Falamos con Claudia Taboada, quiroguesa por vía materna e moi ligada a este concello dende pequena por ser o seu destino vacacional e por volver sempre que pode para non perder o contacto co lugar, coa súa familia e amigas/os.
Ademais de buscar as raíces que a unen con Quiroga coñecemos a súa traxectoria profesional, moi ligada –aínda que non só– ao teatro, e os proxectos nos que traballa actualmente.
Nacida en Madrid pero con orixes en Quiroga. Que te une logo con este concello?
Unha longa árbore xenealóxica. Toda a miña familia materna é de Quiroga. Os meus avós criáronse alí, miña avoa era da Casa Villaverde e meu avó da Praza Maior; despois, o traballo do avó na Renfe levounos a vivir en Madrid. Así, a miña nai e os meus tíos medraron e viviron o pobo da mesma maneira que eu, como un segundo fogar. Aínda que a miña vida está en Madrid, sempre o digo: o meu sangue e a miña alma son galegas.
Vés con certa frecuencia por aquí ou menos do que che gustaría?
Agora estou a ir moito menos do que me gustaría. Adoitaba pasar alí a Semana Santa e todo o verán, facendo viaxes curtas tamén durante o ano. Ultimamente, por temas de traballo, estáseme facendo máis complicado viaxar e estar. Noto moito a ausencia. Pero sempre atopo momentos para ir, aínda que sexan poucos días.

Que é o que máis che gusta deste concello, e por extensión, da comarca e da Ribeira Sacra?
É difícil decidir. Para min, é unha das zonas máis bonitas de España; e os seus produtos: o mel, o viño, o aceite… Teño un especial agarimo a Rugando, a subir polo río coa auga conxelada todos os veráns para ver as fervenzas e baixar para comer un anaco de tortilla de pataca. Pero o mellor son as miñas xentes, a miña familia e os meus amigos.
Como xurdiu o teu interese polo mundo da interpretación?
Creo que xorde desde que son unha cativa. A miña familia e eu faciamos vídeos de Nadal chorras, con gags e pequenas escenas sobre cousas graciosas que nos ocorrían ese ano. Logo, en Noitevella, viámolo toda a familia para rirnos un intre. Iso conectoume co divertido de ser actriz. E, doutra banda, aos 7 anos entrei nun Centro Integrado de Música e Danza, é dicir, un colexio onde as artes eran igual de importantes (ou máis) que as demais materias. Alí aprendín das diferentes artes escénicas e engancheime a subirme a un escenario non só con diversión, senón con precisión e técnica.
“A miña familia e eu faciamos vídeos de Nadal chorras, con gags e pequenas escenas sobre cousas graciosas que nos ocorrían ese ano. Logo, en Noitevella, viámolo toda a familia para rirnos un intre”
Co teatro chegaron, logo, as túas primeiras actuacións enriba dun escenario.
Cóntanos como fuches pasando do amateur ao profesional.
Creo que é difícil definir os parámetros do amateur e o profesional. Aínda así, foi todo moi progresivo. Pasei de estar en escenarios como música a estar en escenarios como estudante de teatro e, xa na carreira, montábame os meus propios espectáculos para representar un venres pola noite cos meus amigos. Gañaba pouco diñeiro, pero amateur? Non o sei… Supoño que o primeiro espectáculo profesional podería considerarse “El tiempo de un café”, pero lembro moitas das montaxes que fixen de moza con orgullo e, desde logo, profesionalidade. Despois de “El tiempo de un café” todo veu de seguido e non deixei de traballar. Como din: o traballo chama ao traballo.
Con máis dunha década de experiencia nas táboas, que amas e que odias desta profesión? Foiche posible vivir cento por cento desta actividade?
Esta profesión é como unha relación tóxica. Hai dúas caras dunha mesma moeda. Xeralmente, adoitamos falar do bonito que é dedicarse ao que unha ama, pero os momentos sen carga e de rexeitamento son moi dolorosos. Hai que ter a cabeza moi ben colocada. Mesmo cando estás en proxectos importantes, podes estar a sufrir por inseguridade, medo escénico, rexeitamento… Desde aquí, abrazo a todas as compañeiras que estean a se sentir soas ou “non queridas” na industria. E que che vou dicir… seguimos porque toda a dor compénsase coa absoluta felicidade que é subirse a un escenario ou poñerse diante dunha cámara. O que che dicía, unha relación tóxica. Durante un intre, deixas de ser e, á súa vez, es máis ti que nunca. Este absurdo acto meditativo que che fai ser tan consciente do teu corpo, da túa mente… é ridiculamente marabilloso ser intérprete.
“Esta profesión é como unha relación tóxica”
Dos actores e actrices cos que compartiches escenario ata agora, algún ou algunha cos que quixeras traballar sempre… ou polo menos máis a miúdo?
Teño a sorte de atoparme con xente marabillosa. Encantaríame repetir con todos eles. Traballaría mil e unha veces cos meus compañeiros da Celestina. Convertéronse na miña familia, arriba e abaixo do escenario.
Estiveches con esa obra en Ourense, verdade?
Si, en decembro do 2024. Veu moita xente de Quiroga verme, incluso se puxo un autocar dende o concello.
E no caso de directoras ou directores, algunha ou algún que queiras destacar?
Rocío Bello. Unha magnífica directora, actriz e creadora. Galega, ademais. Foi a miña mestra durante os meus inicios na interpretación. Creo que sería marabilloso reencontrarnos de novo nos escenarios.

