Molinos de Antero amosa a súa arquitectura afrancesada á beira da estrada do Malvarón, en Monforte. Xa no interior destaca a decoración pictórica italianizante de Castinande, que viste toda a capela, e polo seu inmenso arquivo. Os herdeiros do fundador seguen hoxe vivindo en torno ao pazo para non deixalo morrer, e con el toda a riqueza que atesoura.
Ás instalacións, que mostra ao visitante a familia, engadíronse fai unha década, dependencias para aloxamento. Rosenda Yáñez, herdeira do Pazo, estivo toda a súa vida vinculada a este Pazo e nel vive; conversamos con ela.

Como presentarías Molinos de Antero e a súa orixe?
É un lugar que garda unha historia, unha historia pouco coñecida e é pena. Era a casa do apoderado da Orde de Malta, que á vez era o rexedor de Monforte, que á súa vez levaba os impostos sobre o tabaco, aquí no Camiño Real,… Eses impostos despois ían para a Casa Real. Tamén administraba aos Duques de Alba. A documentación do que se recadaba está aquí nos arquivos; entón a vixilancia era unha prioridade e creou un sistema de seguridade primitivo, antecedente dos sistemas de agora. As miras son como as cámaras de circuíto pechado. O pazo crece pensando en todas as artimañas e cousas que ten que ter, pensando na seguridade. Miras e portas para acceder aos sitios por lugares distintos e que o paso non interfira na vida da familia. Buscábase que houbese unha protección e ter lugares estancos, pasadizos. Todo se fai pensando no labor que vai realizar.

De pequena viñas ao Pazo para ver aos teus avós, cando es consciente do que isto significa e decides involucrarte?
Comezo a colaborar, a facerme cargo do Pazo e axudar ao meu avó, aos 23, 24 anos. Fago cortellos novos, unha cociña decente, un cuarto de baño completo… Vou loitando para dalo a coñecer e poñelo en valor. Entón pensaba que podían axudarme a soster isto, agora xa non o penso. Aquí, se non dá cartos como un parque temático, ao momento, as cousas non son interesantes.
O Pazo é hoxe a túa casa?
Aquí hai cousas das que non me podo desentender, non podo dicir que me dá igual que o arquivo podreza, ou que che pidan información e non dala. Síntome máis custodia que dona. Eu sempre xoguei aquí, para a min era o mellor, o misterio que este sitio tiña e o que me contaba o meu avó. Cando te fas maior deixas de ter esa fantasía e pasas a facerte preguntas máis concretas. E chega a responsabilidade, loitar por algo que economicamente non rende, que non podes darlle o enfoque que queres.

Cando se empezou a abrir ás visitas?
Fai 20 anos, organizámonos o meu pai e eu. Máis tarde abrín o hostal e xa non podía dedicarme ás visitas. Hoxe alugo dous apartamentos e 3 habitacións. Aquí te encargas de todo e do mantemento do Pazo; é moita dedicación; pero se elixes unha cousa logo tes que tentar estar contento e estouno, teño como certa simbiose coa casa.
Como chega o visitante de Molinos de Antero?
Algúns de casualidade, chaman particulares, veñen desde turismo. Hai de todo. O noso visitante adoita ser un turismo culto, disposto a botarse na visita 2 horas. Veñen colexios, pero máis de fóra de Monforte, grupos de amigos que organizan as súas viaxes. E despois fas amigos, gústalles e volven. Esta é unha casa viva. Para visitarnos poden contactarnos no correo info@pazomolinosdeantero.com ou nos teléfonos 676573563 – 982403072
Ribeira Sacra está a traer cada vez máis visitantes, nótao o Pazo e os aloxamentos?
Abrín en plena crise, abrín sen saber como ía ser, as casas de turismo rural funcionaban ben antes. Vas decatándote de como son as cousas, apúntaste nos centros de reserva. A Ribeira Sacra comeza a aparecer por todas partes, promociónase en todos os medios. Agora co reclamo de Ribeira Sacra cada ano é mellor, verase a partir de marzo, pero este inverno nótoo máis frouxo.
Cando te deixes de encargar disto, que pasará?
Non mo plantexo. O meu avó tampouco me dixo que me encargara disto, foi algo que saíu de min. É unha casa moi sorpresiva, é tan grande que sempre atopas cousas. Se non o adornas, só verías pingas, gretas, ruínas e contribucións. De momento seguirase adornando.