No ano 1961 apareceron os únicos restos de mamut localizados en Galicia, concretamente no Incio. O achádego fixérono uns traballadores de canteira de caliza durante a extracción de pedra nunha mina de Buxán, pertencente á parroquia de Santa Cristina.
Nun primeiro momento, os traballadores pensaron que se trataba dos ósos dunha vaca, pero tras mirar ben, déronse conta de que non podían selo, pois eran demasiado grandes. Posteriormente, e logo de ser analizados por científicos, constatouse que se trataba de dous molares e de dous fragmentos como dúas vértebras e pequenos ósos pertencentes a un mamut lanudo, Mammuthis Primigenius.
a ruta do mamut
A Ruta do Mamut e dos Castos ten un percorrido de 8 quilómetros. O seu comezo radica aldea de Lebón cuxo local social albergará proximamente un pequeno centro de interpretación dos Castros. A ruta descorre por un antigo camiño encaixado que levará ó visitante ata o río Mao, onde, logo de cruzar o río pola ponte, comenzará o ascenso ata o punto máis elevado da ruta. Na cume do camiño hai unha pista de terra onde, tras torcer á dereita, poderanse visitar as medorras e necrópole de Santa Mariña onde conflúen os concellos de Sarria, Samos e O Incio. En total son 45 túmulos que datan do terceiro milenio antes de Cristo (Neolítico final). 3 quilómetros máis de ruta e chegase ó Castro de Bermún.
A seguinte parada é a Cova de Bermún, sita na aldea do mesmo nome. Esta cova comezou a ser explorada nos anos 70 e as diferentes galerías foron bautizadas con nomes dispares como Sala Pequena, Sala de Resáltelos ou Sala de Ra, entre outros.
O Castro de Goó é a terceira parada obrigatoria nesta andaina que se atopa nun lugar privilexiado grazas á altura da súa ubicación que brinda unha gran perspectiva visual.
Para rematar, na aldea de Buxán, a Ruta do Mamut chega ó seu punto e final. Alí pódese visitar a canteira onde foron achados os restos óseos do mamut lanudo.
historia
No período máis frío do Pleistoceno, con xeadas presentes nos pastos do norte e centro de Europa, unha migración obrigada levou ó mamífero a pastar nos vales de Lemos e de Sarria, ata que unha fenda na superficie calcaria puido acabar coa súa vida.
Dende o Concello do Incio queren poñer en valor este importante legado coa creación dunha ruta de sendeirismo e a colocación dunha réplica a tamaño real dun mamut lanudo no centro do Concello. Estas actuacións permitirán converter a este animal prehistórico na imaxe do Concello e nun futuro proxecto de desenvolvemento turístico para a contorna tendo como símbolo e eixo fundamental este animal.
Por outra banda, o interese natural, histórico, etnográfico e cultural da zona onde se atoparon os restos do mamut e da súa contorna ofrece un atractivo para o sendeirismo xa que atravesa unhas atractivos paisaxes e zonas de alto valor etnográfico e arqueolóxico debido á existencia de numerosos castros, medorras e necrópolis.