HomeMedio ambiente e Patrimonio3 millóns de euros da Xunta para a loita contra os lumes...

3 millóns de euros da Xunta para a loita contra os lumes nos concellos

A Consellería do Medio Rural vén de asinar convenios de colaboración con 63 concellos da provincia de Lugo que irán dirixidos a reforzar os recursos municipais de prevención e loita contra os incendios forestais. Só 4 deles rexeitaron subscribilo.

Publicado o

- Advertisement -

A Xunta achega un investimento de máis de 3 millóns de euros (3.061.585 euros) para concellos da provincia distribuídos en tres liñas de cobertura. Os recursos económicos correspondentes poden destinarse a contratar o persoal que conforma as brigadas municipais, apoiar o funcionamento das motobombas e/ou financiar a execución de desbroces.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se lles ofertou aos municipios a posibilidade de adherirse a calquera destas tres medidas ou mesmo a todas elas. Dos 67 concellos da provincia, negáronse a subscribir convenio nalgunha das modalidades os concellos de Lugo capital, A Pobra de Brollón, A Pontenova e Rábade.

O investimento principal vai destinado a sufragar os custos salariais dos traballadores das brigadas, 66 en toda a provincia que permitirán a contratación de 328 persoas este verán.  Este persoal traballará durante os tres meses da época de alto risco tanto en labores de prevención como de extinción. Ademais de servir de unidade de primeira intervención en caso de incendio terán que dedicarse á limpeza das faixas de xestión de biomasa en terreos forestais de titularidade municipal ou de propietario descoñecido.

A segunda liña de axudas vai destinada aos labores de roza para previr os incendios ou reducir os riscos en caso de que se produzan. Os propios concellos participantes indican no seu plan de traballo a superficie sobre a que van actuar, e sobre ese dato calcúlase a axuda que lles corresponde.

A terceira e última liña está pensada para garantir a operatividade das  motobombas. Adheríronse 37 concellos -con outros tantos vehículos-, e o orzamento da consellería neste apartado suma máis de medio millón de euros -509.600 euros en concreto-.

O delegado territorial subliñou que estas liñas de cooperación cos concellos axudan a  complementar  os recursos propios da Xunta e as accións que se desenvolven no marco do Pladiga -Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia-.

Calcúlase que o operativo de verán na provincia de Lugo para este ano está integrado por uns 1.300 efectivos, entre persoal da Xunta, dos concellos, e o persoal contratado para as brigadas helitransportadas.

ÚLTIMAS

Todo listo para o VII Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

A conta atrás para a sétima edición do 'Festival do Viño da Ribeira Sacra...

As comarcas de Lemos e Quiroga fan que diminúa o paro na zona sur da provincia en xuño

Por comarcas, as de Lemos e Quiroga foron as que tiveron un mellor comportamento,...

O PP pide no Congreso acceso aos expedientes dos contratos na liña ferroviaria Monforte-Lugo que aparecen nos informes da UCO

O deputado monfortino no Congreso dos Deputados, Francisco Conde, e a deputada autonómica...

O BNG demanda a Transportes melloras na N-120A ao seu paso por Pantón

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinala a urxencia dos traballos de...