Nun acto aberto aos medios o Alcalde de Monforte, José Tomé, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón, deron a coñecer na Casa do Concello o programa das Festas Patronais 2026 que se desenvolverá do 11 ao 16 de agosto. Aproveitando a ocasión fíxose público tamén a peza audiovisual que lles dará maior promoción e o xa tradicional ‘Verán Cultural’, programa que complementa as actividades culturais e de lecer dos meses estivais na cidade do Cabe. Respecto do vídeo comentar que, en pouco máis dun minuto de duración, anima á participación e amosa o ambiente festivo que respira a cidade na celebración máis importante do ano e con maior repercusión social e económica. O vídeo poderase ver nos vindeiros días en redes sociais e noutras plataformas.
O rexedor cualificou o programa de “referente en toda Galicia” engadindo tamén que “mantén a esencia dunhas festas que nos últimos anos experimentaron un importante salto de calidade grazas ao compromiso do Equipo de Goberno por ofrecer unha programación variada, gratuíta e pensada para todos os públicos”.
O pregón das Festas, que marcará o comezo da programación, terá lugar o martes 11 de agosto ás 20:30 horas, e correrá a cargo do empresario monfortino José Manuel Rodríguez Fernández, director xeral do Grupo Lemos-Celega e xerente e propietario de Autos Lemos e Transportes Agustín.
Outros momentos salientables da celebración serán o 15 de agosto, Día da Patroa, coa misa solemne e a ofrenda floral á Virxe de Montserrat na igrexa de San Vicente do Pino, ás 11.00 horas; e os espectáculos de fogos artificiais. O sábado 15 lanzaranse desde San Vicente, e o domingo 16 desde o río Cabe, mantendo unha das tradicións máis emblemáticas das festas monfortinas.
CONCERTOS, ORQUESTRAS E GRUPOS LOCAIS
Mantendo a fórmula doutros anos, o concello aposta pola programación de seis grandes concertos, a cargo de artistas e grupos famosos; así como orquestras coñecidas do panorama galego e dous recoñecidos grupos locais: Doc Magoo’s e Malenne.
A axenda dos devanditos concertos e orquestras é a seguinte:
- 11 de agosto: De Vacas.
- 12 de agosto: Ráfaga e Orquestra Olympus.
- 13 de agosto: Miss Cafeína e Orquestra Acordes.
- 14 de agosto: Marlon e Orquestra Los Españoles.
- 15 de agosto: Walls, Doc Magoo’s e Malenne.
- 16 de agosto: Orquestra Panorama e Grupo América de Vigo.
ESPAZO PARA A TRADICIÓN, O FOLCLORE E OUTRAS MÚSICAS DE ENTIDADES E FORMACIÓNS LOCAIS
O programa contará tamén con actuacións de música e baile en diferentes espazos da cidade, coa participación das agrupacións Gaitucada Aikirindo, Batukada Tukupá, Grupo de Batucada Baturruca, Asociación Cultural Amigos da Pandeireta, Orquestra do Conservatorio de Música Mestre Ibáñez de Monforte, Banda de Acordeóns o Folión e os Xograres de Lemos.
O 15 de agosto celebrarase tamén o tradicional Día do Gaiteiro, no que participarán Redegaita, Lemavos 1, O Cego da Veneira, Gaiteiros de Lemos, Os Triskeles, Os Xograres, Merenzao e Lemavos 2, enchendo as rúas da cidade de música tradicional desde as 11:30 horas. Pola tarde celebrarase a Mostra de Danza e Música Tradicional na Praza de España.
FESTIVAL “A RÚA É VOSA”
Trátase dun destacado programa con espectáculos para o público familiar que este ano chega á súa XII edición. Este ano contará coa participación de 7 compañías especializadas en clown, acrobacias, maxia, música, monicreques e globoflexia. Celebrarase os días 12, 13, 14 e 16 de agosto, con sesións de mañá e tarde na Praza de España e na rúa Cardeal. O día 15 non haberá programación debido á celebración do Día do Gaiteiro e, o mércores 12 pola tarde, tampouco haberá actividades para facilitar que a cidadanía poida seguir a eclipse solar total, visible desde Monforte.

VERÁN CULTURAL
Este ciclo recolle, ademais do programa de festas, todas as propostas culturais, deportivas, turísticas e de lecer que se ofertan en Monforte. Entre elas destaca o Ciclo de Concertos de Grupos e Músicos Monfortinos, unha iniciativa que, segundo explicou o Alcalde, “foi impulsada por este Equipo de Goberno en 2022 para apoiar o talento local e podemos dicir que foi unha aposta acertada porque desde entón creáronse novos grupos de músicos locais en Monforte”. Este ano contará coa participación de 11 bandas, feito que confirma a saúde que ten o panorama actual de grupos en activo na cidade do cabe. Son as seguintes: Segunda Parte, Rockin’KB, Nectarine Soul, Cero2Cero, Galga Blues Band, Bella Chaos, Movilla y Los Irrepetibles, Deuce, Los Jinetes del Trópico, 7 Rojo e El Mundo de Sofía Band.
Tamén forman parte da programación a Gala da Maxia do 9 de agosto, os Paseos en Barca polo río Cabe, a XXVI Mostra de Artesanía Artelemos, a exposición do XXI Concurso de Carteis das Festas Patronais, o Festival Carude Rock, a Festa da Empanada, a XXVII Feira do Libro, o IV Encontro de Palilleiras, a Xornada Europea da Cultura Xudía e a Festa de San Mateo da parroquia da Parte, que pechará o programa o 21 de setembro.
No programa de actividades de verán tamén se poden atopar este ano artigos de Fermín Avellaneda Vázquez, Xefe de Área de RRHH Noroeste (xubilado); Luis Conde Carnero, xornalista da Voz de Galicia; Mario Iglesias Rodríguez, arquitecto e profesor da USC; e do urbanista Ánxel Viña Carregal.
O Alcalde concluíu mostrando o seu convencemento de que a edición de 2026 volverá ser un éxito de participación e animou tanto á veciñanza como aos visitantes a gozar dunha programación “pensada para todas as idades e con propostas de máxima calidade”, desexando finalmente “unhas felices Festas Patronais e un feliz Verán a todos os monfortinos, monfortinas e ás persoas que nos visiten”.
O programa ao detalle tamén se pode atopar na páxina web do Concello de Monforte.

