Coñecemos a Antía de la Fuente, a protagonista desta entrevista, nun dos postos que había no Mercado de Nadal que organizou o pasado mes de xaneiro, e antes de Reis, o Concello de Pantón. Alí estaba facendo gancho e vendendo amigurumis e outras cousas que confecciona con la como, por exemplo, chaveiros, moedeiros e bolsos.
Entre outras cousas, chámanos a atención que considere que a súa dedicación arrastre certos prexuízos e que a moita xente lle custe vela como un oficio, “parece que se non tes un horario fixo non estás traballando e vese como se estiveses ‘entretida’ pasando o rato”, comenta ao respecto.

Dende cando tes afección polo gancho e a calceta e como cres que xurdiu ese interese?
A miña historia ten dous tempos. A calceta vénme dende nena, lembro ver a miña avoa sempre coas agullas na man facendo roupa para toda a familia e eu, que pasaba moito tempo con ela, quería facer o mesmo así que pendinlle clases para aprender. Foi o meu primeiro contacto co que hoxe é a miña paixón.
Co gancho foi algo diferente. Xurdiu hai uns anos cando non vivía en Monforte, empecei un xersei coa avoa unha fin de semana, pero cando volvín á casa e buscaba axuda para rematalo non quería chamar á avoa cada rato. Así que o non tela preto para preguntarlle, botei man de internet e foi así como descubrín o mundo dos amigurumis. Foi un auténtico amor a primeira vista, descubrín que co gancho podía crear personaxes e dar volume ás miñas ideas.

Concretamente, que técnicas traballas e que elaboras con elas?
Principalmente fago gancho, é o meu piar, pero tamén emprego técnicas como o punch needle (ou agulla máxica), o punto de cruz e, por suposto, a calceta.
En canto ao que elaboro con cada técnica: Co gancho fago amigurumis, encántame ver como van collendo forma punto a punto ata converterse en compañeiros de xogos. Coa calceta tiro máis polo práctico, cousas que dean caloriño como bufandas, gorros ou xerseis. O punch needle e o punto de cruz permítenme facer cousas de decoración, como cadros ou detalles con texturas diferentes para a casa, ademais de bolsos e moedeiros.

Tes temas preferidos ou fas un pouco de todo? Que produtos teñen máis saída?
Aínda que me gusta tocar moitas técnicas, se teño que escoller, sen dúbida quedo co gancho. É co que máis gozo porque me permite crear personaxes dende cero e xogar coas formas, cun pouco de la e unha agulla de gancho podo facer dende peluches ata roupa, accesorios ou cadros.
Sobre o que máis saída ten, os reis son os chaveiros. Gustan moitísimo porque os nenos cólganos das mochilas ou das cremalleiras das chaquetas, e así séntense acompañados por eles durante todo o día, é como se levaran un pequeno amigo de fío con eles ao colexio. E despois están os cadros de punch needle personalizados, que tamén teñen moito éxito. Sobre todo os de mascotas, que quedan xenial coas texturas que dá esta técnica combinada co gancho. É un traballo moi especial porque a xente busca ter un recordo diferente e con moito relevo dos seus peludos.

Tamén fas cousas por encargo ou só comercializas o que deseñas e creas ti?
Pois fago as dúas cousas. Por unha banda teño as miñas propias creacións, pero tamén me encanta traballar por encargo, tanto para particulares como para empresas e eventos.
Gústame que a xente poida pedirme dende algo máis persoal, como os cadros de mascotas, ata pedidos personalizados para negocios. Por exemplo, teño feito chaveiros de bombillas para empresas de electricidade ou de abellas para produtores de mel. Tamén me piden moito detalles para cumpreanos, se a un neno lle encanta Stitch, fago chaveiros de Stitch para todos os invitados.
“Por unha banda teño as miñas propias creacións, pero tamén me encanta traballar por encargo”
Esta actividade é algo complementario para ti ou dáche para vivir?
Si, dáme para vivir, aínda que é certo que socialmente hai moito prexuízo. Parece que se non tes un horario fixo non estás traballando e vese como se estiveses ‘entretida’ pasando o rato, na familia, por exemplo, aínda lles custa velo como un oficio de verdade.
Pero eu tómoo con filosofía e non deixo que me afecte porque realmente teño un día a día 100% creativo no que fago cousas que me encantan. A artesanía é o meu sustento e o que me dá para vivir, pero ademais completo ese lado creativo dando un par de clases de baile como un plus. Para min é o equilibrio ideal, teño a disciplina do taller e a enerxía da danza.
“Si, dáme para vivir, aínda que é certo que socialmente hai moito prexuízo”
Tes ou tes pensado conseguir a carta de Artesá de Galicia?
A día de hoxe non a teño, pero si que teño en mente conseguila. De feito, xa estou niso, preparando os papeis e todo o proceso, porque creo que é un recoñecemento moi bonito e unha forma de darlle un valor extra a todo o que fago.
Como dás a coñecer ás túas creacións? Que canles de venda que empregas?
Pois para min o escaparate número un son as feiras. Encántame o contacto directo, que a xente poida ver as pezas en vivo e tocar as texturas, porque creo que así é como de verdade se valora o traballo que hai detrás de cada cousa. Ademais, como hoxe en día hai que estar en todas partes, tamén teño a páxina web e Instagram. Úsoos máis que nada como un catálogo online para que quen non pode vir ás feiras vexa o que vou facendo, así vou compaxinando o mundo dixital coas feiras.
Algunha anécdota nestes anos que queiras e podas comentar?
Unha das anécdotas á que máis cariño lle teño foi cando me encargaron un tractor a gancho. De entrada parece algo simpático, pero a nivel técnico foi todo un reto porque eu quería que fose perfecto, que se mantivese ríxido e que tivese todos os detalles. Púxenme en plan ‘investigadora’, dándolle mil voltas aos puntos e ás formas para que a estrutura fose sólida, tal foi a de voltas que lle daba que levaba o traballo a todas partes. Se estaba tomando un café e de súpeto vía claro como facer unha peza, sacaba a agulla de gancho alí mesmo para que non se me fose a idea. Ao final, o resultado foi espectacular e hoxe sempre ensino cando me preguntan se podo facer algo difícil. Pero agora os meus amigos, antes de quedar para o café, xa me preguntan ¿que traes hoxe no bolso, outro tractor?

“Unha das anécdotas á que máis cariño lle teño foi cando me encargaron un tractor a gancho”
Proxectos e desexos para 2026?
Pois para este 2026, o que máis me apetece é mover moito máis a marca e non parar de ir a feiras, que é onde de verdade gozo. Teño ganas de que o proxecto colla máis forza, de que saian encargas novas e de seguir meténdome en retos que me obriguen a crear cousas diferentes. Ao final, ver que a xente valora o cariño que hai detrás do feito a man é o que me motiva para seguir dándolle ao gancho.


