O documento, que entrará en vigor mañá, culmina o traballo desenvolvido desde o ano 2017 por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para garantir a protección integral do edificio proxectado polo arquitecto madrileño, José Luís Fernández del Amo, un dos máis importantes representantes da nova arquitectura española no século XX.
Tamén se inclúen máis de 40 bens do interior, como os 24 bancos deseñados polo propio arquitecto ou as vidreiras, parte delas obra do artista, José Luís Gómez Perales, cun valor artístico excepcional. Igualmente, pasan a integrar o Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia outros elementos singulares como dous confesionarios, unha pía bautismal e outra de auga bendita, o altar principal e outro lateral, a talla da Virxe de Santa Cruz do Incio, crucifixos ou viacrucis, entre outros.
Do mesmo xeito, catalóganse o pasamáns do coro, realizado con tubos de aceiro de sección cadrada como os das cercas, en que se enroscan 13 táboas de castiñeiro; o lintel da porta da sancristía; as portas −resoltas de xeito tradicional−, con seccións macizas de madeira, e ferraxes feitos en forxa, de seccións simples; o armario do baptisterio e o remate da torre. Cómpre destacar que a participación de artesáns locais produciu pezas e solucións construtivas de gran calidade e interese.
A igrexa de Santa Cruz do Incio é unha mostra excepcional da arquitectura do Movemento Moderno en Galicia e no resto de España. Foi construída entre 1961 e 1963 e, a pesar da modestia das súas dimensións e dos recursos dispoñibles para a súa execución, era unha das obras das que máis satisfeito se sentía o arquitecto pola singularidade do encargo, nun pequeno núcleo rural.
A Xunta investiu o pasado ano 130.000 euros en tarefas de conservación do templo, entre as que destaca a construción dunha nova escaleira de subida á torre e tribuna seguindo o proxecto orixinal de Fernández del Amo, que neste punto quedara sen executar.