HomeMedio ambiente e PatrimonioLocalizado en Proendos o primeiro Horreum romano con muros paralelos de Galicia

Localizado en Proendos o primeiro Horreum romano con muros paralelos de Galicia

Este luns, 28 de decembro, déronse a coñecer os resultados dos traballos executados durante o mes de outubro no xacemento de Proendos, en Sober, que foron financiados pola Xunta de Galicia.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

En outubro de 2020 realizáronse 5 sondaxes arqueolóxicas nos terreos da parroquia de Proendos, en Sober. No lugar existía a constancia da presenza dun xacemento arqueolóxico de gran tamaño do cal se teñen documentado numerosas pezas; como columnas, cerámicas e material construtivo. 

Nas 5 sondaxes foron recuperados materiais arqueolóxicos e puido comprobarse a presenza dun horrreum romano, un celeiro de grandes dimensións datado en época altoimperial. Construído mediante muros paralelos de moi boa feitura, para así ventilar ben o cereal e favorecer a súa conservación. Este tipo de estruturas son escasas no noroeste peninsular, coñecéndose unicamente 2 na zona de Foz Côa, en Portugal, pero este é o primeiro de cronoloxía altoimperial de todo o noroeste peninsular e o primeiro de Galicia. A carón del localizáronse muros que delimitan un posible espazo agrario, cun gran recipiente cerámico de tradición castrexa, o cal tamén nos remite ao século I-II d.C.

Na área central constatouse a presenza dunha grande estancia con planta en ábsida de máis de 10 metros de longo e que se atoparía vinculada a restos de mosaicos de varias cores, localizados en posición secundaria. Asociada á estancia en ábsida atoparíase unha pequena habitación con muros reforzados, a cal albergaría un hipocausto, un sistema de calefacción subterráneo que podería estar calefactando simplemente a estancia ou unha zona de baños. Este grande edificio estaría datado no Baixo Imperio e cando se abandona, nos séculos V-VI, é empregado para a produción de grandes cantidades de ferro ou cobre evidenciado polo grande número de escouras localizadas. 

Proendos sondaxes / concello de Sober

Durante os traballos localizáronse dúas áreas con ocupación romana diferenciada, unha do Alto Imperio, vinculada co horreum e estruturas agrícolas e outra do Baixo Imperio, cun grande edificio nobre con elementos de luxo, como mosaicos. Estas evidencias formulan a posible existencia en Proendos dunha complexa villa romana fundada no Alto Imperio e cunha importante ocupación en época baixoimperial, aínda que esta hipótese debe ser refutada con maiores investigacións. 

Exposición en Sober

Durante os traballos recuperáronse máis de 1.200 elementos, depositados no Museo de Viladonga e para parte dos cales o Concello de Sober está xestionando a súa exposición na propia vila, posiblemente na Oficina de Turismo. Entre estes materiais destacan cerámicas de tradición indíxena, pezas de Terra Sigillata, cerámica común lucense, cerámicas comúns dos séculos V/VI d.C. e unha conta de acibeche. 

ÚLTIMAS

Tres novos vehículos para dar servizo ás zonas rurais da Pobra do Brollón

Os novos vehículos son dúas pick up e un todocamiño que están xa a...

Proxéctase a mellora urxente do Estado Municipal da Ribela

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse co alcalde de Sarria,...

Case 600 persoas na II Festa Interxeracional do Concello de Chantada

Na primeira edición participaron unhas 350 persoas e este ano case se duplica a...

Actividades para celebrar en familia no Verán Cultural de Chantada

Do 2 de xullo e ata o 30 de agosto, o Concello de Chantada,...