Como cada ano, e para non faltar á tradición, o 19 de xaneiro celebrarase na vila de Castro Caldelas a “Festa dos Fachós”. A celebración comeza ‘entre lusco e fusco’ e alóngase durante a noite, converténdose nunha das tradicións de culto ao lume máis representativas de Galicia. Centos de fachós saen en procesión dende o Santuario dos Remedios para percorrer as rúas do Casco Histórico, arrodeando o Castelo e facendo o percorrido en plena escuridade (soamente o Castelo está iluminado). A procesión vai presidida por un fachón dun mínimo de 30 metros por detrás da imaxe do San Sebastián e remata no atrio do Santuario onde se queiman todos os restos formando unha gran fogueira, culminando deste xeito o rito do lume purificador en medio do toque de campás da igrexa. “O Gran Fachón nunca mide menos de 30 metros e o record está en 58. O tamaño non se desvela ata o propio día”, comenta Sara Inés Vega, alcaldesa de Castro Caldelas.
As primeiras referencias escritas das que se ten constancia son do ano 1751, sendo una das celebracións máis antigas de Galicia. E sobre as orixes, o escritor ourensán, Vicente Risco relaciona esta festa cos ritos celtas de culto ao sol mentres que outra hipótese, moi seguida e compartida, apunta a unha peste de cólera que asolou a comarca caldelá no século XVIII. Foi entón cando os veciños rogaron a San Sebastián e San Roque para que intercederan e remataran coa enfermidade facendo unha fogueira para queimar todas as pertenzas dos infectados.

A celebración cae este ano a luns e preguntámoslle á alcaldesa, Sara Inés, de que xeito afecta ao poder de convocatoria. “Non é comparable a cando cae en fin de semana pero cadre cando cadre sempre hai xente. Ao caer en data fixa ten avantaxes e inconvenientes… como avantaxes direiche que sabendo que sempre cadra o 19 de xaneiro moita xente xa garda os días arredor da data para poder vir. Agora mesmo xa hai en Castro Caldelas xente de Cataluña e de Vigo por poñerche un exemplo”, dinos ao tempo que pon en valor a Festa dos Fachós pola dinamización económica que xera en toda a contorna. “Xa temos os establecementos hoteleiros a tope, hai xente que reserva dun ano para outro, e moitos visitantes teñen que aloxarse en Trives, Monforte ou mesmo Ourense”.
“Agora mesmo xa hai en Castro Caldelas xente de Cataluña e de Vigo por poñerche un exemplo”
O CENTEO, A ELABORACIÓN DOS FACHÓS E O RELEVO XERACIONAL
Antigamente a elaboración dos fachós facíase coa palla da sega que se obtiña despois de sementar a veciñanza o centeo. Esta práctica foise perdendo ata quedar en desuso, polo que un dos inconvenientes para seguir mantendo esta tradición era a falta de palla para facer os fachós. Ante esta situación, foi o Concello de Castro Caldelas o que decidiu tomar cartas no asunto e facerse cargo da organización alá polos anos 1998-1999. A alcaldesa, explica que “agora plantan o centeo do país dúas familias en terreos deles e cóidano. Despois nós segámolo, acarrexámolo e mallámolo quedándonos coa palla e deixando ás familias o grao para alimento dos animais e para a semente”.
No que se refire á elaboración dos fachós, Sara Inés dinos que moitos voluntarios e voluntarias (xente nova) reúnense todas as noites para facer o Gran Fachón e tamén o San Sebastián de palla que o encabeza. “Unha das cousas que logramos foi que a xente sinta a tradición como propia”, refire tamén poñendo en valor o relevo xeracional. Ademais, sabemos que dende o concello levan anos impulsando actividades para preservar a festa. Organizan obradoiros coa cativada da gardería e mais co alumnado do CEIP e do Instituto, e tamén concursos de fotografía, de relatos e de debuxos arredor dos Fachós.
“Unha das cousas que logramos foi que a xente sinta a tradición como propia”
O día 19, ademais do Gran Fachón –-do que descoñecemos o seu tamaño para este 2026– haberá un carro cheo de fachós que se repartirán entre a xente e ata onde cheguen. Para a cativada hai reservados tantos como nenos e nenas hai no concello.
Como novidade este ano, o venres 16 inaugurarase o Museo dos Fachós, unha sala inmersiva dentro do Castelo para coñecer todo o proceso, dende que se planta o centeo ata que se fai a festa.

SEGURIDADE DO EVENTO
Un evento no que se concentra tanta xente e o lume é o protagonista ofrece certos perigos, pero controlados pola cobertura de medios cos que conta o concello. Sara Inés comenta que para a ocasión teñen varias motobombas, os GES, persoal de Protección Civil e varias unidades de Garda Civil. E lembra tamén que “cando o evento cadra en fin de semana, chegan reforzos doutros concellos de Ourense”.
Para levar o Gran Fachón, e sobre todo na cabeceira, “vai a xente que conta con moitos anos de experiencia e sabe o que fai, algo moi importante para poder controlar o lume se corre moito para cortalo ou rebaixalo”, di a alcaldesa ao tempo que engade, “por sorte nunca houbo incidentes”, pero aínda así “facemos un chamamento á prudencia para quen leve fachós”.
PROGRAMA PREVISTO PARA ESTE 2026
Saída do Gran Fachón entre ás 7:30 e ás 7:50 h da tarde do adro do Santuario dos Remedios. O acendido será a cargo da Alcaldesa de Castro Caldelas e o Dr. Xeral de Patrimonio acompañados de Alcaldes e outras Autoridades. De seguido sairán os máis de 400 fachós individuais.

Ao remate da Procesión, os restos do Gran Fachón e dos pequenos fachós deposítanse na enorme Cacharela que se fai no adro, lugar onde tamén se queima o San Sebastián feito igualmente de Palla.

A partir dese momento, comeza a parte gastronómica da Festa na que se degustan os Chourizos asados feitos en Caldelas e curados con fume de leña de carballo, pan local e viño da D.O. Ribeira Sacra subzona de Castro Caldelas. O colofón será a elaboración e degustación de Queimada.
Como acompañamento ao anterior, música tradicional e de Charangas, os Vivas a San Sebastián. Os bares da vila terán Bica Manteigada e un gran ambiente festivo con veciños/as e visitantes.

