InicioMedio ambiente e PatrimonioQuiroga mellora as rutas da Rede Natura

Quiroga mellora as rutas da Rede Natura

A sinalización do antigo camiño que se utilizaba para baixar o ferro do monte Formigueiros ata as ferrerías, a creación dun punto de observación da antiga mina de antimonio de Vilarbacú e a posta en valor dun novo forno, forman parte do proxecto de mellora das rutas do municipio incluídas na Rede Natura 2000.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

As rutas de sendeirismo que o Concello de Quiroga ten dentro da Rede Natura foron obxecto dunha mellora que conlevou traballos de limpeza, sinalización,  recuperación de elementos danados e creación de pequenas infraestruturas.

O proxecto que se realizou en dúas anualidades (2020-2021) contou cunha axuda duns 17.000 € aportados pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia por tratarse de rutas incluídas na Rede Natura 2000. O 36,83% da superficie do Concello de Quiroga pertence á Rede Natura.

Os traballos de limpeza e sinalización mediante franxas paralelas en cor branca e amarela realizáronse nas rutas homologadas do Val do río Quiroga (PR-G 193), do Pregamento Xeolóxico de Campodola – Campos de Vila (PR-G 192), na circular da Lagoa da Lucenza (PR-G 184), , no camiño do Ferradal (PR-G 187), na ruta da Seara a Rugando (PR-G 191) e na ruta Circular Montouto (PR-G218).

mellora de roteiros Quiroga / concello de Quiroga

Coa sinalización na ruta da Seara a Rugando (PR-G 191) recuperouse un camiño que durante séculos se empregou para baixar o mineral de ferro desde os xacementos do Monte Formigueiros ata as ferrerías do Mazo, Soldón, Outeiro e Rugando. Foi a principal vía de comunicación dende as zonas de montaña ata o val do Sil.

No Camiño Tradicional de Vilarbacú ao Pía Páxaro realizáronse melloras encamiñadas á recuperación desta contorna mineira. Ademais da sinalización, limpouse o sendeiro tradicional das casas da mina ao Pía Páxaro e o camiño á boca da mina do Cofarín. Creouse un punto de observación do complexo mineiro de Vilarbacú coa colocación de dous paneis interpretativos e sinais de dirección para chegar a este punto. A antiga mina de antimonio foi unha das máis importantes de España, chegando a ter unha produción de 260 toneladas de mineral antes do seu abandono no ano 1958.

Na ruta Circular de Montouto (PR-G218) que recorre os bosques autóctonos das devesas de Montouto, Mazales e o Cervo, recuperouse a ponte de madeira tradicional na entrada da devesa do Cervo.

Ademais do acondicionamento de todas as rutas da Rede Natura tamén se realizaron traballos no souto da caleira de Cereixido. Mellorouse o camiño de acceso e recuperouse un novo forno de cal que estaba soterrado. O novo forno, moi preto do que xa se podía visitar nesta zona, estaba practicamente enterrado. A singularidade deste lugar radica agora en que é o único que se coñece que teña dous fornos de cal xuntos, e incluso non se descarta a posibilidade de que haxa algún máis.

ÚLTIMAS

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...

Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar...

Detido por tenencia e distribución de pornografía infantil despois dunha denuncia na Comisaría de Monforte

As xestións practicadas por parte da Comisaría de Monforte de Lemos arroxaron que o...

CSIF Lugo pide ao concello de Monforte que cumpra a lei e recoñeza aos seus traballadores os dous días de asuntos propios pendentes do...

CSIF lembra que o concello está obrigado a recoñecer este dereito dos seus empregados...