HomeEn profundidadeJulio Quiroga: “a oliveira autóctona atopámola este ano con pouca carga e...

Julio Quiroga: “a oliveira autóctona atopámola este ano con pouca carga e coa oliva moi madura”

Julio, da empresa Ouro de Quiroga, S.L., fálanos da recollida das súas propias olivas e de como lles funciona o servizo de moenda que ofrecen a produtores locais e de toda Galicia.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O mes de novembro é o mes tradicional de recollida de olivas no sur de Lugo, aínda que nestes últimos tempos a recolección adiántase por mor da maduración temperá. Tanto é así que contactamos coa empresa Ouro de Quiroga, S.L., no Concello de Quiroga, e contáronnos que este ano empezaron xa o 18 de outubro tendo practicamente apañada a oliva nestes momentos.

Polo que soubo este medio tras preguntar a particulares que recollen olivas para autoconsumo ou venda, a produción deste ano é moi desigual e aqueles que de están demorando na recollida están vendo aínda máis minguada a colleita por mor das choivas e os ventos destas pasadas semanas.

Así e todo, nesta empresa de Quiroga din que non lles afectou moito por ter xa case toda apañada aproveitando o envero, estado de maduración das olivas cando o seu color vai mudando de verde aos tonos definitivos segundo a variedade de que se trate.

Falamos con Julio Quiroga do proceso de recollida da oliva e tamén de como lles funciona o servizo de moenda que fai que manteñan o muíño aberto ata a ponte de decembro para atender a alta demanda que teñen.

Cando empezastes a recollida das olivas?

O pasado 18 de outubro.

Como estaban?

Estaban no envero, o momento óptimo para recollelas para nós que imos a aceites en verde buscando analíticas mellores, con polifenoles máis altos… e primar a calidade sobre o rendemento.

Recollida das olivas. Foto: Ouro de Quiroga, S.L.

Como estaban de cargadas as oliveiras este ano?

En xeral ben, aínda que atopamos algunhas con menos carga. Como dicimos sempre, en relación á carga das oliveiras, a cousa ‘vai por barrios’. Hai árbores que teñen bastante, e despois atopas outras con catro bailando. A oliveira autóctona atopámola este ano con pouca carga e a oliva moi madura.

Non notastes mingua na recollida de olivas por mor do temporal destes días de atrás?

Algunhas caeron porque estaban xa moi maduras comentan algúns clientes pero a nós non nos afectou moito porque nos colleu con moita recollida. O que notamos que afectou foi o verán seco. Ao non recibir auga as oliveiras perderon moita carga e produción. E ao ter pouca carne a oliva baixa o rendemento.

“O que notamos que afectou foi o verán seco”

Canta xente tedes para traballar nesta tempada?

Para as instalacións onde temos o muíño collemos a unha persoa para a recepción e dúas onde as máquinas para atender en dúas quendas; das 7 ás 15:00 horas e das 15:00 ás 23:00 horas.

Para o forte da recolección tivemos tamén que contratar algunha brigada de traballadores de fóra, e de aquí dos arredores collemos xente para completar a recollida en oliveiras que van quedando soltas.

A maiores, estamos as tres persoas que estamos en Ouro de Quiroga todo o ano, entre as que me inclúo eu.

Un traballador cun vareador. Foto: Ouro de Quiroga, S.L.

Despois dun mes de traballos aínda vos queda por recoller?

Queda algunha oliveira solta, pero practicamente rematamos.

No que respecta á vosa produción, canta colledes de autóctona e canta de plurivarietal?

De oliva autóctona, brava e mansa, que é o noso buque insignia, estaremos nos 2.000 litros; e de plurivarietal podemos chegar aos 3.000. Por certo, teño que contarvos que imos iniciar unha nova liña de plurivarietal pero enfocada a un territorio máis amplo. Ante a necesidade que temos de medrar en volume, imos traballar, neste futuro proxecto, con olivas producidas fóra do noso territorio de influencia actual. Xa vos iremos contando.

“De oliva autóctona, brava e mansa, que é o noso buque insignia, estaremos nos 2.000 litros”

A saída do aceite despois de moer as olivas. Foto: Ouro de Quiroga, S.L.

E non se pode medrar na liña autóctona?

É moi difícil. Por moito que queiras medrar non é nada doado atopar masa de oliveiral rendible. Hai moito oliveiral que non consta como tal, dificultades administrativas para atopar e poder negociar con propietarios particulares, moito minifundio…

Entendo que o voso muíño está funcionando a tope dende o 18 de outubro?

Si, dende esa fin de semana estamos moendo para nós e para a xente que nos trae olivas de fóra. Limitamos un pouco a entrada desta ao principio, para poder sacar a moenda propia, pero agora xa estamos coa de fóra a tope.

Un dos primeiros pasos das olivas polo muíño antes de converterse en aceite. Foto: XMF.

Moita demanda nese sentido?

Xa vimos notando cada ano como aumenta esa demanda. E é normal, pois moitas plantacións que se fixeron estes anos agora ven aumentada a produción e iso nótase. Hai xente que empezou traendo a moer uns 50 quilos e agora xa che trae 3.000. Ademais de clientes fieis de cada ano, hai que sumarlle tamén novos clientes, novas incorporacións que nos chegan da contorna pero tamén de puntos de toda Galicia e do Bierzo.

“Hai xente que empezou traendo a moer uns 50 quilos e agora xa che trae 3.000”

Aguantan ben as máquinas tendo que traballar tantas horas seguidas nestas campañas?

Si, témolas preparadas para que aguanten traballando 24 horas se fai falta e facemos traballo preventivo de mantemento, cambiando cando se require pezas que sofren desgaste.

Ata cando tedes previsto ter aberto o muíño?

Normalmente alongamos a tempada ata a ponte de decembro.

ÚLTIMAS

‘Na procura de cogomelos’, nova actividade de Segredos de Pantón

A asociación cultural "Segredos de Pantón" informa da organización dunha actividade consistente nun percorrido...

A Ponte de Cruzul, en Becerreá, dá os pasos para ser declarada BIC

O Ministerio de Cultura iniciou os trámites este xoves para incluír como Ben de...

Dúas instalacións da Ribeira Sacra, premio de fin de grao da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña

Os mellores proxectos defendidos e superados polo alumnado recaeron na súa totalidade en traballos...

O BNG de Pantón pon en cuestión que A Barca sexa de Sober

Os nacionalistas manifestaran xa no seu día, que de contruírse unha ponte, sería importante...