Na parte da vila coñecida como “Sárria”, aos poucos metros de entrar na parroquia de San Salvador estivo a casa soar dos Saavedra, coñecida como Casa Grande de Sárria, na que había un forno para o seu servizo, no que unha vez á semana exercían a caridade de darlles pan aos pobres e aos peregrinos pasantes pola vila, e na que ademais se lles permitiría durmir ocasionalmente .
Fronte a ese pazo urbano, na casa sinalada co actual nº 16 da Rúa Maior e ata os anos 1970 coñecida como “Casa Puche”, alzouse un hospital de peregrinos, de baixo e un andar, que estivo activo ate pasado o último terzo do século XVI. Este Hospital debeu estar baixo a proteción do Conde de Lemos, señor da vila, e do Concello e o Rexemento desta.
A súa orixe haberá que levala, cando menos, a finais do século XIV ou comezo do XV e era coñecido como Hospital de Sárria. Non estaba encomendado a ningunha institución relixiosa e contaba con dotación de bens e rendas dados por particulares.
No 1501 o Hospital de Sárria lindaba á esquerda cunha casa de Gonçalo de Castelo. No inventario de bens de Santa Mariña de Sárria feito no 1534 aparecen nomeados algúns eidos como”Leiro do Hospital” na Nogueira e Porto da Veiga.
No testamento de Antonio Díaz de Guitián (21-12-15809) aparecen sinalados os reparos que había que facer no edificio que debía estar moi estragado polo paso do tempo. O Conde de Lemos e o alcalde e rexedores da Vila (Pedro López de Ronfe, Domingos Fernández de Cedrón, Lopo A. do Campo e Xoán López do Barrio, contrataron con Melchor López (carpinteiro de Rubín) e Bartolomeu López (da Ponte Ribeira) “o reparo da parte dianteira do Hospital para lle quitar a “barriga” que parece querer caer cara a parte da propiedade de Pedro López, e acabar de lousala”. E ademais terían que rematar a cámara que está tras do hospital, “para que non chova nela”
O mesmo Antonio Díaz de Guitián no 6.11.1582, fixo doazón dunha cama de roupa, e pagou a fabricación dunha cámara para situala por riba do altar e pechada. Estaba destinada para que a poidesen usar algún pobres limpos que viñesen ao hospital, aclarando que esta cama “será sustentada sempre polo vínculo da súa familia” , e mentres vivise a súa muller Milia Vázquez Quiroga, e despois os herdeiros que levasen os seus bens, e que “todo o faga cumprir a Xustiza e Rexemento da Vila” .
Por este documento sabemos que na parte traseira do hospital había unha capela con altar, á que se lle deu un alto para facer unha cámara na que se acollerían pobres “limpos”, e dicir, sen doenzas como a “lepra” ou outras contaxiosas, e que a familia dos Díaz de Guitián ostentaba unha especie de padroado sobre a institución, encomendándolles ao Alcalde e Rexemento da Vila a vixilancia e control dos fins institucionais e a esixencia do cumprimento das obrigas económicas.
Poucos anos despois este hospital deixou de prestar servizo, cando se lle deu cumprimento ao mandado por don Dinís de Castro e Portugal, no seu testamento de 19 de maio do 1588, no que fixo unha ampla manda para facer un hospital novo (o de Santo Antón Abade) en Cima de Vila, fronte a San Salvador e a Fortaleza, para o que houbo que mercarlles unha leira aos Díaz de Guitián.
Finalmente no Hospital Vello o párroco de San Salvador de Sarria, Xoán Díaz de Guitián (s. XVII) , estableceu uha Tulla benéfica, unha dotación para casar doncelas pobres (Obra Pía dos Guitián) e sinalou a cámara posterior do Hospital Vello para acollemento dos cregos da comarca que baixando a Sárria tivesen necesidade de permaneceren na vila.
E así foi como rematou a vida hospitalaria da segunda institución creada en Sárria especialmente para a acollida de peregrinos.