Alén do teatro, tamén participaches nalgunha ficción televisiva e no cinema. Que traballos destacarías nestes eidos artísticos?
Traballar con Imanol Uribe foi unha experiencia marabillosa. Traballamos xuntos en “La sospecha de Sofía”, a súa última longametraxe. Acompañoume e guiou cunha liberdade e calma dignas de ser nomeadas. Quedei con ganas de máis.
“Traballar con Imanol Uribe foi unha experiencia marabillosa”
Sabemos tamén que cantas e tocas algúns instrumentos. A que nivel cultivas estas habilidades e que saída lles dás?
Isto é como a pregunta de canto vou a Quiroga: non tanto como me gustaría. Tiven moitos bloqueos coa música. Cando te educan desde a esixencia (un conservatorio é marabilloso na aprendizaxe pero tamén vai da man do sacrificio e a esixencia), o corpo atopa os seus mecanismos de defensa para afastarse da “dor”. Creo que durante anos tiven medo escénico cando tocaba a viola e, dalgunha maneira, pasoume co canto. Aos poucos, atopo os proxectos e os lugares nos que me sinto cómoda para incluír a música.
En que estás traballando actualmente? Algún proxecto que se poda contar para 2026?
Actualmente estou en dúas producións, ambas teatrais, pero cubrindo dous campos diferentes: Estou a traballar como actriz na peza “La Barraca”, unha adaptación da novela de Blasco Ibañez que leva por primeira vez ao teatro. A adaptación de Marta Torres e dirección de Magüi Mira. Estaremos de xira todo o ano 2026. Estivemos non hai moito en Vigo e, espero, que axiña teñamos datas de máis cidades de Galicia. Quizais Ourense, A Coruña…
Doutra banda, este ano empecei no campo da produción e estou no teatro Fernán Gómez, coa función de “Los duelistas”, un espectáculo producido por Yapadú, con dirección de Emilio Gutiérrez-Caba e adaptación de Javier Sahuquillo.
“este ano empecei no campo da produción e estou no teatro Fernán Gómez coa función de Los duelistas“
Como xurdiu o de producir?
Pois como xorden moitas veces estas cousas, por contactos. A produtora, que é valenciana, contactou comigo e ofreceume facer de axudante de produción en Madrid. Aceptei encantada. A verdade é que non pensaba que sendo actriz me chegaría este tipo de traballo pero chegou e estou moi contenta e aprendendo moito. Ademais, coincidín cunha produtora magnífica que me está acollendo e abrazando moito.
Por certo, escoitamos falar moi ben desa montaxe. Que nos podes contar?
A obra presenta a dous xenerais napoleónicos que se debaten por un conflito que non lembran… representa dun xeito cómico unha realidade masculina, poderosos que, sen ás veces saber moi ben porque, loitan e rétanse en duelo. Está funcionando moi ben e, como anécdotas, contareiche que levamos xa 4 duelistas, dous deles lesionáronse; e que Arturo Pérez Reverte fixo unha boa crítica da obra nun tweet.

Chegará a Galicia?
Espero que si.
Este Nadal non puideches estar en Quiroga, en Semana Santa verémoste?
O teatro é moi sacrificado. En decembro traballei todos os días no Teatro Fernán Gómez co cal tiven que pasar o Nadal este ano en Madrid, co meu noivo e a miña familia.
En Semana Santa terédesme alí, non me perdo unha Feira do Viño.

