Puramel Sacra volve situar o mel feito de xeito artesanal na Ribeira Sacra no máis alto do panorama internacional. Fíxoo despois de obter dous importantes recoñecementos no ‘International Honey Awards de Londres 2026‘, un dos certames de referencia mundial dentro do sector apícola.
A marca foi distinguida co premio PLATINUM á calidade, a máxima distinción outorgada polo xurado, conseguida co seu mel de castiñeiro, converténdose no único mel de Galicia en alcanzar este recoñecemento nesta edición de 2026. Xunto a este galardón, a empresa tamén recibiu un OURO na categoría de imaxe e presentación, un recoñecemento internacional que pon en valor o coidado do deseño, a identidade visual e a presentación do produto.

Puramel Sacra é ademais o único mel de Galicia avalado por tres selos oficiais de calidade: IXP Mel de Galicia, Galicia Calidade e Artesanía Alimentaria, unhas distincións que recoñecen tanto a orixe como a excelencia e autenticidade do produto.
TRABALLO E RECOÑECEMENTOS
Estes premios supoñen un novo impulso para un proxecto familiar profundamente ligado ao territorio, á apicultura tradicional e ao respecto polas abellas e a contorna natural da Ribeira Sacra. “Detrás de cada tarro de Puramel Sacra hai anos de traballo, dedicación e paixón por ofrecer un mel de máxima calidade, elaborada de xeito artesanal e mantendo intacta a esencia do produto”, comenta Toni Fernández, xerente da marca, ao tempo que engade sobre o premio recibido “é tamén un premio para a nosa terra, para a apicultura galega e para todas as persoas que valoran o traballo artesanal e o produto auténtico”.
Os recoñecementos obtidos en Londres súmanse ademais aos recentes éxitos internacionais alcanzados no comezo deste 2026 en París. Daquela foi no certame ‘Paris International Honey Awards’, evento onde acadou dúas medallas de ouro, unha pola calidade do produto e outra polo deseño.

FALAMOS CON TONI FERNÁNDEZ
Toni Fernández vive no Porriño pero nunca perdeu o contacto co Saviñao, concello de onde é a familia e onde ten as abellas. Cóntanos que son apícolas de 4ª xeración e que lembra dende pequeno ao seu bisavó e aos seus avós traballando nos enxames que estaban en cortizas e tamén en caixas con táboas de castiñeiro –feitas polo seu avó–. O seu pai, Antonio, ten 84 anos e aínda axuda coa marca de Toni, Puramel Sacra; por certo, marca que colleu o nome da súa avoa Pura. “Meu pai é un apaixoado da apicultura e foime inculcando a min esa mesma paixón”, di o noso entrevistado.
“Meu pai é un apaixoado da apicultura e foime inculcando a min esa mesma paixón”
Conta tamén Toni, que Puramel Sacra é unha marca rexistrada no ano 2021 e que leva anos apostando por darlle prestixio e moito valor ao mel monofloral de castiñeiro que elaboran as súas abellas. Actualmente conta cunhas 400 colmeas e na última produción chegou aos 6.000 quilos.
APOSTA POLA CALIDADE E POLA IMAXE
Toni dinos que traballa con moita limpeza ao longo do ano –ponnos o exemplo da trasfega do viño– e cunha trazabilidade exhaustiva. “Saco o mel e déixoo decantar. Non teño présa por sacalo á venda e déixoo que repouse 20 días”, explica tamén para subliñar o seu obxectivo final, “para que o mel saia en perfecto estado de sabor e de presencia”.
“Saco o mel e déixoo decantar. Non teño présa por sacalo á venda e déixoo que repouse 20 días”
O coidado e mimo anterior para afianzar a calidade do produto complétao cunha decidida aposta pola imaxe. Sempre tivo claro que quería para o seu mel unha imaxe única e distintiva, que chamase moito a atención e se diferenciase claramente do resto de meles no mercado. Para iso, explica, “puxen moitos cartos e ata busquei para o etiquetado unha empresa de referencia no tema, unha que fai etiquetas para viños da Rioja… e notei que vale a pena, son moi profesionais e a información e imaxe que sae nos meus botes é moi clara e diferencial”. Tamén nos di que seu pai, visto o investimento que fai neste apartado, dille “estás tolo gastar tantos cartos niso”.
E á vista está que, tanto a calidade buscada no proceso de elaboración, como a imaxe proxectada no consumidor co coidado deseño da imaxe gráfica dos seus envases, foron premiados xa en dous certames internacionais: o ‘Paris International Honey Awards’ e o ‘International Honey Awards de Londres 2026‘. Con todo, o noso apicultor entrevistado di con orgullo, e sen medo a equivocarse, que o seu mel “é o máis caro de Galicia”. Ten claro que os premios chegan por algo e loita con moita paixón pola apicultura para que se lle dea o valor que realmente merecen tanto o oficio como o seu mel.
No que respecta á comercialización, Toni dinos que o seu mel pode atoparse en tendas delicatessen, na súa páxina web e tamén nos supermercados de Gadis.
Para rematar a entrevista, e querendo saber cal é a receita máxica para facer Puramel Sacra, pedímoslle que nos dixese que cre que fai distintintivo o seu mel monofloral de castiñeiro. A súa contestación, dando a entender que non hai trucos nin artificialidades, foi: “é un mel crú, natural… e o que fago é que non lle fago nada” (ri).

