HomeEn profundidadeXX anos dos 'Encontros á luz da lúa' que organiza 'O Colado...

XX anos dos ‘Encontros á luz da lúa’ que organiza ‘O Colado do Vento’

Este ano a cita terá lugar en Cadeiras, no Concello de Sober, o vindeiro sábado 1 de agosto ás 22:00 h. Coñecemos, da man de Paula Vázquez Verao, a traxectoria da entidade organizadora e lembramos o programa para este aniversario.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O Colado do Vento é unha asociación cultural de Proendos, no Concello de Sober, que conta cunha dilatada traxectoria impulsando accións culturais para poñer en valor o patrimonio local. Este ano celebran o XX aniversario da súa fundación e tamén da actividade máis senlleira que organizan: “Encontros á luz da lúa”.

Segundo sabemos, tras conversar con Paula Vázquez Verao –vicepresidenta da entidade–, O Colado do Vento naceu hai 20 anos co obxectivo de reivindicar os espazos de patrimonio do concello e facer actividades de xeito colectivo. “Naquel tempo estaban abandonados os petróglifos e o patrimonio de Sober”, comenta.

Ao fundarse a entidade empezaron 12 persoas mais despois foise sumando xente, sobretodo de Sober mais tamén da contorna e incluso de concellos máis afastados como A Rúa. A día de hoxe hai preto dos 120 socios e socias e o presidente actual é Óscar Alonso, coñecido tamén por ser compoñente do grupo de música Os Parentes.

A día de hoxe hai preto dos 120 socios e socias e o presidente actual é Óscar Alonso

ORGANIZACIÓN DE ACCIÓNS CULTURAIS

Paula Vázquez explícanos, en relación á dinámica de traballo, que a Xunta Directiva adoita ter reunións cada dous meses e que organizan diferentes actividades repartidas ao longo do ano. A actividade que quizais teña máis repercusión é “Encontros á luz da lúa”, en agosto, mais tamén destacan outras como charlas, roteiros ou viaxes para coñecer Galicia. Programan estas excursións para coñecer patrimonio cultural, histórico e natural doutros concellos e ao mesmo tempo xerar intercambios con asociacións locais dos lugares visitados.

Cómpre salientar tamén o importante labor que realizan na divulgación do patrimonio. Neste apartado hai varias accións interesantes que desenvolven: por unha banda, buscar por parroquias os elementos patrimoniais que hai para visibilizalos e poñelos en valor; e por outra preservar e dar a coñecer a tradición oral. Neste último eido teñen publicados 3 folletos nos que se poden atopar lendas, contos e tradicións en xeral.

Outra actividade interesante, e que comezaron neste 2026, foi o obradoiro de pandeireta. Participaron unhas 30 persoas e a intención é que se repita para o novo curso.

‘ENCONTROS Á LUZ DA LÚA’

Esta é a actividade máis senlleira e lonxeva do Colado do Vento. A primeira edición foi no 2006 e a idea partiu dunha conversa co músico local Álex Llano. De aquí naceu o proxecto de facer concertos de pequeno formato e carácter intimista en puntos do concello nos que houbese petróglifos ou miradoiros.

Nesta longa traxectoria da actividade, que se centra na música e a poesía, Paula lembra que “neste encontro tivemos a artistas como as Tanxugueiras ou Fillas de Casandra antes de ter a sona que teñen hoxe”. Refire tamén a vicepresidenta da asociación que esta cita cultural caracterízase pola interacción, podendo a xente asistente participar con algunha proposta musical ou poética, e polo ambiente íntimo no que o silencio e a atención do público asistente é fundamental.

“neste encontro tivemos a artistas como as Tanxugueiras ou Fillas de Casandra antes de ter a sona que teñen hoxe”

‘Encontro á luz da lúa’ (arquivo). Foto: O Colado do Vento.

Para a cita deste ano, que será este sábado 1 de agosto, pensouse no lugar de Cadeiras. Na zona de pendellos desenvolverase o programa que acollerá a partir das 22:00 h as actuacións de Leni Pérez (voz) e Roberto Comesaña (acordeón), a poesía de Carlos Rafael e a música de Aldara Pérez (frauta). O público poderá participar con algunha achega musical ou poética se o desexa.

‘Encontros á luz da lúa’ conta coa colaboración institucional do Concello de Sober e da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

ÚLTIMAS

As Patronais de Monforte foron un éxito “impulsando a economía local e con gran participación nas actividades”, asegura o alcalde

Monforte de Lemos pon o punto final ás súas Festas Patronais cunha valoración...

O Club Lemos gaña o Torneo de Fútbol Festas Patronais de Monforte

O partido, disputado no estadio municipal de fútbol da Pinguela, enfrontaba o sábado, desde...

Extinguido desde este sábado o incendio de Taboada

Segundo información da Consellería do Medio Rural, o lume iniciouse ás 17:38 horas do...