Novo S.O.S para Cova Eirós

Adega denuncia que o xacemento arqueolóxico precisa de máis protección.

Pintura en Cova Eirós / CSIC

A asociación ecoloxista Adega cualificou este martes como “insuficiente” o réxime de protección específico establecido para o Ben de Interese Cultural Cova Eirós, situada en Triacastela (Lugo), sobre todo no relativo á delimitación da área de protección aprobada, que “non ofrece suficientes garantías” para a entidade.

Situación da Cova de Eirós, rodeada por Cementos Cosmos

Situación da Cova de Eirós, rodeada por Cementos Cosmos | Fonte: Adega

Segundo informou a través dun comunicado, Adega recibiu estes días a notificación oficial da Consellería de Cultura da resolución definitiva da declaración deste xacemento como Ben de Interese Cultural, así como a admisión de dúas das alegacións presentadas pola asociación. Estas alegacións aceptadas, explica Adega, fan referencia á consideración da Cova Eirós como BIC na categoría de ‘xacemento arqueolóxico’, e non ‘monumento’, e á consideración dos riscos sísmicos aos que se puidesen ver expostas as cavidades, dado que se atopa situada no epicentro do “triángulo sísmico Triacastela-Sarria-Becerreá”.

Así, e aínda a pesar de valorar a admisión destas dúas achegas, Adega considera “insuficiente” o réxime de protección específico establecido para o BIC, “en especial a delimitación da área de protección integral”. “Non se concretan as medidas de protección do macizo calcario na vertical da Cova, indicando que se poderán establecer opcionalmente, incluíndo as actuacións sobre a superficie na contorna de protección e na zona de amortización”, indica Adega.

Tampouco se establecen “restricións maiores para o uso de explosivos da actividade mineira”nos arredores da cova, mantendo os parámetros de control e monitorización actuais que a asociación considera “totalmente insuficientes”. Adega destacou que “xa se identificaron” por parte da Xunta “danos no interior da Cova Eirós”, coa existencia de gretas de “considerable envergadura” e “infiltracións moi activas” que “están a danar irreversiblemente as pinturas rupestres atopadas”.

PROXIMIDADE DA CEMENTEIRA COSMOS

Con respecto á delimitación da área de protección integral, no lado sur da ladeira do monte Penedo, esta queda “só a 50 metros da zona de explotación mineira de Cementos Cosmos”, o que “non evitaría que, no futuro, a canteira puidese seguir avanzando cara ao xacemento declarado BIC”. A consellería, destacan, rexeitou o requirimento de Adega de ampliar a 200 metros esta protección na zona da canteira.

Tampouco aparece na declaración definitiva do BIC o recoñecemento da presenza doutras 10 covas aparecidas na área delimitada como de protección e que tamén poderían ver efectuadas pola actividade mineira, indica a asociación.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here