Monforte acolle unha nova cita co teatro para público adulto este xoves ás 20:15 h. no Edificio Multiusos. Trátase da obra “Insubmisa”, da compañía Antagonista Teatro, escrita por José Vaquero e dirixida por Marta Alonso e Pepe Domínguez. O elenco artístico está formado por Iria Sobrado, José Vaquero e Javier Octavio de Toledo.
A representación forma parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, está coordinada pola Concellería de Muller e Igualdade do Concello de Monforte a través de Centro de Información á Muller, CIM, e forma parte das actividades conmemorativas do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
O prezo da entrada xeral será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.
Falamos con Iria Sobrado, a figura feminina protagonista de “Insubmisas”.
Cando naceu en ti o interese pola interpretación?
Sempre me gustou actuar, dende pequeniña facía teatro, pero non o contemplaba como profesión. Despois, nalgún momento que non consigo datar, converteuse nunha pulsión inevitable.
Como chegaron eses primeiros contactos co teatro e co audiovisual?
Vin moito teatro como espectadora de pequeniña, no festival que había no Carballiño. Recordo ver alí Río Bravo (o orixinal) de Chévere, de moi cativa. Cando cheguei á universidade, entrei en contacto co teatro en Compostela, a Aula de teatro da USC, as compañías profesionais, a Sala Nasa… Cando rematei a carreira de matemáticas decidín formarme como actriz e, no 2006 montei a miña primeira compañía profesional.
O audiovisual veu de rebote, comecei nun programa de humor e despois empecei a facer ficción na TVG.
“Vin moito teatro como espectadora de pequeniña, no festival que había no Carballiño”
Ese programa de humor, foi Land Rober, verdade? Como valoras aqueles anos de colaboradora?
Si, aí comecei. É moi curioso porque considero que é moi difícil facer comedia e eu son unha cómica pésima. Pero alí estaba, prendendo e desfrutándoo moito. Foi unha etapa moi divertida e de aprendizaxe. Foi unha oportunidade magnífica porque para estar confiada diante da cámara, precísase tempo e a confianza dos demais. Teño un recordo excelente daquela época. E véxome facendo cousas que non imaxinaba…
Aínda que seguiches facendo televisión, xa estabas entrando de cheo das ficcións. Máis cómoda nestes traballos audiovisuais?
Facer rir é mooooi difícil. Hai que dominar a técnica da comedia e ter unha vis cómica natural. Admiro moito ás cómicas e aos cómicos. Con envexa, incluso. Pero eu estou máis cómoda na ficción e no drama. É así. Hai algo en min que turra máis cara este lado. Iso si, encantaríame volver facer comedia algún día…
“eu estou máis cómoda na ficción e no drama”

Respecto do teatro, mantiveches unha dedicación paralela que foi a máis cos anos?
Mantiven unha relación intermitente. Pero porque así foi de xeito natural. Houbo épocas de máis audiovisual pero sempre mantiven, polo menos, o meu espazo performático, no que me sinto absolutamente libre e plena.
Na túa evolución tiveches e/ou tes algún referente, algunha actriz ou actor que admirases e/ou admires?
Uf, tantos e tantas, que non caberían aquí. Non teño un actor ou actriz de cabeceira. Admiro o traballo de moitos e por diferentes motivos. A lista é moi longa.
“Non teño un actor ou actriz de cabeceira”
Este xoves chegas a Monforte coa obra ‘Insubmisa’. Como definirías o teu papel protagonista na historia que pon enriba do escenario ‘Antagonista Teatro’?
Pois fago dunha Medea contemporánea á que encerran nun psiquiátrico para valorala e escribir unha vez máis a súa historia. Unha muller libre, que non acata as normas establecidas, estranxeira e incontrolable. Moitas veces, iso significa para outros, estar tola. Creo que debemos reflexionar sobre isto con máis profundidade.
Que papel xoga a saúde mental no relato?
Xustamente, a iso me refería antes. Estamos nun momento de catalogalo todo, de poñerlle nome a todo, tal vez, sobrediagnosticando. Antes de encasillar a unha persoa nun trastorno mental, deberiamos analizar as causas que a levaron a ese estado, por exemplo. As circunstancias nas que vive, os apoios que recibe (da sociedade e do entorno próximo). É un tema moi complexo. Require de moita análise e non valorar á lixeira. E sobre todo, ter en conta quen escribe o relato. ¿Pode ser libre alguén se a súa historia é contada polos seus verdugos?
“Antes de encasillar a unha persoa nun trastorno mental, deberiamos analizar as causas que a levaron a ese estado, por exemplo”
Revisitaba xusto estes días “Unha muller baixo a influencia”, de Cassavetes e Gena Rowlands (que, por certo, está maxistral. É unha das desa lista de actrices referentes) e serve tamén para pensarmos sobre isto.
Tan difícil resulta estar libres de prexuízos e de etiquetas nesta sociedade? E se es muller, a dificultade aumenta? Por que cres?
Os prexuízos son un cárcere terrible. E nesta sociedade machista e patriarcal, isto é moito máis acusado para as mulleres, sen ningunha dúbida. Sobre nós sempre pesa o xuízo dos demais, aprendémolo de moi pequeniñas. Hai unhas normas establecidas das que, se te saes, vante xulgar constantemente.
Creo firmemente na educación para transformar a sociedade, e creo que avanzamos moito nalgunhas cuestións, pero atérrame ver que, en cuestións de feminismo, as novas xeracións veñen pelexando á contra e asumindo os discursos demagóxicos da ultradereita.
Este revolverse ante o feminismo lanza unha mensaxe clara. Hai moitos homes que non están dispostos a perder os seus privilexios e asumir que non lle pertencen. Feminismo ou barbarie. A loita é de todos e todas.
Unha mensaxe final para animar ao público a ver ‘Insubmisa’ en Monforte…
Nós pretendemos lanzar varias preguntas, facer que o público se cuestione. O importante é o relato que constrúa cada quen.
Para coñecer a súa traxectoria profesional completa, pódese ver o seu perfil na páxina web da súa representante.
SINOPSE DA OBRA
Poida que cometese un crime terrible. Pero a cuestión agora non é a súa culpabilidade, senón o seu estado mental. Non basta con declarala culpable. Ademais, debe quedar claro que é unha enferma, unha demente. Ninguén durmirá tranquilo mentres pensemos que pode existir alguén así. De xeito que ela permanece encerrada para ser avaliada.
Trátase dun centro moderno onde a profesionalidade é incuestionable. E o autor do seu diagnóstico é un psicólogo intelixente que non está disposto a deixarse levar. Pero ela é demasiado complexa e fascinante como para etiquetala. Nin o amor é cárcere suficiente para contela. Defraudar todas as expectativas é a única vía para acadar unha liberdade que depende daqueles que escriben a súa historia.
“Insubmisa” é unha avaliación sobre as posibilidades reais de ser libre máis aló de etiquetas individuais ou de xénero.


