basan o repertorio en temas do rock estatal de toda a vida

A Pelo: tributo a Platero y Tú. Dende Narón chegan estes rapaces que fan sonar os grandes clásicos dos Platero con moitísima forza e calidade.

Tregua: estes van a sorprender para ben. Trátase dunha banda coruñesa de temas propios que andan de xira por todo o país, imposible estarse parados nos seus concertos.

Doc Magoo’s: como os defino eu: “a vella guardia monfortina”, toda unha vida actuando en diferentes grupos e dando un nivel difícil de superar; tocan versións do rock internacional dos 70, 80’e 90.

Sintrom ni Son: rapaces da zona de Fene que dedican o repertorio a un repaso dos temas de toda unha vida dos grandes grupos do país.

Algunha mensaxe final para animar á xente a polo Carude Rock?

Convidar a vir o venres 8 e sábado 9 ao barrio de Carude. Dous días de festival nos que ademais teremos photocall, pinchos do cociñeiro Manu Rodríguez, foodtruck, pulpo e churrasco… e rock, moito rock.

ÚLTIMAS

O IES A Pinguela estrea Aula Tech Beauty despois do Nadal

As obras de adaptación dos espazos e a instalación do equipamento tecnolóxico previsto xa...

A Casa da Cultura de Chantada acolle a exposición dos traballos do Programa de Pintura

A Casa da Cultura de Chantada acolle ata o 12 de xaneiro de 2026...

Teatro en Monforte o 26 e 30 de decembro

O ciclo de citas teatrais comezou o día 23, con “Nadal en prácticas”, da...

Cousas Xacobeas: O Camiño na parroquia de Meixente: Mouzós e O Sisto (I)

Esta parroquia aparece denominada na Idade Media como “Castelo”, nome que perdura no topónimo referenciado perto do...