Verónica Núñez, orixinaria da montaña do Lor, e Daniel Arza, natural da montaña do Courel, decidiron no ano 2006 emprender no sector primario. A idea inicial era montar unha adega pero ao final decidiron apostar polo aproveitamento da castaña vendo que tiña potencial e era unha materia prima alimentaria moi desaproveitada na Comarca de Quiroga.
Aínda que moita xente da súa contorna non lle vía futuro a iso de facer marmeladas e vender castañas en almíbar eles foron empezando. Ao primeiro, por se acaso, non deixaron os seus traballos, mais despois, cando o proxecto foi tirando, xa se dedicaron a fondo a Caurelor. E á vista está de que lles vai ben porque a súa marca é moi recoñecida pola súa calidade e este 2026 cumpren 20 anos no mercado.
Falamos con Dani para lembrar a traxectoria desta aposta exitosa pola transformación dos froitos do Courel en saborosas marmeladas.
Cando e como xurdiu a idea de crear Caurelor?
A idea de Caurelor xurdiu alo polo 2006 cando Verónica e eu nos coñecemos e pensamos en facer algo para quedar na zona, foi un pouco por casualidade xa que nun principio era para facer unha bodega pero falando con xente chegamos á conclusión de que xa había moitas e pensamos nas castañas. Vimos que había moitas e non se facía nada con elas… comezamos a darlle voltas ata facer unha marmelada e castañas en almíbar que foi co que empezamos.
E a idea do nome?
Cando empezamos, José Mouriño, que daquela traballaba en Medio Rural da Xunta, preguntounos de onde eramos. Dixémoslle que eu era de Caurel e Vero do Lor, e inmediatamente nos dixo que “Caurelor” era un nome acaído para o proxecto. Collemos a idea, rexistramos a marca, e ata hoxe.
Empezar con este proxecto supuxo deixar os vosos traballos?
Nun principio, como é lóxico, non. Mantivemos os nosos traballos ata que Caurelor comezou a dar os seus froitos aos dous ou tres anos.
Con que produtos e liña de negocio empezastes e como fostes evolucionando nestes 20 anos?
Empezamos, como che dixen antes, coa castaña, facendo marmeladas e envasando castaña en almíbar. Despois fomos ampliando as referencias de marmelada ata ter case 20 de froitas da zona de Courel e Quiroga.
“comezamos facendo marmeladas e envasando castaña en almíbar”

De todas esas referencias, cales son as máis vendidas?
As de mora, arandos, cereixa e castaña.
Cónstanos que tivestes bastantes recoñecementos. Lembrádenos algúns, ou polo menos os que considerades máis importantes na vosa traxectoria?
Ao longo dos anos tivemos varios recoñecementos, aínda que o máis importante foi o Premio Agader a mozos emprendedores. Tamén foi importante para nós obter no ano 2022 a licencia de uso da marca Artesanía Alimentaria.

“o máis importante foi o Premio Agader a mozos emprendedores”
E algunha anécdota de cliente ou pedido especial?
Tivemos pedidos de todo tipo, pero quizais o máis especial foi o da Casa Real para uns agasallos de Nadal no Parlamento. Tamén recibimos encargos de detalles para eventos, vodas, xubilacións, etc… que para nós son tamén especiais.
“Tivemos pedidos de todo tipo, pero quizais o máis especial foi o da Casa Real”
Houbo algunha crise polo medio, ou cando menos momentos difíciles que vos levaran a pensar en poñerlle fin a Caurelor?
En 20 anos pasamos case de todo… épocas máis baixas e mellores, pero a día de hoxe seguimos a pesar de todo.
Pensastes nalgún momento na posibilidade de medrar a nivel empresarial?
Non. Caurelor é unha empresa familiar e artesá, só somos dous e cremos que esta é a mellor forma de facer produtos de calidade.
Coa experiencia destes 20 anos. Que é o máis gratificante e que vos gusta menos do voso traballo?
Despois de tanto tempo, o mellor é que temos clientes de moitos anos que confían en nós.
Como vedes a explotación da castaña na Comarca de Quiroga? Seica se aproveita moi pouca en relación ao potencial que hai, que opinades?
Hoxe en día a castaña está en decadencia. O souto está moi abandonado polo despoboamento e as pragas e o tempo tampouco axudan nada.
Comercializades tamén en ecolóxico, sen glute e con redución de azucre?
Todos os nosos produtos son cento por cento naturais. Sen glute, sen conservantes, e tamén temos unha liña sen azucre cento por cento froita.
“Todos os nosos produtos son cento por cento naturais”
No que se refire á comercialización, o voso forte son as feiras verdade? A venda online que tal vos funciona?
Vendemos case todo nós directamente en feiras e mercados, mais tamén temos páxina web con tenda online.


E para rematar, que nos podedes contar da vosa experiencia abrindo o obradoiro a visitas, escolas…?
Pois si, ofrecemos visitas ao noso obradoiro e tamén ao souto para coñecer o noso proxecto. Ademais, recibimos visitas de colexios a través da Área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo dentro do programa “Da escola á granxa” para coñecer proxectos agrogandeiros como o noso.

