A duodécima edición dos Premios Galicia Alimentación, organizados por el Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), tiveron lugar o pasado 11 de xuño en Compostela, concretamente no Museo Centro do Gaiás, na Cidade da Cultura. De entre todos os proxectos empresariais premiados, lembramos os catro que recaeron en terras do sr de Lugo: Lugar da Veiga, Airas Moniz, Sacrapastas e Ouro de Quiroga.
Lugar da Veiga e Airas Moniz, os dous proxectos de Chantada, compartiron o ‘Premio á iniciativa sustentable 2026’. Os creadores das ‘Mariñeiras’, agradecidos co premio, e encantados de compartilo cos seus veciños, manifestaron que “este galardón é un impulso para seguir traballando desde Galiza, apostando por un modelo máis responsable, ligado ao territorio e ás persoas”. Pola súa banda, dende a coñecida queixería chantadina, referían que “se algo fixo aínda máis especial a xornada foi ver que o talento, o esforzo e o cariño polo produto local teñen un peso enorme na nosa rexión. Compartir categoría e escenario con amigos e veciños fai que o orgullo sexa dobre”.

Non moi lonxe de Chantada, no concello veciño de Taboada, tamén poden estar orgullosos co premio recibido por Sacrapastas, un obrador familiar vencellado á panadería e repostería artesanal dende 1986, e que elabora a receita orixinal das galletas de Xián. No seu caso recibiron o ‘Premio Excelencia Terra’ e manifestaron, tras recibir o galardón, “un recoñecemento que nos emociona profundamente porque fala das nosas raíces, da nosa historia e do compromiso por manter vivo un legado que pasou de xeración en xeración. Este premio non é só noso. É das mulleres de Xián que conservaron durante décadas a receita das Galletas de Xián”. Engadindo tamén un agradecemento á familia, aos traballadores e aos clientes con estas palabras: “o premio é tamén dos meus pais, que apostaron pola receita e a mantiveron viva con traballo e sacrificio. E do noso equipo, que pon o mellor de si cada día así, como tamén de todas as persoas que nos escollen e que, con cada caixa de Sacrapastas, contribúen a preservar unha pequena parte da nosa tradición”.

E chegamos ao cuarto premio para o sur de Lugo, un recoñecemento que foi para a empresa Ouro de Quiroga, S.L. O premio acadado foi o ‘Excelencia terra’ polo seu AOVE de variedades autóctonas brava e mansa. O fundador da empresa, Julio Zarauza Quiroga, quixo agradecer na recollida do galardón “a Guillermo, Xenxo e Piñeira, que a finais do século pasado foron as persoas que loitaron para que non se perdera a tradición oliveira que viña de antergo na comarca de Quiroga e que por desgraza xa se perdera noutras partes de Galicia”. Para este proxecto recuperador do aceite de Quiroga supón un novo recoñecemento que se suma a un recente: o Gran Ouro acadado no certame internacional CINVE no que participan AOVEs de España e de todo o mundo.


SOBRE O CLÚSTER ALIMENTARIO DE GALICIA E OS PREMIOS
O Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) leva organizando desde o ano 2014 os Premios Galicia Alimentación co apoio de colaboradores e patrocinadores de carácter público e privado.
O obxectivo é contribuír a promocionar os produtos alimentarios e as bebidas, as estratexias, os proxectos a as empresas e institucións relacionadas, mellorando a súa imaxe e posición de xeito que adquiran relevancia tanto dentro do sector alimentario, coma da sociedade en xeral. Búscase estimular aos diferentes elementos da cadea alimentaria na produción, transformación, distribución, utilización, coñecemento e consumo destes alimentos, así como recoñecer o seu esforzo comercial, innovador e de desenvolvemento sostible.

